• Número 366
  • 09 de outubro de 2017

Universidade

Execución das ofertas de emprego público

Porque temos a obriga de ser claros coas compañeiras e compañeiros

Observamos que, a medida que se aproxima o momento de facer efectivas as ofertas de emprego, medra o desacougo entre @s compañeir@s que na universidade desenvolven as súas labores como persoal interino. Para evitar malos entendidos reflectimos, neste artigo, a posición da Alternativa de PAS Asemblearia (APA) ao respecto. A Xunta de Persoal reunirase o vindeiro día 16 para, entre outras cousas, avaliar a comenencia de facer asembleas con todo o persoal interino para debater e clarificar dúbidas.

O primeiro que temos que sinalar é a diferenza que existe entre a oferta de emprego público (en adiante OEP) e a súa execución (convocatoria...).

Aprobación da OEP:

·         A OEP ten que se aprobar anualmente, mentres que exista a limitación establecida na taxa de reposición, as prazas que se deben contemplar recóllense nos sucesivas leis de Orzamentos Xerais. En concreto nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017, a día de hoxe, debido á falta de apoios do executivo pola actuación en Cataluña, o goberno xa fala de prorrogalos para o ano  2018, establécese:

Artigo 19. Oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal.

4. Para calcular a taxa de reposición de efectivos, a porcentaxe máxima a que se refire o punto anterior aplicarase sobre a diferenza resultante entre o número de empregados fixos que, durante o exercicio orzamentario de 2015, deixaron de prestar servizos en cada un dos sectores, ámbitos, corpos ou categorías, previstos no punto anterior, e o número de empregados fixos que se incorporasen neles, no referido exercicio, por calquera causa, excepto os procedentes de ofertas de emprego público, ou reingresasen desde situacións que non impliquen a reserva de postos de traballo. Para estes efectos, computaranse os cesamentos na prestación de servizos por xubilación, retiro, falecemento, renuncia, declaración en situación de excedencia sen reserva de posto de traballo, perda da condición de funcionario de carreira ou a extinción do contrato de traballo, ou en calquera outra situación administrativa que non supoña a reserva de posto de traballo ou a percepción de retribucións con cargo á Administración en que se cesa.

Execución das OEP:

·         Na Lei 2/2015 de Emprego Público de Galicia establécese:

Artigo 48. Oferta de emprego público

4. Unha vez aprobada e publicada a oferta de emprego público, os respectivos procesos selectivos convocaranse no prazo máximo fixado naquela. En todo caso, a execución da oferta de emprego público débese desenvolver dentro do prazo improrrogable de tres anos, contado a partir do día seguinte ao da publicación daquela no correspondente diario oficial.

A indefinición do termo “desenvolver” foi suxeito de controversia pois tanto pode entenderse como iniciación do proceso coa convocatoria como telo rematado cos nomeamentos correspondentes.

Diferentes sentenzas (1) (2) determinan que o prazo de tres anos refírese á publicación da convocatoria, incluso para maior concreción nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017, no mesmo artigo 19 sinalado ao comezo establécese:

Cinco. A validez da taxa autorizada no apartado un, números 2 e 3 deste artigo, estará condicionada a que as prazas resultantes se inclúan nunha Oferta de Emprego Público que, de conformidade co establecido no apartado 2 do artigo 70 do EBEP, deberá ser aprobada polos respectivos órganos de Goberno das Administracións Públicas e publicarse no Boletín Oficial da Provincia, da Comunidade Autónoma ou, no seu caso, do Estado, antes da finalización de cada ano.

A validez da devandita autorización estará igualmente condicionada a que a convocatoria das prazas se efectúe mediante publicación da mesma no Diario oficial da Provincia, Comunidade Autónoma ou, no seu caso, do Estado, no prazo improrrogable de tres anos, a contar desde a data da publicación da Oferta de Emprego Público na que se inclúan as citadas prazas, cos requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no apartado 1 do artigo 70 do EBEP.

Proceso seguido na UDC:

·         O proceso iníciase ao se publicar a OPE de 2015 no DOG 2012 do venres, 6 de novembro de 2015 Resolución do 28 de outubro de 2015 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2015, a convocatoria das ofertas a acumular ten que estar publicada no DOG, polo tanto, antes do mércores 7 de novembro de 2018.

Ao noso entender, o prazo establecido posibilita que, de se axilizar a negociación e publicación da OEP de 2018 poida acumularse na convocatoria da que estamos a falar, incrementando, no posible, as prazas de posto base.

Posición de APA:

·         Na Alternativa de PAS Asemblearia, que convocamos moitas mobilizacións e participamos activamente noutras convocadas polos sindicatos, contra os recortes impostos polos diferentes gobernos durante esta etapa de “crise”,  recortes que afectaron, tamén, moi negativamente á reposición, do emprego na universidade, verdadeira causa da situación de escaseza de prazas nas OEP. Consideramos prioritario a consolidación de postos. Traballo con seguridade e dereitos. Polo tanto, non entra no noso proxecto renunciar a que se consolide o pouco emprego que o goberno permite convocar, máxime cando as previsións son que as taxas de reposición sigan existindo o que impide establecer convocatorias expansivas que permitan rematar, dunha vez, coa precariedade instalada na universidade.

Como sinalamos anteriormente intentaremos que o número de prazas sexa o maior posible e seguiremos a reclamar que sexan todas de postos base.

Animámosvos, de novo, a participar en canta mobilización se convoque para reclamar a restitución dos dereitos que nos roubaron,  dos que o emprego digno é un dos máis importantes. Temos que rachar a taxa de reposición!. Só coa mobilización conseguiremos esa recuperación de dereitos que reclamamos.

Circunstancias adicionais:

·         A universidade debe realizar as actuacións necesarias para solucionar o erro cometido na publicación da OEP de 2015 onde se establece que as dúas prazas de auxiliar de servizos que nela se contemplan son do subgrupo E-AP, tendo que figurar que son do subgrupo C2.

·         Cómputo do tempo traballado nos subgrupos C2 e E-AP. Temos que consolidar na convocatoria o acordo existente coa Xerencia para que se compute o tempo traballado en base ao establecido na Oferta de Emprego Público da Administración Central que se publicou no BOE nº 162 do 8 de xullo de 2017 que publica o Real Decreto  702/2017, de 7 de xullo  que contempla, no artigo 3, apartado 9:

“9. Nos procesos selectivos nos que exista unha fase de concurso, contemplarase especificamente, entre outros méritos, a valoración gradual e diferenciada da experiencia acreditada polos candidatos que, con carácter interino ou temporal, desempeñasen funcións idénticas ou análogas ás da respectiva convocatoria.”

Prazos da convocatoria

·         Hai compeñeir@s que nos preguntan polos prazos que se establecerán na convocatoria. Pola experiencia e polas revisións que realizamos temos que sinalar que non hai unha normativa que, de xeito explícito, regule neste aspecto as convocatorias. Mesmo na Universidade da Coruña déronse situacións diferentes en función da convocatoria que se tratase.

Imos poñer exemplos
Nas últimas convocatorias de prazas de persoal laboral (exemplo convocatoria de Técnicos Especialistas en Informática) establecíase no punto 7, calendario das probas:
7.2 A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

Esa mesma circunstancia non se contempla nas convocatorias que, nese mesmo momento, se estaban a levar a efecto no colectivo de PAS funcionario (convocatoria da Escala de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos).

A conclusión é a xa sinalada, os prazos son máis ou menos concretos en función de cada convocatoria. A isto temos que engadir que, como sabedes, rara vez a administración compre os prazos que ela mesma determina.

A nosa intención é que, de concretarse prazos na convocatoria, estes permitan, cos menos impedimentos posibles, por un lado a realización de todos os trámites (presentación de solicitudes...) e por outro lado que aseguren a posibilidade de preparación dos temarios.