Xuño de 2017
 
 

NÚMERO 360 - 05/06/2017

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

Discriminación lingüística na AET: “Pero vamos a ver, ¿usted no entiende el castellano?”

Hai uns días chegou á Liña do Galego unha queixa na que un usuario relataba que, por primeira vez desde que facía a declaración, recibiu o borrador do IRPF en español malia escoller sempre a opción lingüística en galego.

 

  • Noticias relacionadas

Cando chamou ao teléfono de información xeral para comunicar a incidencia, a operadora   preguntoulle: “Pero vamos a ver, usted no entiende el castellano”? Ao que o cidadán lle respostou: “Entendo, señora, mais ese non é o problema. A cuestión é que teño uns dereitos lingüísticos e quéroos exercer”. A funcionaria seguiu insistindo “La Constitución española dice que usted tiene el deber de conocer el español”.  Ao lembrarlle que a Lei do procedemento administrativo común di que hai o dereito de escoller a lingua oficial de preferencia en calquera trámite” a funcionaria respostou: “Pues en ese caso presente una queja por escrito en su oficina más próxima”.
 
A Axencia Tributaria é unha das administracións que máis negan a posibilidade de uso do galego ás e aos contribuíntes que queren usar a súa lingua. Por exemplo, se ao chamarmos á Axencia Tributaria prememos a opción atención en galego non poden atenderte mentres que, pola contra, cando marcas a opción en castelán a atención é inmediata.
 
Estas situacións non son puntuais pois hai unhas semanas non era posíbel enviar a renda en galego e ao notificar a incidencia a resposta da Axencia Tributaria era unha clara negación dos nosos dereitos lingüísticos: “Intente la presentación en las próximas horas o presente en modalidad “Castellano”.
 
Desde a Mesa pola Normalización Lingüística solicitámoslle á Axencia Tributaria que ten que garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes e que o uso do galego non ten que supor unha mala atención nin máis tempo.
 
Polo mesmo motivo Facenda chegou a multar a Mesa pola Normalización Lingüística por entender que reclamar as notificacións en galego era “obstruír” un procedemento. A sanción foi recorrida pola Mesa no tribunal económico- administrativo que lle deu a razón á entidade en defensa da lingua.
 
A Mesa pola Normalización Lingüística cualifica de lamentábel estas respostas que segundo o seu presidente, Marcos Maceira, “demostra que a Axencia Tributaria non ten ningún interese nin en cumprir a legalidade nin en dar a mínima opción a usar a lingua propia en trámites que ademais son absolutamente obrigatorios”. A Mesa insta á Axencia Tributaria a explicar por que é incapaz de manter a legalidade e as obrigas máis elementais de atención e respecto por un dereito básico como é o de uso do galego.
 
Da entidade a favor do galego lembran que a administración tamén ten obrigas con respecto ás cidadás e cidadáns e que non pode desprezar continuamente quen só exerce os seus dereitos.
 
A Mesa pola Normalización Lingüística

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript