NÚMERO 358 - 22/05/2017
CUTUDC / Novidades
Tres persoas morreron mentres agardaban asistencia nunha cama nos andadeiros de urxencias do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) nos últimos seis anos. Son datos da Asociación de Pacientes do CHUS que, ante “colapsos” como o deste xoves, teme que esta macabra lista se amplíe calquera día.
Fernando
Abraldes, presidente deste colectivo de
usuarios da sanidade pública, cifra en máis de
dúas horas o tempo de agarda que había nas
urxencias do CHUS este xoves. Durante o serán
había unha cola de 20 doentes sen examinar
polo médico e moitos dos que foran
examinados, malia a súa gravidade, estaban nas
corredoiras.
“Desde as 13:40 horas estanse colocando a
pacientes de gravidade intermedia en cadeiras
de rodas e padiolas nos corredores de acceso ao
servizo de urxencias. Ás 17:30 horas 5
pacientes estaban agardando nos corredores a
ser atendidos despois de estar cualificados
pola triaxe como pacientes de certa gravidade”,
denunciou a citada asociación nun comunicado.
GC contactou coa Consellería de Sanidade para
dar a coñecer a versión do Goberno
respecto a estas evias. A Consellería non se
quixo pronunciar indicando que é un tema de
responsabilidade da xerencia do CHUS. Os
voceiros oficiais da Área Sanitaria recoñeceron
que houbo un "pico" de entradas en urxencias
antes das 13 horas e que a chegada de moitos
doentes graves puido alongar a espera daqueles
non tan graves. Con todo, indican que todos
eles foron atendidos e que contra as 15
horas a situación estaba normalizada.
En conversa con GC, Abraldes alerta que as
longas esperas e as camas en urxencias non son
un problema puntual causado por unha epidemia,
como alega a miúdo o Sergas excusándose na
gripe, senón unha eiva “estrutural”. Como
proba, a Asociación de Pacientes remitiu a GC
fotografías de pacientes aparcados nos
corredores do CHUS o 31 de xaneiro. O ano
pasado, din que contabilizaron “ducias” de días
coas urxencias “colapsadas”.
Cal é o motivo do “colapso” unha e outra vez
das urxencias? Na súa opinión, “o problema
básico é que no SERGAS non queren contratar
máis persoal para que as camas estean
operativas”. A Asociación de Pacientes
sinala que en Santiago hai ducias de camas en
hospitais públicas pechadas. “Todo isto segue
acontecendo mentres a xerencia mantén todas as
camas de medicina interna do Gil Casares
pechadas sen dotación de persoal para ser
atendidas adecuadamente, e utilizando os
servizos de urxencias como camas
hospitalarias”, indican.
Esta dificultade non é exclusiva da Área
Sanitaria de Santiago. Nesta mesma semana
colectivos en defensa da sanidade pública
alertaron do inminente peche de centos de
camas na Área Sanitaria de Vigo durante os
meses de verán, a partir de xuño. Na área
pedriática, moitas camas están pechadas seis
meses ao ano.
Obivamente, ter camas nas corredoiras dos
hospitais vulnera ademais a lexislación de
prevención de riscos laborais. “Existe un
problema a maiores en relación coa seguridade
de traballo, a normativa di que os corredores
de acceso a urxencia deben estar totalmente
baleiros, e sen embargo unha e outra vez están
repletos de pacientes en padiolas e os seus
acompañantes”, láiase Abraldes. De feito, a
Inspección de Traballo abriu varios expedientes
nestes anos ao SERGAS por estes bloqueos,
expedientes que polo visto non serviron para
solventar a eiva.
A Área Sanitaria de Santiago está dirixida por
Eloína Nuñez Feijóo. A curmá do presidente
chegou a este posto en febreiro. Abraldes
concede que nos primeiros meses a situación das
camas nos corredores parece que mellorara, pero
sinala que o problema volve a reproducirse “un
día si e outro tamén”.
Por iso reclámalle a Nuñez Feijóo, medidas de
“carácter estratéxico”. É dicir, “medios
materiais e humanos para poñer fin a esta
tortura continuada”.
A morte dunha doente nos corredores de
urxencias este marzo foi denunciada á
Fiscalía. A presencia de padiolas nas
corredoiras do CHUS foi denunciada ante a
Inspacción de Traballo.
Galicia Confidencial
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript