NÚMERO 355 - 02/05/2017
CUTUDC / Novidades
Outro 1º de Maio coa clase traballadora atrapada na espiral de desposesión de conquistas á que nos conduciron estes gobernos vasallos da Troika e os seus aliados, co pretexto dunha crise que non é máis que unha estafa social de grandes proporcións.
Mentres a corrupción política,
xudicial e empresarial, a falta de garantías
xudiciais para as persoas máis necesitadas e a
conivencia delituosa entre poderes públicos campan
ás súas anchas, evidenciando con claridade o saqueo
ás arcas públicas que levaron a cabo, a clase
traballadora debátese entre a desesperación de non
poder desenvolver proxectos de vida dignos e a
maior precariedade das condicións laborais e
sociais, onde a pobreza e a desigualdade esténdense
en cada vez maiores capas da sociedade.
As cifras de persoas desempregadas, sobre todo
xoves e mulleres, seguen sendo inaceptables; a gran
maioría dos novos contratos son temporais, con
salarios de miseria e condicións laborais de
escravitude, e os ERE son a única saída que atopa a
reaccionaria clase empresarial que sufrimos neste
estado.
Os “axentes sociais do réxime” tratan de saír do
seu “agocho” de anos, co único afán de volver
traizoar á clase que din representar e asinar outro
Pacto Social co goberno e a patronal que nos
recorte aínda máis os noso salarios e dereitos.
Ademais de volver “retocar” o Pacto de Toledo, para
recortar aínda máis as xa precarias Pensións
Públicas.
Para nós está claro que a loita na rúa é a única
vía para conseguir recuperar as conquistas laborais
e sociais que nos quitaron, para levar a cabo
transformacións sociais e para defender o que é
patrimonio da colectividade, é dicir “o Público, o
Común”, os Servizos Públicos como dereitos
esenciais de todas as persoas.
Chamamos este 1º de Maio a todas as persoas,
organizacións e colectivos sociais, aos migrantes,
ás pensionistas, aos estudantes, ás mulleres, ás
desfiuzadas das súas casas e dos seus empregos, ás
represaliadas por loitar, á clase traballadora en
xeral, a manifestarse desde a dignidade de clase
para exercer o dereito á protesta que pretenden
eliminar, a través de Sentenzas condenatorias para
quen loita e Sentenzas do máximo tribunal español
(o Tribunal Supremo), que legalizan a esquirolaxe
cando se convocan Folgas para defenderse das
agresións empresariais. Para nós, cada agredida,
cada sancionado, cada condenada, cada reprimido
polos poderosos é un motivo máis para seguir nas
rúas.
Por iso, esiximos neste 1º de Maio:
A derrogación da Reforma
Laboral e uns empregos estables con salarios e
condicións dignas.
A derrogación das leis
Mordaza e a posta en liberdade e o sobresemento
das causas contra todas as persoas
encarceradas, procesadas ou multadas por
loitar.
Establecemento de rendas
mínimas que garantan a dignidade.
Non rotundo ao pago da
débeda ilexítima
Uns Servizos Públicos que
sexan Dereitos Esenciais das persoas e a
paralización da política de recortes e
privatizacións dos servizos públicos e os
ataques ao Sistema Público de Pensións,
sanitario ou de ensino.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript