Maio de 2017
 
 

NÚMERO 357 - 15/05/2017

   CUTUDC / Novidades

  MARCHA MUNDIAL MULLERES GALIZA
 

[ASASINATO MACHISTA] Manifesto lido na concentración realizada o día 11/05/2017

Ante un novo golpe do machismo voltamos saír ás rúas do noso país. O pasado domingo un maltratador asasinaba ao seu fillo de 11 anos para danar á nai, tras denuncias, ordes de afastamento e peticións de amparo a xustiza fixo ouvidos xordos e hoxe hai unha vítima máis do machismo. Estamos máis que FARTAS da violencia e de quen a ampara por acción ou omisión. BASTA XA!

 

  • Noticias relacionadas

 

 

    MANIFESTO 11 de maio de 2017
     
    Cando os membros do Goberno da Xunta saen á porta do Parlamento a gardar un minuto de silencio, en que están a pensar? Que reclaman? Contra que políticas de prevención da violencia machista protestan? Que noxo! Que desvergonza! Canta mentira! Este meniño foi utilizado como medio de agresión a súa nai, non foi unha desgraciada morte fortuíta que poida causar consternación. Foi outro cruel asasinato machista. Róenos a tristeza e a carraxe. Os gobernantes, tan dignos, súmanse á dor sentida pola familia, á consternación causada na sociedade. Son eses humanos que baleiran de humanidade as mulleres cando nos cousifican, cando nos reducen a cidadás de segunda, cidadás culpables da violencia que reciben. Violencia física, psicolóxica, sexual, pornográfica e institucional instalando o medo nas nosas conciencias, o medo que dirixe as nosas vidas. Medo a ir soas pola rúa, medo a ocupar espazos públicos, medo a non saber dicir non, medo á noite... medo aos pais dos nosas crianzas. Pode haber un terror máis grande?
     
    Aquí estamos. Cansas de ter que defender o obvio cada vez que se cuestiona o patriarcado pero inquebrantables na nosa convicción: os asasinos non son individuos tolos, son produto das relacións de poder. Cada vez que alguén ridiculiza as denuncias do feminismo con argumentos falsos e insostibles, como o argumento manido das denuncias falsas, é cómplice do seguinte asasinato, asasinato producido pola perpetuación dos valores tradicionais dunha masculinidade posesiva. Ah! Que non entendemos como é posible que o odio á muller supere o amor por un fillo! Chámase machismo. Cando o home sente que perde o control sobre a súa posesión recorre á violencia como recurso. Un parricidio debería mover as nosas conciencias, a nosa visión das cousas. Pero non é así.
     
    Neste ano en que levamos un menor por mes asasinado por violencia machista o Goberno do PP recortou drasticamente o orzamento en igualdade sen dignarse a dar explicacións. Un goberno que ano tras ano publica leis que atacan frontalmente os dereitos das mulleres, en particular das mulleres traballadoras, defendendo unha falsa igualdade nas elites.
     
    Porque mentres a igualdade soamente sexa formal é urxente protexer as vítimas do machismos: mulleres e menores. Neste caso, un filliño de 11 anos.
     
    Xa está ben de caras de consternación! Tomen medidas efectivas contra o feminicidio.
     
    Cando nos tocan a unha tócannos a todas.
    Seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres.
     
    CONSIGNAS:
     
    NON SON MORTES, SON ASASINATOS!
    MACHISTA: ESCOITA! ESTAMOS EN LOITA!
    ANTE A VIOLENCIA NINGÚN PASO ATRÁS!
    SE TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODAS!
    PATRIARCADO E CAPITAL, ALIANZA CRIMINAL!
    MENOS DISCURSOS E MÁIS RECURSOS!
    O MACHISMO É TERRORISMO!
    O MACHISMO MATA, OS MEDIOS REMATAN!

     

 

 



 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript