• Número 364
  • 25 de setembro de 2017

Universidade

Concurso. Presentado o recurso contencioso administrativo

A actuación discrecional e interesada da Reitoría abriga a presentar recurso contencioso

O pasado venres, día 22, presentamos, co apoio da asesoría xurídica de CCOO, o recurso contencioso administrativo contra a Resolución do 3 de abril de 2017 da Universidade da Coruña pola que se convoca o concurso de méritos para a provisión de diversos postos de traballo correspondentes ao persoal funcionario de administración e servizos.

Como xa sinalamos en múltiples ocasións, reclamamos por tódolos medios ao noso alcance, que a institución convocase o concurso de traslados con todas as prazas vacantes. Fixémolo desde a Xunta de Persoal, nas reunións do Claustro e Consello de Goberno, mediante mobilizacións e presentando recurso de reposición. O empeño interesado da Reitoría en romper coa legalidade sen dar a mínima explicación, fórzanos a dar este paso que debe ser definitivo para restituír a legalidade rematando coa discriminación á que se somete ás traballadoras e traballadores do Servizo de Informática e Comunicacións.

Presentamos, xunto as compañeiras e compañeiros de CCOO este recurso para significarlles ás traballadoras e traballadores afectadas que non están soas, e a todo o PAS manifestarlle, mediante actos como os sinalados ao principio do artigo e mesmo con este recurso, que o colectivo que pretendemos construír ten que fundamentarse nos principios de igualdade, equidade, non discriminación... E que ninguén pode quedar marxinado sen que se actúe en consecuencia.