Abril de 2017
 
 

NÚMERO 352 - 10/04/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

"Isto van Carrero, o rei, a Virxe e un etarra polo Valle de los Caídos..."

O chiste bomba. O chiste definitivo, o combo que che garante cárcere, multa e linchamento mediático. Un chiste onde mestures monarquía, Igrexa católica e ETA, cun par de toques de franquismo disfrazados de humillación ás vítimas (Carrero) e ofensa aos crentes (o Valle de los Caídos). Saltéalo con graza e consegues un chiste que reúne nunha soa frase o máis top do Código penal: o artigo 510 (odio), o 525 (ofensa a sentimentos relixiosos), o 578 (enaltecemento do terrorismo) e o 491 (inxurias á coroa). "Isto van Carrero, o rei, a Virxe e un etarra polo Valle de los Caídos, cando de súpeto…". A ver quen se atreve a terminar o chiste.

 

  • Noticias relacionadas

 

Acumúlanse as denuncias ou condenas por chancear con eses mesmos ingredientes: Cassandra e Carrero, O Intermedio co Valle de los Caídos, o cartel do entroido galego, a "santísima cona insumisa", o rapeiro e as súas rimas sobre o rei, e ata a bandeira republicana denunciada en Cádiz… Se ampliamos aos últimos anos, a hemeroteca está chea de actuacións xudiciais e/ou linchamentos mediáticos por chancear cos catro alicerces da dereita hispánica: monarquía, igrexa, franquismo e ETA.
 
Case sempre bromas, porque asumimos que o humor é a única coartada para dicir certas cousas. "Só era unha broma", repetimos. E se fose en serio? Só de broma podo dicir que o Valle de los Caídos, cruz incluída, paréceme "unha merda"?
 
Hai quen pensa que non deberiamos gastar tinta e saliva, que son casos illados, anecdóticos; que detrás só hai catro zumbados ultras; e sempre quedan en nada. Pero non é certo. A miúdo a denuncia vén da Garda Civil ( apatrullando  as redes), a Fiscalía ou o propio Goberno. E as consecuencias: multas, cárcere, linchamento, e cada vez máis medo e autocensura.
 
De anecdótico, nada: o que vemos é un contraataque en toda regra, a ofensiva da dereita máis ultramontana, que se lanza a por rapeiros, humoristas, monicreques ou protestas festivas, para que quede claro que non van pasar nin unha. Que están en pé de guerra e non lles importa nin o "efecto Streisand" (rebautizado como "efecto Carrero"). Que non cederán un milímetro de terreo. Que pretenden ampliar os seus dominios.
 
Queriades "guerras culturais"? Pois aí as tedes: a dereita cavernícola lanzada en tromba. Nos tribunais, con xuíces afíns e leis a medida. Nos medios, gañando espazo (cun conquistador-evanxelizador na tele pública). E unha e outra vez marcando axenda, conseguindo que aceptemos o seu marco de discusión e caiamos nas súas trampas.
 
Estaba a esquerda tan ufana cambiando o traxe dos reis meigos, rebautizando rúas e pedindo sacar a misa de TVE, e que esperaba? Que a dereita se ía a quedar mirando? Non. Lanzáronse ao ataque. Ao contraataque. Saben ben (sábeno mellor que a esquerda) que a batalla dos símbolos pode ser a primeira escaramuza para posteriores batallas máis materiais. Que un empeza quitando a misa da tele, e acaba derrogando o concordato; e o que chama merda ao hiperprotexido Valle de los Caídos pode logo sacar a picaraña.
 
Por iso a primeira trincheira está aí, no cultural, no simbólico. E para que Igrexa, monarquía, herdanza franquista e nacionalismo españolista estean a salvo, non se pode consentir nin unha broma.
 
Zona Crítica

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript