NÚMERO 357 - 15/05/2017
CUTUDC / Novidades
A curta pretende impulsar a ILP polos dereitos lingüísticos na economía. A campaña Cárgate de sentido común dá un paso máis e presenta unha curta onde se mostra a problemática do uso do galego na sociedade actual
Dentro da
campaña para impulsar a Iniciativa Lexislativa
Popular para a garantía dos dereitos
lingüísticos no ámbito socioeconómico, A Mesa
deu a coñecer unha curta onde se deixa ver a
problemática dos galegofalantes no seu día a
día.
Na presentación interviron o presidente da Mesa
pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira,
a secretaria xeral da Mesa pola Normalización
Lingüística, Mónica Pazos, o representante de
Desoños, Carlos Álvarez, o guionista da
curtametraxe, David Rodríguez e o representante
da produtora Deica Audiovisual Paulo.
No contexto da campaña Sentido Común, creada
para conseguir sinaturas pola garantía dos
dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico,
creouse SC, entendéndoa como unha forma de
dirixirse ao público e mostrar unha realidade
ás veces oculta.
SC presentouse como unha suposta webserie, unha
ferramenta visual, atractiva e que xoga en
certa maneira coas novas tendencias (está
inspirada nun capítulo da serie Black Mirror)
para conseguir viralizar a campaña. Nesta curta
móstrase como ficción unha situación complexa
para os galegofalantes e como o día a día vai
demostrando que é totalmente real.
Ao longo de todo o capítulo faise referencia
visual ás siglas SC, das cales se descubre o
seu significado ao final: Sentido Común,
lingándoo desta maneira á infografía que
aparece xusto despois e coa que se lle desvela
aos espectadores que realmente se trata dunha
campaña e que é o que se quere conseguir coa
mesma.
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira,
“o obxectivo da campaña é conseguir as
sinaturas mais sobre todo dar a coñecer a
situación da lingua galega e reivindicar o
dereito real de uso, moi limitado en todos os
ámbitos, tamén no socioeconómico. Por iso entre
outros medios máis clásicos como as mesas de
recollida, os folletos ou vídeos explicativos,
decidimos recorrer a outros formatos que
permiten a reflexión mais demorada”.
“O obxectivo desta curtametraxe é achegármonos
e xerar debate “que a xente se pare a facerse
preguntas e se cuestione unha realidade que ás
veces pode chegar a parecernos ficción. Pórse
no lugar da protagonista e cuestionarse se
realmente é esa a posición que cren que lle
corresponde ao galego”.
Maceira engadiu que “calquera persoa que fale
galego ou comece a facelo vaise enfrontar a
estas situacións impropias dun contexto
democrático e dunha lingua normal. O sentido
común indica que deberíamos poder expresarnos
na nosa lingua, que ademais é oficial, sempre e
en todo lugar, mais en Galiza no ano 2017, iso
non acontece”.
“Son coaccións e chantaxes para obrigar directa
ou indirectamente a non falar galego e que
precisan de firmeza e dignidade para as
resolver. Neste sentido, o chamado á
normalización da lingua galega é tamén un
chamado á dignidade colectiva do pobo galego,
porque os limites e os obstáculos á lingua
tamén o son para o seu pobo”, afirmou o
presidente da Mesa. Esa dignidade colectiva é a
que dá futuro ao galego e permite enfrontar as
situacións que se observan na curta. É a mesma
que se sairá ás rúas o 17 de maio coa
plataforma Queremos Galego.
A Mesa pola Normalización Lingüística está a
desenvolver unha intensa campaña por todo o
país para dar a coñecer a ILP para a garantía
dos dereitos lingüísticos no ámbito
socioeconómico. Esta campaña ten data de remate
o 21 de setembro.
A Mesa pola Normalización Lingüística
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript