NÚMERO 354 - 24/04/2017
CUTUDC / Novidades
O Alcalde ridiculiza ás traballadoras dos Centros Socioculturais de Santiago de Compostela despois de terlle gañado un preito ao Concello que o condenou por un dos máis graves incumprimentos laborais: a cesión ilegal de traballadoras/es.
O grupo de goberno de Santiago de Compostela
vén de emitir un intolerable
comunicado na súa páxina Web, que foi enviado á
prensa esta mañá, cun resumo das intervencións do
rexedor compostelán que parece querer diluír as
neglixencias municipais na xestión dos Centros
Socioculturais nun novo ataque ás 8 traballadoras
que foron declaradas persoal laboral indefinido non
fixo do Concello por un fallo do xulgados que
considerou que o Concello cedeu ilegalmemente man
de obra a unha empresa privada.
Considerar que esta sanción legal é unha entrada
pola “porta de atrás” como veu aseverar esta
mañá o Alcalde Martiño Noriega é un ataque
gratuíto e desproporcionado ás traballadoras que en
exercicio dos seus dereitos lexítimos acabaron
por demandar as actitudes irresponsábeis da
administración local de vulneración dos dereitos
laborais básicos do cadro de persoal, e resulta
preocupante en canto supón unha manifestación de
mofa máis cara aos pronunciamentos xudiciais que
protexen aos traballadores e traballadores da
impunidade na que viven as administracións públicas
respecto ao seu persoal.
Utilizar ao persoal como arma política entre
gobernos ou grupos municipais é unha mostra dunha
práctica decadente da xestión municipal. Para a
Sección Sindical da CUT no Concello, que conta con
representación entre estas traballadoras, resulta
indecente que un goberno municipal que leva
mantendo durante un ano enteiro a xestión do
servizo público de Centros Socioculturais en mans
privadas sen contrato, contravindo a normativa en
contratación pública, xenere tales bombas de fume
diante da veciñanza compostelana, simulando que o
problema do servizo é un fallo xudicial
fundamentado en criterios de estricta legalidade no
canto do obvio: que non se está ao que hai que
estar.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript