Maio de 2017
 
 

NÚMERO 355 - 02/05/2017

   CUTUDC / Novidades

  ADEGA
 

SOGAMA: nin vertido cero nin economía circular

A respeito dos residuos, o aparello de propaganda do PP teima en apropiarse de novos conceitos como "residuo cero" e "economía circular" para seguir xustificando o gasto de millóns de € en SOGAMA.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

No seguinte artigo, Manuel Soto, catedrático de Enxeñaría Química na UDC e ex-presidente de ADEGA, destapa este novo engano de SOGAMA e ilústranos sobre a aplicación dos conceitos de "residuo / vertido cero" e "economía circular" á xestión do lixo. Conclúe que a Xunta debería modificar radicalmente a política de residuos, comezando por deixar de confundir á opinión pública con cifras e conceitos errados.
 
SOGAMA: nin vertido cero nin economía circular
 
Un artigo de Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Química na UDC e ex-presidente de ADEGA
 
Segundo o portavoz de Medio Ambiente do PP no Parlamento Galego, Gonzalo Trenor, a “ampliación” e “optimización continuada” que está a facer SOGAMA permitiríalle a esta acadar o vertido cero. Inventan para a ocasión o termo “vertido técnico cero”, como aquel no que so van a vertedoiro os residuos que non se poden aproveitar nin material nin enerxeticamente, e afirman que este obxectivo é o que reclaman as normativas da UE.
Na mesma liña, SOGAMA afirma na súa web que “persegue cuadriplicar a achega da empresa ao reciclado e desviar a vertedoiro só aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente” e tamén que “a economía circular incorpórase de cheo á filosofía empresarial da entidade”.
A realidade é moi diferente de como tratan de pintala:  

  • SOGAMA reciclou unicamente o 3% dos residuos que recibíu en 2015. Se, como din, coas actuais melloras multiplican por 4 esta cifra, situaranse no 12% de reciclaxe, moi lonxe do mínimo do 50% establecido no plan estatal. E incinerando os restos orgánicos nunca se vai a acadar ese 50% de reciclaxe...
  • A comparación con Nostián e Barbanza é clarificadora: en 2015, SOGAMA recuperou 11,7 kg/habitante fronte aos 34,3 de Nostián e aos 57,1 da planta do Barbanza, sen contar a compostaxe nestas últimas dúas.
  • En 18 anos de funcionamento, e coas supostas melloras  continuadas, SOGAMA apenas chegou a recuperar o 10% dos residuos de envases xerados. Con este ritmo, tardarían máis de 120 anos en acadar o 50%! Unha realidade que mostra o fracaso do modelo de recollida selectiva mediante o contedor amarelo de SOGAMA.
  • O concepto de “vertido técnico cero” é unha invención que non responde á realidade: a incineración de SOGAMA xerou cada ano 42.000 t/ano de residuos perigosos, que non teñen outro destino que o vertido.
  • O 23% dos residuos queimados acaban como cinzas ou escouras que andan a buscar vertedoiro por todo o país: Trazo, Lesta, Lousame...
  • Para o resto, SOGAMA emprega a atmosfera como vertedoiro: 1400 kg CO2/t lixo, actuando como un dos principais focos de emisión de gases de fecto invernadoiro no país. A isto súmanse as emisións de gases ácidos, metais pesados e dioxinas, gravemente prexudiciais par a saúde.
  • A xeración de enerxía eléctrica ten un alto custo ambiental, cunha taxa de emisión de 670 g CO2/kWh de enerxía eléctrica xerada, superior á de calquera outra fonte de enerxía fósil.  
 En materia de residuos, a economía circular avaliase por indicadores como a xeración de menos residuos por unidade de PIB (desacoplamento) e polos índices de reciclaxe en cantidade e calidade, sen que se poida considerar a valorización enerxética con esta finalidade. A incineración forma parte dos procesos lineais clásicos e non da economía circular. Por tanto, ampliar a capacidade incineradora de SOGAMA afasta Galiza de calquera avance cara a economía circular a a sustentabilidade.
 
Os concellos “residuo cero”, que se contan xa por miles en Europa, están a acadar cifras de reciclaxe entre o 60 e o 80%, residuo final inferior a 100 kg/habitante (SOGAMA segue en máis de 300 kg/habitante), e incineración cero. Un concello non pode acollerse ao distintivo “residuo cero” se continua a queimar parte do sei lixo!.
 
SOGAMA e a Xunta están a investir decenas de millóns de euros nesta planta de Cerceda, o que é un grave erro para poder acadar os obxectivos de reciclaxe, xa non só da UE, senón tamén do Estado español, agora de obrigado cumprimento en cada Comunidade Autónoma por separado. En vez de seguir investindo diñeiro no pozo negro no que se converteu SOGAMA, a Xunta debería modificar radicalmente a política de residuos, comezando por deixar de confundir á opinión pública con cifras e conceitos errados.
 
Descargas
SOGAMA: Todo o que a Xunta tentou agochar
SOGAMA: A xestión do lixo que Galiza precisa?

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript