• Número 366
  • 09 de outubro de 2017

Loita social

O non ao muro do AVE convoca a 50.000 persoas en Murcia

50.000 persoas saíron á rúa o sábado en Murcia para dicir “non ao muro”

Decenas de miles de persoas, 50.000 segundo a organización convocante, saíron á rúa o sábado en Murcia para dicir “non ao muro” e esixir, unha vez máis, que a alta velocidade chegue á capital da rexión baixo terra.

“Que non queremos muro” ou “nós por arriba, o tren por abaixo” foron algúns das lemas coreados na convocatoria, que partiu da ponte de Santiago o Maior, un punto emblemático para o movemento e onde se viñeron producindo concentracións para pedir o soterramento das vías nos últimos trinta anos.

Todos os partidos con representación no Concello, a excepción do PP, AMPAS, sindicatos, asociacións veciñais e entidades culturais mostraran previamente o seu apoio á convocatoria. Esta botou a andar coa polémica despois de que varias asociacións empresariais e profesionais de Murcia se reunisen co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para mostrar o seu apoio ao proxecto actual. O plan atopou un muro de rexeitamento entre os veciños e veciñas, que se negan á chegada do AVE en superficie provisional ata que se terminen as obras de soterramento.

Para o presidente da Plataforma a Prol-Soterramento, Joaquín Contreras, esta reunión foi “un intento basto de cambiar a opinión dos murcianos”. Contreras insiste en que se valore a aposta da Plataforma por utilizar a estación de Beniel, conectada coa cidade de Murcia con trens lanzadeira, mentres se leva a cabo o soterramento. “Terán que valorar se prefiren apoiar a opinión dunha ducia de persoas relacionadas coas empresas ou a de miles de veciños”, di ao Salto.

“Queren traer o AVE como sexa para facerse unha foto de cara ás eleccións de 2019”, asegura Contreras, que cre que a manifestación do sábado foi “a maior da rexión en democracia”. A protesta transcorreu sen incidente e, de novo, con Pink Floyd: 200 músicos interpretaron unha versión de “The Wall” que moitos veciños corean: “Eh, Murcia, non máis muros non / Soterrado o tren / por arriba vou eu”.

O Goberno rexional non se pronunciou de momento sobre a convocatoria do sábado. Si o fixo o alcalde de Murcia, José Balllesta, que tivo que saír ao paso nunha convocatoria con medios de comunicación este luns. Ballesta respondeu as preguntas dos medios que “non hai fractura” entre veciños e a clase política.

O alcalde dixo tamén que trasladará á sociedade Murcia Alta Velocidade, que se reúne este luns e que inclúe a goberno rexional, Concello de Murcia, Fomento e ADIF, os acordos do último Pleno, cando se aprobou unha moción de urxencia para pedir que se dea prioridade ao proxecto de Beniel e que non se pechen pasos a nivel. A moción saíu adiante cos votos dos partidos da oposición.

A plataforma asegura que as convocatorias diarias se manteñen, aínda que se trata de encontros promovidos por veciños e veciñas que a plataforma simplemente trata de coordinar, aseguran. O que si fará esta plataforma é acudir ao lugar de reunión da sociedade desta tarde.

Así mesmo, prevé viaxar a Madrid en outubro para pedir no Ministerio de Fomento que se teñan en conta as súas reivindicacións, e entre os seus plans está tamén unha visita ao Parlamento Europeo en novembro.

El Salto