Xuño de 2017
 
 

NÚMERO 360 - 05/06/2017

   CUTUDC / Novidades

  USC - PAS FUNCIONARIO
 

USC. A Xunta de Persoal reclama a negociación da regulamentación de comisións de servizo voluntarias

A Xunta de Persoal de Administración e Servizos da Universidade de Santiago de compostela ven de realizar diante da Xerencia da universidade, reclamación da apertura dunha negociación que regule o procedemento do sistema de provisión de prazas mediante comisións de servizo voluntarias.

 

  • Noticias relacionadas

Na reclamación realizada a Xunta de Persoal sinala:

Na USC veñen de publicarse, con data 22 de maio de 2017, uns
criterios para a concesión de  Comisións de servizos, sendo a primeira vez, por tanto, que se lle dá publicidade aos mesmos.
 
Estes criterios, consultados pero NON NEGOCIADOS con esta Xunta de Persoal, non  garanten a publicidade das convocatorias de cada praza obxecto da necesidade de provisión (xa que non hai alusión algunha á necesidade de facer públicas as prazas a cubrir entre o persoal potencialmente interesado), nin a obxectividade dos criterios de selección, xa que ao situar como criterio prioritario a proposta da Xefatura da Unidade, sen máis, esta pode ser absolutamente arbitraria.
 
A Comisión de Servizos Voluntaria é un procedemento de provisión de prazas excepcional e temporal, regulado no art. 96 da Lei 2/2015 de Emprego público de Galicia, que no seu punto 3 di: Regulamentariamente determinaranse os requisitos, a duración e o procedemento para a concesión das comisións de servizos previstas neste artigo. Esta encomenda da Lei 2/2015 está sen facer na USC, sendo o máis parecido a unha regulamentación esta publicación de criterios do 22 de maio de 2017.
 
A excepcionalidade do procedemento e a potestade organizativa da institución, argumentos esgrimidos por Xerencia para non pararse a negociar, non exime de ter que cumprir cos principios debidos de publicidade e transparencia, igualdade, mérito e capacidade propios do acceso a calquera praza, temporal ou fixa, nas administracións públicas: así o entendemos dende a parte social, pero é que ademais así o sinala abundante xurisprudencia nos últimos anos.
 
Por outra banda, a consulta de procedementos negociados e publicados por outras administracións universitarias, apórtanos exemplos suficientes da compatibilidade da urxencia cunha regulamentación clara e transparente.
 
Por tanto, esta Xunta de Persoal entende que os criterios de concesión de Comisións de Servizos publicados por esta Universidade, non garanten os principios debidos de publicidade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade e non nos parecen aceptábeis.
 
Entendemos tamén, que segundo recolle o art. 153 da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galicia, materias como a que nos ocupa, ao ser sistemas de provisión de prazas, son de obrigada negociación coa representación do persoal funcionario.
 
Por tanto esta Xunta de Persoal
 
RECLAMA
 
O INICIO DA NEGOCIACIÓN DUN REGULAMENTO PARA A PROVISIÓN DE POSTOS EN COMISIÓN DE SERVIZOS VOLUNTARIA, que permita ao fin un procedemento áxil, e que garanta os principios de publicidade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, evitando a arbitrariedade que entendemos permiten os criterios publicados.
 
Universidade de Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017.

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript