NÚMERO 359 - 29/05/2017
CUTUDC / Novidades
Entre xaneiro e marzo a policía investigou 13 agresións sexuais con penetración en Galicia, fronte aos 5 casos rexistrados no mesmo período de 2016, segundo os datos do Informe de Criminalidade feito público hai uns días polo Ministerio do Interior. O número de violacións denunciadas non deixou de crecer nos últimos cinco anos. En 2015 foron 54 as agresións sexuais con penetración, sete máis que as 47 que se rexistraran en 2014, e moi por riba das 42 de 2012.
Tamén se vén
incrementando en Galicia a frecuencia doutros
delitos contra a liberdade e a indemnidade
sexual, que inclúen outro tipo de
agresións e abusos sexuais sen penetración,
acoso sexual, delitos de contacto mediante
tecnoloxía con menores de 13 anos con fins
sexuais, exhibicionismo, provocación sexual e
relativos á prostitución. O seu número en 2015
(332) era moi superior ao rexistrado en 2014
(287) e 2013 (254). No que levamos de 2017, a
cifra tamén se incrementou con respecto ao
mesmo período do pasado ano (83 fronte a 77).
Nesta estatística chaman a atención algúns
datos, como que (a nivel estatal) a terceira
parte (33%) das vítimas de violación teñen
entre 18 e 30 anos e que outro 23% contan
entre 14 e 17. Así mesmo, en 2015 o 91% das
vítimas de violación no Estado español foron
mulleres, o mesmo que o 85% das vítimas dos
demais delitos contra a liberdade/indemnidade
sexual. Á vista desas cifras, non estrañan
outras estatísticas, coma a publicada polo IGE
en 2015, que indicaba que
un 36% das mulleres galegas dicían sentirse
moi inseguras ou un pouco inseguras
camiñando soas de noite pola zona na que viven,
unha porcentaxe que se reducía ata o 16% no
caso dos homes. De igual xeito, o 30% dos
homes aseguraban sentirse moi seguros,
exactamente o dobre que as mulleres (15%).
"Este tipo de estatísticas non sempre son
coñecidas, quedan nun segundo plano. Non chega
a todo o mundo que no Estado español se
produce unha violación cada oito horas, non
todo o mundo coñece o dato de que de cada seis
violacións só se denuncia unha. Pero que non
exista unha denuncia non quere dicir que non
se producise a violación", alerta María
Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres). "Nós
pedimos que todas as mulleres que sofran unha
agresión a denuncien, aínda que sabemos que
denunciar certas agresións é moi complexo. O
problema, ademais, é que os trámites do
proceso xudicial son moi lentos. Quen quere
converter a súa vida nun proceso xudicial no
que, ademais, se sente desprotexida e
incomprendida?", di Pilar Estévez (Plataforma
Feminista Galega). "Unha muller que
denuncia debe sentirse cómoda, debe haber
medios para investigar esa denuncia e,
finalmente, o que non pode haber é amparo
social e banalización ante as agresións. As
agresións sexuais deben ser cuestionadas
socialmente en todos os ámbitos: no espazo
laboral e no ámbito familiar e de amizade",
engade
O que se agocha por debaixo das agresións
Estas estatísticas debuxan unha realidade.
Con todo, en ocasións non nos permiten
albiscar por completo as circunstancias
complexas nas que se asentan este tipo de
fenómenos: outro tipo de agresións menos
rechamantes e un reparto de roles por xénero
que asenta os mecanismos de dominación e
cousificación e que contribúe á normalización
social dos comportamentos denunciados. Nos
últimos meses, o proceso xudicial contra os
presuntos violadores dos Sanfermíns
está amosando en determinados medios de
comunicación e nas redes sociais a peor cara
destas prácticas: a desculpa aos agresores, a
banalización do impacto dos feitos ou a
culpabilización da vítima.
"Hai pequenas cousas que pasan todos os días,
actos de todo tipo que non relacionamos con
eses outros actos que son denunciados. Todos
os días sufrimos micromachismos que
nada teñen de micro e que levan a que o
número de agresións sexa cada día máis
grande", di Montenegro. "Se ti, home ou
muller, ao longo da túa vida vas vendo e
escoitando certas cousas que te van
posicionando nunha situación de poder ou de
submisión, despois non sabes discernir se este
tipo de relacións son normais ou non, se é
lóxico ou non ceder ante certas cousas ou
asumir certo tipo de agresións. E todo isto
vaise construíndo con milleiros de pequenos
actos que se producen todos os días", engade.
"Hai certos límites que se traspasan e que
non deberíamos permitir. Se un rapaz de 14
anos lle toca unha teta a unha nena, tamén hai
que denuncialo. E se cadra a Fiscalía de
Menores debe darlle catro pautas a ese neno
para que con 20 non cometa unha violación",
di.
"Non se lle dá a este tema a importancia que
ten e non se toman medidas para solucionalo.
As situacións de acoso son o xermolo de
agresións máis fortes e o seu impacto non se
valora o suficiente, non se ten en conta o seu
efecto na vida diaria das mulleres", sinala
Pilar Estévez. "Non se quere ser consciente
da asignación de roles que se mantén, da
cousificación das mulleres e da
responsabilidade que nisto teñen os poderes
públicos", afirma así mesmo a
representante da Plataforma Feminista, que
engade que "o día que asasinan unha muller as
institucións e a sociedade si se mobilizan.
Pero antes dese asasinato houbo moitos pasos
previos, que non se quixeron ver e ante os que
non se actuou".
"Ata que sexamos conscientes de que eses
micromachismos xeran violadores e xeran
vítimas non vai cambiar a situación. Ata
que non nos demos conta de que certas cancións
son machistas e non se deben escoitar, de que
unha nena non pode ser tratada de princesa, de
que non podemos ter os roles nas casas tan
marcados, non imos acabar coa violencia.
Porque está todo interrelacionado, porque é a
estrutura que mantén esa relación de poder",
subliña Montenegro.
Pilar Estévez propón solucións que pasan pola
educación: "Hai que educar en valores de
respecto, educar para que ninguén invada o
espazo da outra persoa, para que todo o mundo
sexa consciente de que a outra persoa é libre
para andar por onde queira sen ser agredida".
Subliña así mesmo que "os homes deben
desaprender". "Os homes tamén son vítimas desa
educación patriarcal e machista, que durante
anos lles inculcou que debían ser os máis
fortes, que debían dominar, que debían esixir
o que é seu", di.
A culpabilización da agredida
Estévez chama a atención sobre os "debates
públicos sobre se o comportamento da muller
violada non foi o correcto, sobre se ela
coñecía os seus agresores, sobre se ela quería
que a violasen ou non"
Montenegro e Estévez tamén fan fincapé nas
representacións sociais e mediáticas sobre
este tipo de actos, dende os discursos
benévolos e exculpatorios sobre os agresores,
ata as argumentacións que poñen o foco sobre
unha suposta responsabilidade da agredida,
presentes mesmo en campañas públicas que -para
previr violacións- lles piden ás mulleres que
modifiquen os seus hábitos de vida. "Ese
tipo de campañas ou consellos poñen o foco de
atención enriba nosa, coma se nós fósemos o
problema. Nós, que somos a vítima deses
feitos, somos convertidas na causa que motiva
esas agresións. Coma se as violacións fosen
culpa nosa ou coma se nós tivésemos a
capacidade de cambiar esta realidade. Ponse o
foco enriba noso, e nunca no outro lado, no
lado do agresor. Somos nós as que nos temos
que medir á hora de realizar certos actos,
somos nós as que temos que ter medos, as que
temos que poñer límites", denuncia María
Montenegro.
Estévez chama a atención igualmente sobre os
"debates públicos sobre se o comportamento da
muller violada non foi o correcto, sobre se
ela coñecía os seus agresores, sobre se ela
quería que a violasen ou non" que decote
reproducen certos medios de comunicación,
que "se dedican a facer espectáculo dunha
violación", como vén sucedendo nas últimas
semanas ao fío do xuízo aos agresores de
Pamplona. "Primeiro, vitimízanos e ademais
fannos responsables de que sexamos agredidas,
fannos chamamentos a estar vixilantes, a vivir
as nosas vidas dunha determinada maneira",
denuncia.
A representante da MMM destaca que "non
estamos en igualdade de condicións, non
estamos en igualdade de condicións de coller
unha borracheira, non estamos en igualdade de
condicións de pasalo ben. Ás veces parece que
cando un home ve que estamos empoderadas
sexualmente pensa que iso significa que poden
irromper nos nosos corpos. É coma se eu deixo
a miña carteira ou a miña casa aberta; iso non
significa que alguén me poida vir roubar". "Nós
acabamos convertidas nas culpables desa
situación, mentres que ao agresor se lle
intenta buscar unha razón para a súa agresión.
É surrealista", resume.
Praza Pública
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript