Abril de 2017
 
 

NÚMERO 352 - 10/04/2017

   CUTUDC / Novidades

  MARCHAS DA DIGNIDADE
 

“A loita é o único camiño”, o berro das Marchas da Dignidade cara ao 27M

O vindeiro 27 de maio as Marchas da Dignidade volven a Madrid, a tres anos da histórica manifestación do 22M de 2014. Compartimos o Manifesto de convocatoria oficial das Marchas para a manifestación do 27M.

 

  • Noticias relacionadas

 

A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO
Tras un período infestado de citas electorais que a moita xente lle fixeron concibir esperanzas de que mediante novos gobernos os seus problemas puidesen solucionarse, comprobamos que isto non foi así. Ao contrario, atopámonos ante unha situación extremadamente difícil, de emerxencia social, que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora, a cidadanía e os pobos, como perspectiva para todas e todos aqueles que están a loitar e que sofren as contradicións deste sistema que só xera paro, precariedade, pobreza e violencia.
 
Millóns de traballadores e traballadoras atópanse sen emprego. Ter unhas mans para traballar, dispoñer da túa capacidade tanto manual como intelectual e non atopar un traballo digno é humillante. Está a desperdiciarse o talento colectivo dunha sociedade, hipotecando indefinidamente o seu futuro. Os traballadores e traballadoras non nos merecemos este atropelo á nosa dignidade colectiva.
Centos de miles de familias perderon a súa casa. Non hai nada máis inhumano que desaloxar a unha familia do seu fogar só para alimentar a voracidade insaciable duns banqueiros sen escrúpulos. Banqueiros aos que os estados servos da Troika alimentan a conta de empobrecer aínda máis á clase traballadora e ás persoas máis indefensas.
 
Mentres, a patronal, aproveitando o drama do paro masivo, aperta as torcas á baixa dos salarios e das condicións de traballo ás persoas que aínda teñen un emprego. A mocidade traballadora foi sometida a unha dobre escala salarial xeneralizada. Traballadores e traballadoras, sobre todo inmigrantes, que, ante a difícil situación, non poden sequera cuestionar o seu papel de meros explotados/as polo capital. Hoxe máis que nunca é preciso estreitar lazos e reafirmar que “nativa ou estranxeira, todos somos a mesma clase obreira”.
 
Á súa vez, un millón de persoas emigraron nos últimos anos. A inmensa maioría mozas a quen se lles nega a posibilidade de forxar un proxecto de vida digno e vense abocados a buscarse a vida no estranxeiro como antes fixeron os nosos pais e avós. Non podemos por iso sinalar ás persoas migrantes como responsables da crise, senón como as súas primeiras vítimas.
 
O PATRIARCADO. UN MODELO DE SOMETEMENTO PARA A METADE DA POBOACIÓN
As mulleres dicimos non a un sistema patriarcal que nos arrastra a épocas do pasado e que nos impide avanzar en igualdade, quitándonos o dereito para decidir sobre os nosos corpos, estendendo os crimes machistas, intensificando a desigualdade como reflicte a crecente brecha salarial, e provocando a volta aos fogares para dedicarnos á crianza e os coidados, sen recoñecemento nin remuneración. Así mesmo, as nosas nais vense abocadas á pobreza con pensións míseras cando é o seu traballo o que mantivo e mantén a vida e a economía produtiva.
 
Reclamamos, Pan, Traballo, Teito, e IGUALDADE.
 
CONTRA A TEAZA DA DÉBEDA IMPOSTA POLA UE E O FMI
O goberno do PP e demais gobernos de todas as cores, executan ao ditado da Troika (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo e Comisión Europea), políticas consistentes no roubo de dereitos e o empobrecemento xeneralizado da maioría social. Estas políticas que se fundamentan no pago dunha Débeda ilexítima que non contraeron os cidadáns e cidadás, son produto da especulación bancaria e os excesos dos distintos gobernos. A degradación dos dereitos sociais e ambientais degradarase, aínda máis, co CETA (Tratado de Libre Comercio entre a UE e Canadá).
 
Tras a modificación do artigo 135 da Constitución polo goberno do PSOE, co apoio do PP, a aplicación do Tratado da Zona Euro de 2012, impón a todas as administracións públicas, incluída a Seguridade Social, obxectivos de Déficit destinados a adelgazar sen límites o gasto público en servizos sociais e as pensións públicas.
 
A redución do gasto en servizos públicos xunto coa privatización de todo o rendible (o último elo é AENA) e a subcontratación da prestación de servizos públicos con empresas privadas que obteñen os seus infames beneficios precarizando ao máximo as condicións laborais, serven ao mesmo gran obxectivo: poñer a disposición do capitalismo en crise os mellores anacos da torta dos orzamentos públicos. O resultado é o desmantelamento da sanidade e a educación públicas, así como dos servizos sociais, a maior gloria da empresa privada. O aumento escandaloso dos gastos militares ao servizo das guerras imperiais reforza a nosa reivindicación de saír da OTAN e desmantelar as Bases.
 
Cunha maioría de pensións públicas que non aseguran o mínimo necesario para sobrevivir – máis da metade dos pensionistas cobra por baixo do salario mínimo e preto do 40% das familias dependen dunha pensión -, co vergoñoso copago de medicamentos para os pensionistas e o atraco ao noso “peto das pensións”, prepáranse novos ataques contra as pensións públicas, ao amparo do infame “Pacto de Toledo”, en beneficio dos plans de pensións privados.
O drama do pobo grego e a aceptación polo goberno de Syriza de todas as imposicións da Troika, mesmo coa vitoria do NON no referendo, mostra con toda claridade como a UE e o Euro actúan como camisa de forza para afogar a soberanía popular. Na súa contra é preciso promover a loita e a unión da clase obreira e dos pobos de Europa.
 
RUPTURA CO RÉXIME DO 78
Ao capitalismo estórbanlle as liberdades e os dereitos da maioría social. É un sistema que busca exclusivamente o beneficio privado duns poucos e que nos leva inexorablemente a unha catástrofe social e ambiental de alcance incalculable.
E cando se protesta, sempre obtemos a mesma resposta: a represión e criminalización do sindicalismo de clase e dos movementos sociais. É un sistema que necesita a represión, que xera leis como a Lei Mordaza para manterse e que debe ser superado coa loita na rúa. Unha lei que demostra ás claras que mentres as e os que loitan son multados, detidos e condenados a prisión, os que especulan coas nosas vidas van vivir a Suíza, como o caso de Urdangarin.
 
Agora, a aprobación de leis que deixan as mans libres ao esquirolaxe e limitan o dereito de folga, que aceleran o desaloxo de vivendas ocupadas, ou o novo pacto social que se está cociñando coa complicidade das burocracias sindicais para un novo Estatuto dos Traballadores, son novas voltas de torca que nos atenazan e ás que hai que enfrontar con organización e loita obreira e popular.
 
A descomposición do réxime xurdido da Constitución do 78 faise evidente. Naceu contra o pobo, está corroído pola corrupción e non ten ningunha lexitimidade. Aos capitalistas herdeiros do franquismo, sumáronselles os novos ricos do PSOE e doutros partidos nos diferentes gobernos – que amasaron as súas fortunas coas privatizacións e a escandalosa corrupción. Esta corrupción xeneralizada que, non o esquezamos, está no código xenético do sistema capitalista, actúa con total impunidade precisamente pola supervivencia de todas as estruturas de poder herdeiras da Ditadura: monarquía borbónica, xustiza, forzas armadas, policías de todo tipo, igrexa católica, altos cargos da administración, etc.
 
É este Réxime podrecido o que se viu sacudido pola mobilización popular e o que pretende asentarse sobre a miseria da inmensa maioría da clase obreira, a precariedade laboral e social, a represión da loita social e dos dereitos nacionais dos pobos do Estado español.
 
As Marchas da Dignidade, á vez que recoñecemos a lexitimidade do dereito dos pobos para decidir soberanamente o seu destino, chamámoslles a loitar unidos contra ese réxime corrupto, estreitando os lazos de clase que nos permitan avanzar, aquí e agora, na loita contra o capitalismo e o seu puño de ferro: a UE e a OTAN.
 
Á vez que esiximos a liberdade para Alfon, Bódalo, e para todas as presas e presos encarcerados por loitar, expomos que a Lei Mordaza e o conxunto da lexislación antiterrorista deben ser derrogadas.
 
AS MARCHAS DA DIGNIDADE TEÑEN COMO MÉTODO FUNDAMENTAL DE TRABALLO UNIFICAR AS LOITAS
Ao seu arredor vanse agrupando, e chamamos a agruparse a pensionistas, desempregados e desempregadas, mulleres en loita pola igualdade e contra as violencias machistas, as traballadoras e os traballadores en conflito – incluídas as persoas que están a loitar polo retorno á xestión pública -, ás que loitan por unha educación e sanidade públicas gratuítas e de calidade, a quen denuncia ás empresas que depredan o medio ambiente, etc. Chamamos a sumarse en fin, a todas aquelas persoas que cren que outro mundo, máis xusto e solidario, ademais de posible, é necesario.
 
Na loita difícil que emprendemos por un cambio real, non un simple cambio de goberno, necesitamos que quen estean dispostos a pelexar nos unamos. A construción de poder popular esixe pasos pacientes e firmes que non se deixen seducir polos cantos de serea de falsas solucións institucionais que tan caro pagamos na Transición e que hoxe, no marco da Unión Europea, son máis enganosos que nunca.
 
TODOS E TODAS A MADRID O 27 DE MAIO
Nese camiño, de construción paciente e firme da forza necesaria para cambiar de verdade as cousas e construír unha sociedade a favor e das e os traballadores, para o que sabemos que a folga xeral é unha ferramenta moi importante de conciencia e organización, chamamos a encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 27 de maio de 2017.
 
Ese día chegaremos columnas de todos os pobos e nacións do estado a Madrid e tamén desde a emigración. Á vez que convocamos á clase obreira e a todos os pobos do Estado español a mobilizarse, facemos un chamamento especial ao pobo de Madrid, antifascista e solidario, a incorporarse a esta gran mobilización.
 
PAN, TRABALLO, TEITO E IGUALDADE:
En defensa de pensións públicas dignas e a cargo dos Orzamentos. Non ao Pacto de Toledo.
Polo emprego estable, salarios dignos e a renda básica: Derrogación das reformas laborais.
Pola liberdade das persoas presas e procesadas por loitar. Amnistía.
Polo non pago da débeda. UE e FMI fóra xa de aquí.
Pola defensa dos Servizos Públicos como dereitos esenciais.
Contra o feminicidio: Querémonos vivas, nin unha menos.

 
* Fonte: Marchas da Dignidade
 
http://www.izquierdadiario.es/La-lucha-es-el-unico-camino-el-grito-de-las-Marchas-de-la-Dignidad-hacia-el-27M?id_rubrique=2653

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript