Maio de 2017
 
 

NÚMERO 355 - 02/05/2017

   CUTUDC / Novidades

  CRISE ESTAFA
 

A pobreza en Galiza mantense nos niveis máis elevados da última década

Os datos da Enquisa de Condicións de Vida (INE) correspondentes a 2016 amosan unha leve mellora nos indicadores de pobreza en Galiza, mais ao tempo revelan o mantemento dunha situación moi complicada para máis de unha de cada catro persoas no país. A taxa de risco de pobreza e exclusión social sitúase no 25,4%, cun lixeiro descenso dende o 25,7% de 2015 pero aínda consolidada nos niveis máis elevados dende o 2008 e os anos previos á crise.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

O dato galego mellora un chisco o do conxunto de España (27,9%) e atópase a medio camiño entre as cifras de Euskadi, Navarra, Cataluña, Aragón, Baleares ou Asturias (por debaixo do 20 por cento) e os moi negativos números de Andalucía ou Canarias (por riba do 40 por cento de pobreza).
 
Si melloran de forma algo máis clara algúns indicadores parciais que fan referencia a distintos elementos de carencia material e capacidade de compra e consumo. Aínda que o 46,3% dos galegos e galegas afirman que non se poden permitir marchar de vacacións unha semana, esta porcentaxe é sensiblemente mellor que a de 2013 (59,3%). O mesmo sucede coa pobreza enerxética, que afecta ao 9,1% dos galegos e galegas (por debaixo do 14% de 2014). Ou coa porcentaxe de persoas que non se pode permitir comer carne ou peixe cada dous días (1,1%), afortunadamente moi por debaixo do 5,5% de 2013. 
 
Segmentados eses datos en función da condición sociolaboral, a enquisa amosa que no conxunto do Estado as persoas desempregadas atópanse cada vez máis en situación de pobreza (un 63% deles e delas o está), unha realidade da que é en boa medida responsable a porcentaxe cada vez menor de parados e paradas con prestación de desemprego. O estudo amosa que mesmo un 17% das persoas con traballo se atopan en situación de pobreza, unha porcentaxe que descende lixeiramente en 2016, pero que aínda empeora moito o nivel previo á crise (13,4%).
 
Así mesmo, o 53,3% das familias monoparentais son pobres, unha cifra que mesmo creceu no último ano e que duplica a media do conxunto de fogares. As familias con nenos e nas menores ao seu cargo seguen a sufrir a pobreza en maior medida que os fogares sen rapazada.
 
A enquisa tamén indica que en Galiza a renda media por persoa (10.439 euros netos) segue por debaixo dos datos de 2010 (10.504). Ademais, sitúase case 300 euros por debaixo da media española (10.708).
 
Praza Pública

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript