Xuño de 2017
 
 

NÚMERO 360 - 05/06/2017

   CUTUDC / Novidades

  CORRUPCIÓN
 

Xuíces fartos da inxerencia política

“...Imos ver, Eduardo: temos o Goberno, o Ministerio de Xustiza, non sei que... Temos a un xuíz que está provisional. Ti ascéndelo. Eu dígolle: ‘A ver, veña vostede pacá. Cal é a praza que lle toca? Onteniente?’ A tomar polo cu a Onteniente e aquí que veña o titular, que xa mas apañarei co titular, cona”.

 

  • Noticias relacionadas

“...Imos ver, Eduardo: temos o Goberno, o Ministerio de Xustiza, non sei que... Temos a un xuíz que está provisional. Ti ascéndelo. Eu dígolle: ‘A ver, veña vostede pacá. Cal é a praza que lle toca? Onteniente?’ A tomar polo cu a Onteniente e aquí que veña o titular, que xa mas apañarei co titular, cona”. 

 

É un extracto da conversación telefónica entre Ignacio González e Eduardo Zaplana, gravada pola Garda Civil e recollida no sumario da Operación Lezo; unha das razóns do ingreso en prisión de González, ex-presidente da Comunidade de Madrid, polo desfalco da Canle de Isabel II, quen tamén dixera a Enrique Cerezo, presidente do Atlético de Madrid: “Mira, eu xa estou ata os collóns, ou sexa, dicídeme, aquí que queda, pegarlle dous tiros á xuíza?”.  
 
Por eventos como este a cidadanía española ten, segundo o último Eurobarómetro da Comisión Europea sobre a materia, unha das peores percepcións do seu sistema xudicial de todos os países do ámbito comunitario: só os búlgaros, os croatas e os eslovacos desconfían máis dos seus respectivos. Un 58% de españois considera que a situación no relativo a independencia xudicial é mala ou moi mala, cun empeoramento de tal opinión dun 2% respecto ao ano pasado. A metade dos enquisados atribuía esta impresión ás “interferencias políticas” e aos intereses económicos, cuestións entre as que tampouco adoita haber moitas fronteiras. 
 
Mentres tanto, no Congreso dos Deputados lévase a cabo unha Comisión destinada a informar “sobre temas relacionados co estudo e definición dunha Estratexia Nacional de Xustiza”. É dicir: mentres quen goberna ou gobernaron (fronteira difusa de novo) consideran que teñen aos xuíces porque teñen o Goberno e teñen o Ministerio de Xustiza, na Sala Constitucional do Congreso convídase semanalmente a expertos na materia para que axuden, en teoría, a acabar con eses dubidosos costumes de quen manda (mandaron, mandarán?) no Congreso.
 
O pasado 17 de maio acudiron os representantes das catro asociacións xudiciais españolas para expoñer o seu diagnóstico da situación: todas coincidentes en varios puntos concretos, pero sobre todo un: a maior parte dos xuíces tampouco confía no órgano encargado da súa gobernanza, o Consello Xeral do Poder Xudicial. 
 
Manuel Almenar, presidente da Asociación Profesional da Maxistratura (APM), incluíu o descrédito do CGPJ como causa desa pésima impresión da cidadanía sobre a xustiza: algo concibido nun principio para “garantir a independencia dos xuíces subtraendo ao Executivo das competencias” que incluían nomeamentos, ascensos e réxime disciplinario, converteuse, dixo, “no paradigma da politización da xustiza” debido ao seu sistema de elección, segundo o cal o Congreso e o Senado elixen aos 20 vogais, 10 cada un (seis xuíces e catro xuristas –con máis de 15 anos de carreira estes últimos– cada un: un total de 12 xuíces e 8 xuristas) por unha maioría de tres quintos das cámaras. Mesmo Almenar confesou ser el mesmo vogal “a proposta do PP”. “Entendo que poidan pensar que son unha correa de transmisión”, aínda que el tente non selo. 
 
Por parte da Asociación Francisco de Vitoria, Raimundo Prado asegurou que non viu “mellora” algunha na carreira xudicial desde que el entrase, fai trinta anos. “Por que esa percepción de que os xuíces en España non somos independentes? Porque se fala do xuíz amigo noso, do xuíz do noso partido. Iso provén, quéirano entender ou non, do sistema actual de elección de vogais xudiciais. O vogal do PP, o vogal de non se quen... E pronto haberá de Cidadáns, e de Podemos. Estamos xa fartos. Non só nós, tamén o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. É algo tan sinxelo como que os representantes estean nomeados polos representados [é dicir, que os xuíces do CGPJ sexan elixidos polos xuíces]. Que nos representen quen nós votamos, e evitaríase por exemplo o de onte nesta Cámara”. 
 
Co “de onte” referíase Prado á reprobación a que foi sometido o día 16 o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, por unha maioría do Congreso (todos os grupos salvo o PP), a través dunha moción presentada polo PSOE, acusando ao ministro de actuar como “avogado” dos imputados do seu partido en casos de corrupción, tratando de mover fichas do taboleiro xudicial para amortecer os golpes. Este tipo de mocións, con todo, non é xuridicamente vinculante; todo queda no plano simbólico de ser o primeiro ministro reprobado ata a data polo Pleno congresista. “Vostede era a esperanza para saír das leas de Ignacio González”, díxolle desde a tribuna a deputada socialista Isabel Rodríguez.
 
“...Eu creo que se podemos colocar o tema do fiscal Anticorrupción”, dicía Ignacio González a Eduardo Zaplana, “se sae, é “cojonudo”. Chámase Moix, é un tío serio e bo… Non son quen, pero non me corto en dicirlle a Rafa: ‘Oe, Rafa...’. Sabes?”. Rafa era, é Rafael Catalá, o ministro de Xustiza, quen á súa vez mandara un SMS en novembro a González (a quen chamaba Nacho) enviándolle “un forte abrazo” e desexándolle “que se pechen pronto as leas”.  
 
“Hai algo máis grave que a corrupción”, engadiu no Congreso aquel día a deputada socialista, “e é que o seu ministerio chame aos fiscais para que non investiguen os casos de corrupción do seu partido”. O certo é que o Fiscal Xeral do Estado, José Manuel Maza, nomeou o pasado febreiro ao “serio e bo” Manuel Moix como fiscal xefe de Anticorrupción, despois de que o Consello Fiscal (de maioría conservadora, é dicir, controlada polo PP) lle dese o seu respaldo. 
 
“É imprescindible afastar a xustiza de toda sospeita, cunha Fiscalía autónoma e funcional”, dixo o representante de Xuíces para a Democracia, Ignacio G. Vega. Respecto ao Consello Xeral do Poder Xudicial, Vega destacou o seu “protagonismo mediático”, que “o sitúa todo o tempo no debate político. Creo ademais que o descrédito que sofre este órgano contamina ao resto”. E incidiu en que debería “recuperar as competencias que tiña antes da lei orgánica de Gallardón ”: a substitución dun funcionamento “presidencialista” polo do “órgano colexiado” de xuíces e maxistrados; “unha maioría plural, equilibrada, coa presenza das minorías. Así se evitarían defensas corporativistas contrarias ao interese xeral”. 
 
A reforma que o entón ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, levou a cabo en 2013 foi a principal diana da última comparecente, Concepción Rodríguez, presidenta do Foro Xudicial Independente. Para ela, é imposible que exista “un Estado social, democrático e de dereito” sen unha separación real dos tres poderes, e “para que exista un poder xudicial forte é necesario que o seu órgano de goberno [o CXPX] estea constituído polo menos na metade polos seus pares”. Dixo que “cada lei desde 1985” supuxo “unha volta de torca en contra da independencia xudicial”, pero a de 2013 foi a peor ao subtraer ao pleno do CXPX das súas facultades e atribuílas á súa Comisión Permanente. 
 
“Por iso defendemos que os 12 vogais de procedencia xudicial sexan elixidos polos xuíces e maxistrados. Non é menos democrático, porque o democrático non é que un poder controle a outro poder do Estado, senón que os gobernados elixan os seus gobernantes; por tanto, que os xuíces elixan”, e evítense situacións como que se nomeen vogais a maxistrados “sen a antigüidade suficiente”, ou repetidamente anulados polo Supremo (“houbo nomeamentos de escándalo ”). Rodríguez alertou de que unha das consecuencias de deriva actual do Consello é que os maxistrados acoden cada vez menos a reclamar o seu amparo en casos de coacción á súa independencia, por ser os seus rogos “sistematicamente” desatendidos polo CXPX. 
 
Os xuíces tamén piden que se regulen os nomeamentos do Tribunal Supremo para que “se saiban as causas”, dixo Rodríguez, “polas que se designa a un e non a outro”, e así “calquera membro da carreira xudicial poida enfocar” alí as súas expectativas se así o desexa. Doutra banda, “somos todos contrarios a que as salas Civil e Penal dos Tribunais Superiores de Xustiza sexan designadas polas asembleas rexionais, porque logo van axuizar aos mesmos políticos que os designaron”, algo “insustentable”. E a que os fiscais asuman causas que corresponden aos xulgados de instrución: “Nos meus 30 anos de carreira a Fiscalía evolucionou a unha forte xerarquización”. Antes operaban con maior marxe; “hoxe en día o fiscal fala co fiscal xefe, e así sucesivamente...”. 
 
A reforma gallardonista de 2013 permitiu que cada cámara, Congreso ou Senado, puidese renovar aos seus 10 vogais correspondentes de forma independente –sen ter en conta á outra cámara–, co que o PP, ao controlar máis de tres quintos do Senado, podía nomear a eses dez vocais sen dar máis explicacións. Ata ese momento, en calquera caso, a elección de todos os vogais seguía dependendo do consenso dos partidos políticos, non dos xuíces. A vella reivindicación dos xuíces, a de ser os encargados de elixir aos 12 que lles representan no Consello, tamén a recollía o programa electoral do Partido Popular do ano 2011. As asociacións de xuíces podían presentar aos seus propios candidatos, pero a última palabra nunca ía ser a súa.  
 
Respecto ao contraste entre o que sucede neste ámbito en España e a media da Unión Europea, tamén as estatísticas evidencian outra falla notable: a media europea é de pouco máis de 20 xuíces por cada 100.000 habitantes; en España, 12. As asociacións xudiciais estiman que non é necesario chegar a esa media, pero si imprescindible ampliar as convocatorias de oposicións (hai moitos mozos titulados esperándoas). Segundo os seus cálculos, farían falta entre 600 e 700 xuíces máis en todo o país para, entre outras cousas, desatascar os xulgados das causas dos cidadáns, que non teñen, tampouco, nada que ver coa política. Conviría, dixeron, que os políticos dirimisen no seu terreo as cuestións que lles competen, e non levar aos tribunais batallas que pertencen máis aos preitos de telexornal de cada día.  
 
(CTXT) Miguel Ángel Ortega Lucas, Contexto e Acción

 

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript