Abril de 2017
 
 

NÚMERO 354 - 24/04/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Ignacio Escolar
 

O fiscal Anticorrupción que prefiren os corruptos

O novo fiscal Anticorrupción tentou deter parte da operación contra Ignacio González; é o mesmo fiscal que González quería nese posto porque consideraba que era próximo ao PP.

 

  • Noticias relacionadas

 

1. O recentemente nomeado Fiscal Anticorrupción, Manuel Moix,  tentou deter algún dos rexistros da Garda Civil na operación Lezo contra Ignacio González e a súa presunta “organización criminal”. Os fiscais que levan o caso opuxéronse á orde do seu superior e pedíronlle que a puxese por escrito. Moix asinou a orde.
 
2. Os fiscais non se renderon. Invocaron o artigo 27 do Estatuto da Fiscalía, que regula que debe facer un fiscal cando non está de acordo coa orde dun superior. Úsase en moi poucas ocasións, só naquelas de gravidade. Co artigo 27, obrigaron a Moix a someter a súa decisión a unha votación co resto da xunta de fiscais anticorrupción. Alí, segundo contou hoxe a SER, o Fiscal Anticorrupción perdeu a votación e non puido frear a operación contra González con ese rexistro que quería impedir.
 
3. Ignacio González tiña o teléfono picado. Tívoo así durante meses. As gravacións van ser moi útiles, polo menos durante o tempo en que González non sabía que a xustiza escoitaba; ata que recibiu un chivatazo. Segundo figura nunha das gravacións a outro investigado, González contou á súa banda que un membro do Goberno o avisou.
 
3. Noutra das conversacións, antes de que soubese que o seu teléfono estaba picado, o hoxe detido Ignacio González falou longamente co exministro Eduardo Zaplana. Xa entón González temía unha investigación penal contra el. Nesa chamada, no verán, González xa sabía quen ía ser o novo fiscal Anticorrupción aínda que faltaban meses para que se coñecese o seu nomeamento, supostamente. Na chamada, que está gravada, González díxolle a Zaplana que Manuel Moix era unha persoa próxima ao PP, que o coñecía ben dos seus anos en Madrid, e que estaría máis tranquilo con el na Fiscalía Anticorrupción.
 
4. É certo, Moix foi o xefe dunha Fiscalía de Madrid moi amable co PP. É normal que Ignacio González o prefira fronte a outros. Fronte a calquera outro, porque como Moix non o hai. Foi a fiscalía de Moix quen tentou arquivar o caso dos espías de Madrid. Foi Moix o que evitou que Rodrigo Rato durmise no calabozo. Foi Moix quen impulsou a acusación contra o xuíz Elpidio Silva por encarcerar a Miguel Blesa. Foi o mesmo Moix o que rexeitou acusar a Esperanza Aguirre cando fuxiu dos axentes de tráfico. Foi tamén Moix o que advertiu aos medios que estabamos a publicar os Correos de Blesa de que “a mera difusión deses correos podía ter encaixe penal”, no canto de perseguir os delitos que estabamos a dar a coñecer con eses correos, como as tarxetas Black.
 
5. A Unión Progresista de Fiscais sabía desta gravación na que o detido Ignacio González eloxia a Moix. Antes do seu nomeamento como fiscal Anticorrupción, esta asociación de fiscais avisou ao Fiscal Xeral do Estado, José Manuel Maza, de que este audio máis tarde ou máis cedo, cando se levantase o segredo de sumario, ía escoitarse, e que polo tanto Moix non era o máis adecuado para ese posto. A pesar de estar avisado deste escándalo –un corrupto eloxiando ao fiscal Anticorrupción–, Maza decidiu seguir adiante co nomeamento de Moix.
 
6. Todo isto, que acabamos de coñecer, é o enésimo exemplo dese “facemos o que podemos” que lle dixo Rajoy a Bárcenas cando lle pediu axuda: de como o Goberno utiliza todos os resortes no seu poder para protexer aos seus, para tapar a corrupción. É tan grave que debería provocar a dimisión inmediata do ministro de Xustiza, do Fiscal Xeral do Estado e deste Fiscal Anticorrupción. É tan grave que provocaría unha crise insalvable no Goberno, en calquera outro país máis normal. É tan grave que non pasará nada, unha vez máis.
 
El Diario. Escolar.net

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript