Maio de 2017
 
 

NÚMERO 359 - 29/05/2017

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

O Ministerio de Xustiza utiliza topónimos deturpados

Chegou á Mesa pola Normalización Lingüística unha nova queixa con motivo dunha nova deturpación da toponimia galega. Neste caso, foi o Ministerio de Xustiza o que nun dos seus informes refírese á Coruña como “La Coruña”. A deturpación constante da toponimia non se pode consentir en ningún caso e menos por parte dun organismo público que, precisamente por ser o de xustiza, debe ser o primeiro en cumprir escrupulosamente a legalidade.

 

  • Noticias relacionadas

Xa pasaron máis de trinta anos despois de que a Lei de normalización lingüística recoñecese que a única forma oficial e correcta a todos os efectos de denominar os nosos nomes de lugar é a orixinal, isto é, a galega. Desde a Mesa lembraron que nos últimos anos se multiplicaron as queixas que reciben polo uso incorrecto de topónimos por parte do Goberno, administracións e empresas públicas, unha cuestión que debería estar superada desde o ano 83. Denuncian que a deturpación da nosa toponimia está motivada e impulsada ideoloxicamente desde o propio Goberno, que se nega a aceptar a diversidade lingüística e cultural do Estado renegando da lexislación e os consensos democráticos acadados entre todas e todos.
 
Segundo o artigo 10.1 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística  “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”. Ao mesmo tempo, outra lei que ampara o uso correcto da toponimia é a Lei 2/1998, do 3 de marzo que di no seu artigo 1 que “a  actual provincia denominarase oficialmente A Coruña”.
 
A Mesa criticou a “pasividade vergoñenta e cómplice da Xunta e da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística”, que ollan estas noticias sen abriren a boca e “incumpren tamén a súa obriga legal de protexer o noso patrimonio toponímico”. Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, pediu ao secretario xeral de Política Lingüística que explique á sociedade galega o que está a facer para garantir de que se cumpra a Lei de normalización lingüística, de algo tan básico como que nos chamen polo noso propio nome.
 
A Mesa pola Normalización Lingüística

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript