NÚMERO 358 - 22/05/2017
CUTUDC / Novidades
O Pleno do Congreso dos Deputados e das Deputadas vén de ratificar esta mesma mañá o acordo de libre comercio entre a UE e Canadá, co voto a favor do PP, PSOE, Cidadáns, PdeCAT, PNV e Coalición Canaria. O Sindicato Labrego Galego considera unha grave irresponsabilidade esta decisión porque pon en perigo o modelo social e profesional da agricultura da UE e a aposta estratéxica das nosas producións de calidade, a seguridade alimentaria, o benestar animal e o respecto ao medio ambiente.
Para o SLG, igualar
a normativa europea coa canadense en materia de
seguridade alimentaria e produción agraria
suporía un atraso sen precedentes nos dereitos
dos consumidores e das consumidoras, ao tempo
que suporía unha competencia desleal para os
labregos e as labregas en base a un modelo
produtivo coma o canadense, que permite a
inxección de anabolizantes, antibióticos e
hormonas de crecemento no gando.
En definitiva, a posta en marcha do CETA terá
gravísimas consecuencias para algúns dos nosos
principais sectores produtivos e para o medio
rural. De seguido, analizamos algunhas delas:
CARNE DE VACÚN
Cómpre lembrar que sectores como o da carne
de vacún é dos máis vulnerables da nosa terra,
con boa parte das granxas en zonas
desfavorecidas de montaña onde a gandería é o
único medio de vida posible que permite que a
xente siga vivindo aí, sen ter que emigrar.
Ademais, a venda de becerros é un complemento
económico importante para moitas granxas de
leite que complementan os baixos prezos das
súas producións cos xatos.
Estas granxas levan anos aturando uns prezos
excesivamente baixos que non cobren os custes
de produción e se manteñen artificialmente
grazas ás axudas publicas. A entrada de grandes
continxentes de carne de vacún de Canadá libre
de impostos creará fortes distorsións no
mercado e afundirá aínda máis os prezos, polo
que miles de explotacións de vacún de carne
veranse obrigadas a abandonar a produción,
agudizando a desertización rural que padecemos.
SEGURIDADE ALIMENTARIA
Outra cuestión conflitiva é que a normativa
canadense é moito máis permisiva en cuestións
como o benestar animal ou a utilización de
químicos prohibidos: lavado e procesado de
carne de polo e tenreira con auga clorada,
aclarado carne de vaca con ácido láctico; ou
engorde de gando bovino, porcos e pavos con
ractopamina. O país norteamericano tamén
permite o uso de pesticidas con
neonecotinoides, vinculados á morte de millóns
de abellas, ou de glifosato; e é o quinto
produtor mundial de transxénicos. Máis alá dos
transxénicos (OXM) para alimentar o gando, en
Canadá tamén se producen OXMs só para consumo
humano, como mazás e salmón.
SECTOR LÁCTEO
En canto ao sector gandeiro que,
teoricamente, se vai ver beneficiado polo CETA
na UE, o lácteo, cómpre advertir que o goberno
canadense realizou varias accións a finais de
2016 de cara a reforzarse pola inminente
aprobación do CETA. Unha delas foi a de
entregar unha axuda de 350 millóns de dólares
canadenses (uns 240 millóns de euros) á súa
industria láctea para facela máis competitiva.
En canto ao sector produtor, creouse un
programa de investimentos que, durante cinco
anos, permitirá ás granxas canadenses
modernizar os seus equipos e aumentar a súa
produtividade. Este reforzo para un país no que
os centros de engorde gandeiro poden superar as
20.000 cabezas de gando, 100.000 se falamos de
aves, fará que as nosas granxas dificilmente
poidan competir en pé de igualdade se o produto
canadense chega a Europa libre de impostos.
MINARÍA
Outro dos riscos do CETA que afectaría á
totalidade do noso medio rural e producións
agrogandeiras é a minaría. Canadá é unha das
principais potencias mineiras mundiais,
representando este sector o 4% do seu PIB e
xerando 40.000 millóns de dólares ao ano. Isto
combinado coa resolución privada dos conflitos
comerciais a través do sistema de tribunais de
inversión (ICS) permitirá que as mineiras
canadenses poidan denunciar calquera lei ou
goberno que se opoña aos seus proxectos. Un bo
exemplo témolo no ouro de Corcoesto, que
pretendía explotar a mineira canadense
Edgewater a ceo aberto empregando cianuro de
xeito masivo. Afortunadamente, a presión da
cidadanía obrigou á Xunta a negarlle o permiso
de explotación. Se isto chega a acontecer co
CETA aprobado, Edgewater podería ter denunciado
á Xunta a través do ICS e, con total
seguridade, a Xunta sairía condenada e obrigada
a indemnizar a Edgewater cunha multa millonaria
a conta dos cartos das galegas e dos galegos. E
o problema é que a case totalidade do
territorio galego é apta para extraccións
mineiras, segundo o Plano Sectorial de
Actividades Extractivas da Xunta.
Sindicato Labrego Galego
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript