NÚMERO 358 - 22/05/2017
CUTUDC / Novidades
As rúas enchéronse para reclamar o dereito de usar o galego en todos ámbitos da súa vida cotiá. Marcos Maceira criticou a Feixó polo incumprimento dos acordos en relación á lingua e “as declaracións de amor e novos plans para agochar o maltrato diario á lingua”. “A lingua non é un complemento senón necesidade para a existencia do pobo galego”
No días das Letras
Galegas celebrouse en Santiago de Compostela
unha multitudinaria manifestación polo dereito
de vivir en galego sen obstáculos na que
participaron miles de persoas. Co lema “en
galego sen límites” a plataforma cidadá puxo en
evidencia os innumerábeis obstáculos para
vivirmos en galego con normalidade, e a
exclusión sistemática do idioma da maioría dos
espazos. A manifestación saíu da Alameda ás
12:00 h para chegar á Praza da Quintana ás
12:30h.
Antes de dar comezo á manifestación, o
presidente da Mesa e portavoz de Queremos
Galego declarou que “se o galego ten
restrinxidos espazos de uso, non hai liberdade
para o usar en todo lugar”, e atribuiu ao
“apartheid lingüísitico”, a baixa en falantes
como se comproba ano a ano. Para Maceira “é a
presión social a que que mantén viva a lingua
no uso e nos espazos onde está”.
O portavoz de Queremos Galego reclamou ao
goberno de Núñez Feixó que escoite actúe, “non
anunciando novos plans como agora para a
mocidade, senón cumprindo cos acordos xa
establecidos e que van xusto noutra dirección”.
“Deben retroceder nas accións contra a lingua
como o decretazo no ensino e deben actuar para
eliminar todas as barreiras que impeden vivir
en galego”, engadiu.
A manifestación, que se desenvolveu nun
ambiente festivo e animado, contou no final coa
participación os regueifeiros Bieito Lobariñas
e Josiño da Teixeira e coa actuación da cantora
e mestra Belem Tajes. Rematou co himno galego a
cargo dos Gaiteiros AntiLomce.
O acto final foi presentado pola actriz Isabel
Risco e durante o mesmo interviron o actor e
director de dobraxe Miguel Pernas, a
estudante Karina Pereira Rei, a avogada
Guadalupe Vidal, a Membro do Comité da
empresa de Eurocen Patricia Cordo e o
activista da lingua Cibrán Arxibai.
Estas persoas representantivas de diversos
sectores sociais puxeron de manifesto os
problemas cotiás para o galego. Así,
denunciaron a inexistencia do galego na dobraxe
de filmes, os problemas para restaurar apelidos
ou a deturpación da toponimia, a imposibilidade
práctica de uso do galego na xustiza e
administración, as consecuencias laborais da
exclusión do galego, e a prohibición de uso no
ensino.
Ao final do acto, fixo o seu discurso o voceiro
de Queremos Galego e presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que
manifestou que “a lingua galega non é un
complemento senón que se trata dunha necesidade
para o pobo galego. “Mais a Xunta de Galiza, co
presidente Feixó á cabeza, non só incumpre a
cativa legalidade que amapara o noso idioma,
senón que non ten ningún problema en fachendear
de actuar directamente en contra”.
No que se refire á educación calificou de
maltrato á combinación entre a LOMCE e o
decretazo afirmando que “reduce aínda máis a
presenza do galego nas aulas, até o punto de
que é imposíbel que acade o limite máximo
imposto. Nada de ensino en galego, só
afogamento en castelán”. Condenou tamén a
pasividade da valedora do Pobo con isto mentres
non dubidou en “pedir a cartilla de vacionación
en castelán” ou en participar no acoso a un
centro escolar “por pendurar un cartaz a favor
do galego”.
Porén, sinalou, “o ensino non é o único ámbito
de exclusión e de limites para o galego” e
mostrou como exemplo o que acontece nas
administracións. “Aí está a nova ofensiva do
Estado contra as linguas que obriga os
concellos a publicaren os seus documentos no
portal da administración en castelán. O
resultado é o retroceso do galego na
administración local”.
O voceiro de Queremos Galego remarcou a
ausencia do galego na maior parte da economía,
da xustiza, da administración, do ensino, da
saúde, do lecer ou dos medios de comunicación e
apelou á solución de normalizala “coa
mobilización colectiva e coa nosa actuación
diaria repóndoa, así, en todos os espazos onde
aínda insisten en expulsala”.
Maceira continuou o seu discurso facendo saber
que “somos a única nación do Estado coa lingua
propia a perder falantes mais, tamén, a única
na que o pobo está só co seu idioma sen goberno
que o acompañe”. Por iso, proseguiu, “é
importante mobilizarnos en días coma hoxe e
facer o que o goberno non fai […]. É a nosa
forza, a nosa constancia e perseveranza a que
pode reverter a situación. Temos que seguir a
reconquistar o dereito de uso que non ten
recoñecido o noso idioma e avanzar cara á
oficialidade real”.
Para gañar falantes primeiro hai que ter a
liberdade absoluta de empregar o noso idioma e,
por iso, A Mesa está a chegar estes días a toda
Galiza a ILP para garantir o dereito ao uso do
galego no ámbito socioeconómico e a cal recolle
e adapta para Galiza o establecido na
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos
e no Protocolo de Donostia. Esta ILP pretende
garantir o dereito a vivir plenamente en
galego, sen barreiras nin discriminacións.
Queremos Galego
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript