NÚMERO 356 - 08/05/2017
CUTUDC / Novidades
"Onde se meteu o bolseiro?". O mesmo berro repítese en miles de centros de traballo nesta mañá de primavera. Os bolseiros non están no seu posto ao comezo da xornada. Eles, sempre tan puntuais, hoxe non aparecen. Mesas baleiras, computadores apagados, mandilóns colgados, gravadoras apagadas, batas no percheiro. "Onde se meteu o bolseiro?".
Avanza a xornada, e o
bolseiro segue sen aparecer pola empresa. Aínda
peor: os poucos bolseiros que si estaban nos
seus postos (os poucos que si cobran algo)
desaparecen cando cumpren o límite máximo de
horas fixado nas súas bolsas, se evaporan cando
lles encargan tarefas alleas ao formativo.
A media mañá empezan os problemas: no
restaurante non saen pratos,
a cociña atrancada coa metade de cociñeiros
habituais. Na radio non teñen quen cubra a
rolda de prensa. O avogado desespérase no seu
despacho desbordado; o arquitecto asume que o
proxecto non estará en prazo. Na consultoría
ninguén actualiza a base de datos. Tendas
pechadas,
sen dependentes. Oficinas da administración
onde nin collen o teléfono. Enxeñeiros
exasperados. Departamentos universitarios en
silencio, centros de investigación onde só hai
xefes, nin un indio.
Ata a Moncloa vese afectada.
Por todo o país, centos de empresas vólvense
torpes, sobre todo nas súas tarefas máis
básicas, aquelas que cubrían diariamente os
bolseiros: coller o teléfono, facer fotocopias,
resolver marróns alleos, ou levar cafés como só
un bolseiro sabe facelo. Pero tamén tarefas de
responsabilidade, atendidas por sucesivos
bolseiros desde hai anos en substitución de
traballadores xubilados, despedidos ou nunca
contratados; que necesidade había, se cada vez
que ofertaban unha praza de bolseiro
presentábanse douscentos (e
ningún "cunha pistola na cabeza", todos
voluntarios, que ser bolseiro
é un privilexio). Que fan tarefas como
calquera traballador contratado? Pois claro,
para iso son "a xeración mellor preparada da
historia",
xa veñen aprendidos da casa.
Chega a tarde, e os bolseiros seguen sen
aparecer. As empresas piden desculpas aos seus
clientes, moitos deles comprensivos por ser á
súa vez empresas con bolseiros que tampouco
viñeron hoxe. Non se pode dicir que o país
estea paralizado, pero foi un día estraño, de
chegar tarde a todo, de non poder prestar
servizos habituais, con traballadores
angustiados por asumir máis carga de traballo e
directivos que non teñen a quen gritar.
Confiemos en que mañá todo volva á normalidade,
os bolseiros aos seus postos. Din que todo foi
unha acción
de protesta, espontánea: tras a polémica
cos
cociñeiros michelines, abriuse o debate
sobre a situación dos bolseiros en España e
foise correndo a voz entre os explotados: "E se
facemos un día sen bolseiros?". A oportunidade
era precisamente a celebración do "día
internacional do bolseiro", que mellor data
para lanzar a protesta. A acción inspirouse
no intento de "día
sen inmigrantes" en Estados Unidos, ou
mesmo naquela película cómica que fantaseaba
con que pasaría se de súpeto
desaparecesen todos os mexicanos de
California.
Esperemos que todo quede niso, unha acción
illada. Se o que pretendiades era visibilizar a
vosa situación, e mostrar a dimensión do
fenómeno bolseiro (xa que nin sequera existen
cifras fiables sobre
canta xente traballa "aprendendo" sen
cobrar, ou canta da que si cobra algo excede as
súas tarefas e
cobre un posto de traballo), parabén,
conseguístelo. Pero non xoguedes con lume, non
sexa que outros sigan o exemplo e mañá teñamos
que sei eu, un "día sen precarios", "día sen
falsos autónomos", "día sen freelances
mal pagos", "día de non traballar gratis", "día
de non facer horas extra sen cobralas"…
(Por certo, o día internacional do bolseiro
existe de verdade, celébrase o vindeiro luns 8
de maio).
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript