Maio de 2017
 
 

NÚMERO 359 - 29/05/2017

   CUTUDC / Novidades

  ECONOMÍA
 

A pensión media en Galiza sobe un 2% pero segue sendo a segunda máis baixa do Estado

A pensión media en Galiza subiu un 2% en maio en relación co mesmo mes do ano anterior, ata 776,42 euros, o que representa un 84,4% sobre a contía media estatal (919,55 euros) e supón a segunda máis baixa do Estado tras Estremadura, segundo os datos que publica este xoves o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

 

  • Noticias relacionadas

Na comunidade galega, o número de pensións ascendeu un 0,5% interanual, ata alcanzar as 757.057, cifra que supón un 8% do conxunto do Estado. Por provincias, a contía media das pensións en Galiza supera os 800 euros na Coruña e Pontevedra (818,37 e 817,25 euros, respectivamente), pero queda por baixo dos 700 en Lugo e Ourense (688,32 e 669,18 euros, respectivamente).
 
Desta forma, por provincias, os incrementos en variación anual foron do 2,1% en Lugo e do 1,9% na Coruña, Pontevedra e Ourense. A distribución do conxunto das pensións por provincias é a seguinte: 293.567 na Coruña, 237.352 en Pontevedra, 117.395 en Lugo e 108.743 en Ourense.
 
POR TIPOS
A pensión media por xubilación en Galiza foi de 883,34 euros en maio, fronte aos 1.062,31 euros da media, e percibíronas 470.175 persoas (181.616 na Coruña, 146.418 en Pontevedra, 73.760 en Lugo e 68.381 en Ourense).
 
Mentres, por viuvez, a pensión media galega foi de 547,60 euros, para un total de 187.112 beneficiarios (74.008 na Coruña, 57.918 en Pontevedra, 29.241 en Lugo e 25.945 en Ourense).
 
A pensión media por incapacidade permanente, que recibiron 69.618 galegos (25.964 na Coruña, 22.823 en Pontevedra, 10.443 en Lugo e 10.388 en Ourense), foi de 834,66 euros.
 
Pola súa banda, as pensións por orfandade tiveron un valor de media de 372,49 euros (23.972 galegos téñenas declaradas) e en favor de familiares a pensión chega a 480,91 euros (6.180 perceptores).
 
MÁIS DE 8.000 MILLÓNS
A Seguridade Social destinou neste mes de maio a cifra marca de 8.722,5 millóns de euros ao pago das pensións contributivas en España, un 3% máis que no mesmo mes de 2016.
 
O gasto global do conxunto de pensións chegou a superar o 8% interanual na antesala da crise (2008). Tras 14 meses subindo a taxas interanuais inferiores ao 3%, xa son trece os meses consecutivos nos que se volveu a superar esta cifra. A taxa de maio é lixeiramente inferior á de abril (3,13%).
 
Galcia Confidencial

 

 



 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript