Abril de 2017
 
 

NÚMERO 352 - 10/04/2017

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - Valentina Formoso
 

Non queren!

Aproveitando a oportunidade que se me brinda neste espazo, quería poñerlle voz a Rosa e mais a Marta, nomes ficticios que representan a dúas mulleres reais que andan nos corenta anos. Teñen en común -entre outras cousas non relevantes para este artigo- a súa orixe (naceron en aldeas de dous concellos moi rurais do noso territorio), o lugar de traballo (unha empresa privada dunha cidade galega) e a profesión (ambas, administrativas). Tamén coinciden na súa lingua inicial, galego; na súa lingua de escolarización, castelán; na súa lingua familiar, galego; na súa lingua de formación, castelán, e , por suposto, na lingua que empregan no ámbito laboral, castelán.

 

  • Noticias relacionadas

 

Faremos unha paréntese para explicar que a súa empresa conta cun cadro de persoal de máis de medio cento de persoas con titulacións medias e superiores, a inmensa maioría galegas de nacemento e residencia. Relaciónase maioritariamente con clientela galega, boa parte administración autonómica ou local. Así e todo, o traballo desenvólvese de forma maioritaria en castelán.
 
Volvamos ás mozas das que falabamos, que baten con compañeiros, compañeiras e clientela que poden facer un uso máis ou menos ritual, diglósico en calquera das súas vertentes (a dereita e a invertida), ou nulo da lingua galega. Elas só empregan o galego no traballo para falaren con algunha persoa que ten esta lingua como habitual e que a usa, coma elas, só no rexistro oral coloquial. Ata aquí todo bastante tópico.
 
Onde quería eu poñer a voz é precisamente na que elas non quixeron usar. O xefe, nacido fóra de Galicia e afincado aquí desde os anos 90 do século pasado, alá dunha volta (tempos do bipartito) díxolles a estas mozas que podían usar o galego para responder o teléfono. Mais non quixeron. Razón? Elas galego non sabían falar! Morreu o conto, ata que un compañeiro novo na empresa lles pediu o outro día que escribisen unha carta en galego para a administración.... Resposta: elas cartas en galego non sabían redactar. O xefe, xaora,  dixo que daba igual, que non ía pasar nada se ía en castelán. É que estamos na Era lingüística Feijóo. Xa levamos sete anos e con froitos.
 
Nesta nova era chamounos á atención que, hai uns meses, se aprobase un Plan de “dinamización” para o tecido económico. Ademais de sacar algún titular en prensa, terán algunha acción prevista, non a coñezo. Mais o que non parece que teñan é algo fundamental para que funcione o tal plan, e sexa realmente normalizador: a formación real do alumnado dos ciclos formativos, o empoderamento daquel que é galegofalante, a achega do léxico básico que precisa cada profesional na súa área, o dominio da documentación propia... Algo que se debería estender ao ensino universitario.
 
Se as futuras persoas que vaian exercer de administrativas seguen sen aprender a escribir cartas en galego e, aínda por riba, cada vez teñen máis lonxe esta lingua da súa práctica habitual e espontánea, seguirán sen querer escribir, nin coller o teléfono...en galego. E así en todas as ramas profesionais. Converter en normal a lingua no ámbito económico debe ir á par de facelo no ámbito educativo.  O galego practicamente non existe, exceptuando interaccións orais, nas aulas da Formación profesional. Pode estar nos papeis, pero na realidade o 50% que figura no texto legal, brilla pola súa ausencia, porque non existen os materiais; ergo, non existe a formación real.
 
En calquera momento, hannos dicir persoas responsables deste eido na administación que xa fixeron todo o que se podía facer co devandito Plan e, se non se normaliza (para eles “dinamiza”) o tecido económico é porque as persoas que o conforman non queren facelo. A continuación alguén erguerá a bandeira da liberdade lingüística para esta clase traballadora, que non se sente segura e non quere empregar a lingua propia. Xa os estou oíndo: Ninguén llelo impide, pero os traballadores e traballadoras non queren usar o galego, ídesllelo impoñer?
 
Valentina Formoso
ProLingua

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript