Maio de 2017
 
 

NÚMERO 355 - 02/05/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Non estamos todos, faltan os traballadores mortos

Hai unha violencia da que apenas falamos, unhas vítimas que parecen non merecer minutos de silencio nin medidas urxentes.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Unha das cousas que máis me admira da sociedade española é a sensibilidade que desenvolvemos cara aos accidentes e riscos laborais, e moi especialmente para os traballadores mortos. Hai xa tempo que todos, institucións, partidos, empresas, medios e cidadáns dixemos "xa abonda" e comprometémonos/comprometémosnos a acabar coas mortes e os accidentes e enfermidades no traballo.
 
Este venres celebrouse (noutros países, que en España xa non fai falta) o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, e eu recordo con tristeza aquel tempo, afastado e xa case esquecido, en que viviamos con indiferenza a sinistralidade laboral. Por aquel entón morrían centos de traballadores ( nada menos que 607 naquel remoto ano 2016), e miles quedaban feridos ou enfermaban, sen merecer apenas atención, nin provocar reacción. Seino, estremece lembrar hoxe a todos aqueles compañeiros mortos sen resposta.
 
Todo empezou a cambiar cando os traballadores decidimos plantarnos, gritar "nin un morto máis", e mobilizarnos. Recordo con emoción os lemas daqueles días ("Se tocan a un traballador, tócannos a todos", "Non estamos todos, faltan os compañeiros mortos"), os minutos de silencio e bandeiras a media hasta por cada falecido, os interminables debates no Congreso, os faladoiros televisivos monotemáticos, os famosos sensibilizando, os concertos solidarios. Ata os medios deixaron de usar o tecnicismo "sinistralidade" e empezaron a falar de "violencia laboral", mentres nas manifestacións gritabamos contra o "terrorismo patronal".
 
Aquela mobilización conseguiu, lembren, que os distintos gobernos tomasen medidas, ao principio tímidas (prevención, formación), logo máis contundentes pola presión social: reforzo de inspeccións, endurecemento penal, sancións exemplares a empresas incumpridoras, ata chegar á famosa "lei contra a violencia laboral"… Os traballadores non nos conformamos, a mobilización foi a máis, e os primeiros sinalamentos e boicots de consumo ás empresas obrigaron a estas a implicarse activamente.
 
Pero o gran cambio produciuse cando os gobernantes, presionados pola cidadanía, recoñeceron que a precarización, temporalidade, abuso de subcontratación e perda de dereitos laborais tiñan relación co aumento de accidentes desde 2012. Que un terzo dos mortos en 2016 fose por infartos ou derrames cerebrais debidos á tensión laboral causou gran conmoción naquel tempo, e facilitou un gran acordo político contra a precariedade, o reforzo da negociación colectiva e a recuperación de dereitos.
 
Todo aquilo quedou atrás, por fortuna. Hoxe, abril de 2025, os accidentes están en mínimos históricos, as enfermidades profesionais son recoñecidas como merecen, e aínda que de cando en vez aínda nos sobresalta unha morte, cada vez menos. Por iso hoxe xa non ten sentido conmemorar ningún día internacional, nin gardar un minuto de silencio ás portas do concello como seguen facendo en Sevilla cada vez que morre un traballador en Andalucía. Unha iniciativa que impulsou Esquerda Unida en 2005 e que inspirou a moitas outras cidades naquela época afastada, cando non nos doían os mortos no traballo.
 
(O ano pasado morreron 607 traballadores. Deles, 86 por accidente de tráfico, o resto na súa xornada laboral, 219 deles por infarto ou derrame cerebral. Estímase que a cifra real destes últimos é moito maior, por todos aqueles que falecen fóra do traballo aínda que a causa sexa a tensión laboral. Algo similar ocorre cos falecidos por cancro, cuxa vinculación ao risco laboral é dificilmente demostrable).
 
(Aínda que non son moi de autobombo, permitan un anuncio para terminar, pois ten que ver co tema: este fin de semana estréase a película A man invisible , baseada nun libro meu e rodada en modo cooperativa. Unha mirada ao mundo laboral, para que os traballadores discutamos que nos está pasando. Grazas).
 
Zona Crítica



 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript