Maio de 2017
 
 

NÚMERO 355 - 02/05/2017

   CUTUDC / Novidades

  ACCIDENTE LABORAL CRIME PATRONAL
 

28 de abril Dia Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

Un ano máis, o 28 de Abril, Día Internacional do Dereito á Saúde e Seguridade no Traballo, debe facernos reflexionar sobre que os accidentes laborais non son froito da casualidade ou a mala sorte. Os accidentes laborais son consecuencia directa do sistema capitalista que prioriza a produtividade e os beneficios por encima dos dereitos laborais das persoas traballadoras.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

A maior evidencia da precariedade e da explotación salvaxe, son as persoas  mortas nos seus postos de traballo, pero non podemos esquecer a todas as accidentadas  e ás asasinadas lentamente por algunha enfermidade derivada dos seus traballos. Prodúcense 288 accidentes laborais cada día, é dicir, 1 cada 5 minutos. En 2016 un terzo destes accidentes déronse  en subcontratas.
 
Doutra banda, as enfermidades laborais aumentaron un 8,2% e prodúcense 10 ao dia.  E isto sen esquecer que o catálogo actual de enfermidades profesionais está desfasado e que non recoñece a incidencia das novas tecnoloxías (radiacións, etc) nin dos novos compoñentes químicos sobre a saúde. Por outra banda, a baremación faise sobre o organismo masculino tipo, non existe unha catalogación por xénero, e a exposición a un produto tóxico pode ser límite para un home e mortal para unha muller.  
 
A Lei actual permite ás empresas contratar o seguro de accidentes laborais e enfermidades profesionais coa propia Seguridade Social ou coas Mutuas. Estas últimas son entes privados con ánimo de lucro, formados polas propias empresas, e que tratan de minimizar custos, aforrando tanto na redución dos tratamentos e a duración da baixa, como nas indemnizacións. Consecuencia directa disto é tamén o infra recoñecemento de enfermidades profesionais que se dá hoxe en dia. No Estado español déixanse de contabilizar ao ano 63.000 casos de enfermidades laborais. Neste sentido é reseñable a situación das persoas traballadoras do fogar. As xornadas sen descanso, a soidade na que se traballa, o mal trato proveniente da persoa atendida ou da súa contorna próxima, teñen ás veces como consecuencias danos psíquicos que non son recoñecidos como derivados do traballo. A atención a persoas ás que fai falta mover, trasladar e asear teñen como resultado accidentes laborais que nos servizos médicos de Osakidetza e Osasunbide adoitan tratarse como enfermidades comúns.
 
As clases dominantes están a facer da precariedade un modo de opresión xeneralizado, onde o obxectivo é aumentar a acumulación de beneficios á conta da nosa saúde coa aparición de novas enfermidades laborais, e aumento das causadas pola tensión, ansiedade, adicións, etc., como consecuencia dunha alta presión psíquica contida nos novos deseños de organización e dirección, que conducen cara á competitividade e o individualismo dentro das propias relacións entre traballadores e a asumir de forma individual, problemas que son colectivos, como os EREs e os despedimentos. Utilízase ás persoas traballadoras, onde mulleres, novas e migrantes somos as máis desprotexidas, como meras mercadorías ao servizo dun mercado de traballo totalmente flexibilizado.
 
Pero máis que de precariedade laboral, temos que falar de precarización social, porque aos factores ligados ao traballo engádenselle outros factores de precarización enmarcados na privatización ou desaparición da protección social en xeral, o SMI e demais prestacións están por baixo do limiar de pobreza mentres están a individualizar a responsabilidade de garantir as necesidades sociais, deixando a satisfacción das mesmas a mercé da capacidade económica de cada unha, promovendo plans privados de pensións, aseguramento sanitario privado, etc.,
 
Desde Elkartzen esiximos ás institucións e á patronal que se cumpran as leis de saúde laboral, que se deseñen plans de seguridade laboral efectivos, que non se contrate nin se ceda o control da nosa saúde ás mutuas, que a asistencia sanitaria se realíce polos servizos sanitarios públicos, que se poña fin aos contratos precarios e se suprima a contratación por ETTs, que se erradique toda discriminación salarial, que se supriman as horas extras e as longas xornadas de traballo, en definitiva, que se garanta o dereito á saúde no ámbito laboral. Só coa organización e a loita poderemos ir dando pasos para conseguir que os nosos dereitos sexan respectados.
 
LOITA POLOS TEUS DEREITOS SOCIAIS!
FAILLE FRONTE Á PRECARIEDADE!
TRANSFORMA A SOCIEDADE!
 
ELKARTZEN, 27 de Abril de 2017



 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript