• Número 365
  • 02 de outubro de 2017

Universidade

Resumo da reunión do Consello de Goberno de 28/09/2017

O afán de tutelaxe sobre o PAS chega ao paroxismo

O pasado xoves, día 28, realizouse unha nova reunión do Consello de Goberno na que como sabiamos, non ía ser doutro xeito, aprobouse a Oferta de Emprego Público do ano 2017. Como sempre, tamén, as discusións co reitor foron importantes e subidas de ton, demostrándose, unha vez máis, o nulo talante do equipo de goberno, e o pouco importantes que somos para eles, chegando incluso a intentar nomear no nome do colectivo unha persoa para unha das comisións.

Orde do día

Informe do reitor:

O xerente tivo un “percance” de saúde, un infarto de miocardio, que o terá apartado das súas labores arredor de tres meses. Neste Consello ocupa o seu lugar, por delegación, a vicexerente Yolanda Calaza. A baixa do xerente dificulta as conversas coa Xunta de Persoal. Xa se realizou unha reunión coa Xunta de Persoal para intentar que as repercusións sexan as menores posibles. Rematou este punto comentando que parece que estamos condenados a que todos os setembros esteamos sen xerente.

Informe da vicexerente

A Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda informou favorablemente a proposta de Oferta de Emprego Público do ano 2017.

Os puntos que se levan para decisión na orde do día apróbanse na súa totalidade.

Puntos máis interesantes:

7. Instrución de solicitude e xestión de proxectos europeos do programa Horizon 2020 e doutros proxectos internacionais e de custos indirectos e recursos liberados dispoñibles no marco destes proxectos de I+D

8. Proposta de renovación de membros da Comisión de Relacións Internacionais

Neste punto sinalamos que a representación do PAS que se reflicte na proposta non foi consultada cos representantes do colectivo. Sen que isto afecte á capacidade da persoa que se propón, como grupo e colectivo rexeitamos a tutelaxe institucional. Reclamamos que a representación que corresponde ao colectivo de PAS sexa o PAS quen a determine. Apróbase o punto coa reserva de que a representación do PAS no Consello de Goberno determine a persoa que o representará.

9. Proposta de aprobación do Regulamento sobre o exercicio do dereito a identidade de xénero na UDC

A representación do PAS saudamos a presentación deste regulamento que consideramos necesario. Entre outras cousas, a instrución coa que se actuaba ate o momento, adoecía de carencias como que tanto as notas como a relación de presenza nas aulas, dependendo de quen fose o docente, tiña unha identificación ou outra, estas circunstancias solvéntanse co regulamento que se propón para aprobación.

Anxo Calvo solicita que, de ser posible, se aplique o regulamento para casos de violencia de xénero.

Antes da intervención do reitor o PAS sinalamos que entendemos que é preciso un regulamento específico para estes casos que dean solución a situacións como a que acontece no colectivo de PAS no que unha compañeira tivo que fuxir para escapar do acosador, estando neste momento á espera dunha solución por parte da institución.

O reitor concorda en que a violencia de xénero require un regulamento específico e sinala que a universidade está a actuar na situación da traballadora acosada, non sinalou as medidas que están apoñer en marcha.

10. Proposta de aprobación da OEP de PAS 2017 da UDC

Intervención da representación do PAS:

Como ben sabe o reitor, reiterámosllo na reunión realizada o pasado día 11 a Xunta de Persoal  rexeita a Oferta de Emprego do ano 2017. As razóns son as mesmas que as que no seu día obrigaron a mostrar o desacordo coa OEP de 2016. A Xunta de Persoal reclama que todas as prazas da Oferta de Emprego que se convocan a quenda libre sexan de postos base.

Lembramos, a este respecto o que establecen os Estatutos da Universidade:

No artigo 93, punto 3 sinálase:
 
“3. A provisión de postos de xefatura ou nivel superior ao básico do corpo ou escala realizarase mediante un concurso de méritos entre o persoal funcionario da Universidade..

Vostedes que presumen de cumprir coa legalidade anoten este dato.

Anunciamos, polo tanto, o noso voto en contra desta proposta da OEP.

Outra cuestión non menos importante é que, da aprobación desta Oferta de Emprego deriva a necesaria convocatoria de oposicións que teñen que contemplar as ofertas dos anos 2015, 2016 e esta que se trae a aprobación.  Hai tempo que sinalamos un erro na Oferta de Emprego Público do ano 2015 que incumpre os acordos acadados para a funcionarización do colectivo de PAS laboral.

En concreto na OEP de 2015, a única consensuada, aparecen 2 prazas da escala técnica de servizos (E-AP), segundo o acordo de funcionarización ao que nos referimos estas prazas deberían ser do grupo C2.

Pensamos que aínda estamos a tempo para que na convocatoria se subsane este erro.

O reitor resposta que se se pode cambiar a adscrición destas prazas, farase.

Reitera o manido discurso de que a universidade, fábrica de titulados, débelles dar saída profesional. Sinalamos como tamén facemos de xeito reiterado que @s traballador@s que optan ás prazas mediante concurso tamén son titulad@s da universidade e cumpren os requisitos, tamén o de titulación, da praza.

O reitor e secretario xeral intentan liar as cousas facendo diferencia entre provisión e acceso. A representación do PAS reclama en reiteradas ocasións que se cumpra o establecido nos Estatutos

Votase a proposta co resultado de 24 votos a favor, 6 abstencións e 3 votos en contra.

Quenda aberta

Intervención da representación do PAS:

A principios de mes recibimos unha comunicación na que se daba conta da RESOLUCIÓN REITORAL DO 1 DE SETEMBRO DE 2017 POLA QUE SE ENCOMENDA Á FUNDACIÒN DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA A XESTIÓN ECONÓMICA DE ESTUDOS PROPIOS DE POSGRAO E CURSOS DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA

Reiteramos o desacordo xa manifestado en anteriores  reunións pola existencia desta fundación que agora pasa a ser pública pero que segue exercendo as mesmas funcións que as que realizaba con anterioridade engadíndolle algunha función máis.

Este ente instrumental (chiringuito) exerceu, historicamente a función de escape ao control institucional sen ir máis lonxe, dos proxectos de investigación, sendo que, de esta circunstancia, derivaron graves prexuízos económicos para a universidade.

Manifestámonos como fixemos en anteriores circunstancias en contra da dobre xestión. Consideramos que toda a xestión que ten que ver coa actividade da universidade debe realizarse a través dos canles institucionais. Reclamamos, polo tanto, a integración de todas as súas funcións na órbita da xestión directa, respectando, como non podía ser doutro xeito, os dereitos das traballadoras e traballadores que exercen funcións nese ente.

Reiteramos algunha petición que consideramos urxente:

Axilización dos procesos de promocións. A Xunta de Persoal indícalle ao reitor que non se entende que algunha convocatoria na que se publicaron as cualificacións definitivas no mes de maio, a día de hoxe non estean rematadas.

Cada promoción é un proceso independente que comeza e remata, non depende en ningún caso do resto das promocións

Roupa de traballo

A Xunta de Persoal sinala que a falta de convocatoria por parte da universidade, tivo como efecto que na adxudicación só se aceptasen 31 solicitudes, denegándose 36 por presentar a solicitude fóra de prazo.

Requírese a convocatoria anual para coñecemento das traballadoras e traballadores. Solicítase que, dadas as circunstancias, se realice unha convocatoria extraordinaria.

Aproveitamos a ocasión para informar ao Consello de Goberno de que se interpuxo recurso contencioso administrativo contra a convocatoria de concurso de méritos por non contemplar todas as vacantes, marxinando ás traballadoras e traballadores do Servizo de informática e comunicacións. Rexeitamos a deriva do equipo de goberno que obriga a xudicializar as relacións coas traballadoras e traballadores.

Resposta do reitor:

A FUAC ten vixilancia da súa xestión, é totalmente pública e réxese por regulamentos públicos. Quérese que a súa xestión sexa transparente e suxeita a control.

Acabo de asinar as listaxes de Bibliotecas, estanse a axilizar os procesos de promoción.

Roupa. Independentemente de que xa estea a saír a convocatoria do ano 2018, polo tanto hai que agardar pouco por outra convocatoria, xa falou coa responsable do servizo para coñecer a situación e, se é posible, facer outra convocatoria.

Que unha central sindical á que se adhire unha agrupación de funcionari@s sexan quen se posiciona en contra do concurso significa que non toda a Xunta de Persoal está en desacordo co concurso.

Resposta da representación do PAS

A Xunta de Persoal posicionouse, na súa totalidade, en contra de que o concurso non contemplase todas as vacantes, os que hoxe están no Consello de Goberno foron testemuñas das mobilizacións realizadas. Non se pode confundir ao Consello de Goberno con este artificio, que non se denuncie non significa que se está de acordo.