E non é unha esaxeración. Hai
que ter en conta que, dende que rematou o sistema
de cotas, calquera granxa pode producir sen límites
canto leite queira. Sabendo que a granxa de
Noviercas poderá producir en 1 ano o leite que
producen as 8.475 granxas galegas en 1 mes (preto
de 200.000 toneladas), só quince explotacións
destas dimensións poderían suplir a potencia
produtiva galega actual.
Así as cousas, autorizar a implantación deste
modelo de macro-granxas favorecería a súa
construción preto dos grandes núcleos de poboación
do Estado (área mediterránea e centro peninsular),
para fornecelos eliminando os gastos de recollida e
minimizando os de transporte. Isto aceleraría un
proceso de deslocalización da produción láctea que
xa está en marcha. Un dato a ter en conta: as
17.151 toneladas de caída produtiva na Galiza de
2015, incluído o leite que se tirou na folga de
entregas, foron compensadas a nivel estatal por un
aumento de produción dun volume similar en
Andalucía, Levante e Murcia. É dicir, as
macro-explotacións nin sequera terían que estar na
Galiza para forzar o peche das nosas granxas. Por
iso, aínda que este proxecto se vaia desenvolver a
máis de 500 quilómetros da Galiza, o sector lácteo
galego, que agora mesmo fornece o 40% da produción
leiteira do Estado, cun alto custe de transporte
para as industrias pola dispersión das nosas
granxas pero esencial para a mantenza de miles de
familias do noso rural, sería o principal
damnificado do novo modelo produtivo.
A xeito de resume, lembremos o impacto que pode ter
unha granxa das dimensións da que se pretende
construír en Noviercas:
- Emprego: Unha soa
granxa con 20.000 vacas podería producir preto
de 180.000 toneladas de leite ao ano, cifra que
se achega á produción mensual das 8.475 granxas
que seguen activas na Galiza. É dicir, de
autorizarse un modelo produtivo destas
dimensións, quedaría vía libre para que unhas
15 granxas industriais como a de Noviercas
podan substituír as máis de 8.000 que temos na
nosa terra.
- Medio Ambiente: A
granxa de Noviercas consumiría entre 4 e 6'35
millóns de litros de auga ao día e xeraría
unhas 368.000 toneladas de zurros ao ano, o que
implicaría que leitos fluviais, auga potábel,
saúde pública, fauna e mesmo outras actividades
económicas, como o turismo da zona, puideran
verse gravemente afectadas. Unha soa granxa
como a de Noviercas consumiría a cuarta parte
da auga que consume unha cidade como Lugo ou
Santiago de Compostela por día1;
en canto aos refugallos, as 20.000 vacas
producirían case o dobre de residuos orgánicos
que toda a poboación de Galiza e case 50 veces
os xerados por todos os habitantes da cidade de
Lugo. A empresa pide 6 millóns de euros de
cartos públicos para poder tratar os residuos,
o dobre dos 3 millóns de euros dedicados pola
Consellaría de Medio Rural para as axudas de
apoio ao sector lácteo galego en 2016.
- Benestar animal: A
intensificación da produción sería unha
barbaridade, cunha media de 30 unidades de
gando maior (UGM) por hectárea.
- Sanidade: Sería
unha bomba a nivel sanitario, pois un só caso
positivo de tuberculose bovina, moi posible ao
ter que traer animais de diversas procedencias
para xuntar unha cabana gandeira tan
desproporcionada, obrigaría a sacrificar todas
as vacas con cargo a orzamentos públicos. O
baleiro sanitario da macro-granxa de Noviercas
custaríalle á Administración 14'6 millóns de
euros. Non está de máis lembrar que o orzamento
da Consellaría de Medio Rural no capítulo das
compensacións polos sacrificios obrigatorios
para erradicar enfermidades animais ascende a
300.000 € para 2017.
- Calidade: O Estado
Español converteríase no principal produtor de
leite-lixo de Europa, fronte a países coma
Irlanda, que apostan polo produción en base a
pastos e forraxes naturais, ou Francia, onde os
labregos e labregas da Confédération Paysanne
lograron paralizar e poñer á opinión pública en
contra dun proxecto de granxa de 1.000 vacas
que, en comparación coa de Noviercas, queda
pequena. A granxa de Noviercas sería un
primeiro paso para facer do Estado Español o
produtor de leite barato de Europa e de
subprodutos como leite en po, rendíbeis para
grandes empresas pero ruinosos e inviables para
as granxas familiares.
Campaña contra a granxa de Noviercas a nivel
europeo
Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego
Galego instamos ás organizacións do campo, aos
partidos políticos, ás organizacións agrarias e á
sociedade galega a expresar o seu máis firme
rexeitamento á instalación dunha granxa con 20.000
vacas en Noviercas, porque sería o principio do fin
do sector lácteo na Galiza e no Estado como xerador
de emprego e riqueza no rural, para concentrarse
nunhas poucas factorías deshumanizadas,
capitalizadas por empresas sen vinculación co
rural, inviables dende un punto de vista ecolóxico
e sanitario e destrutoras do escaso tecido social
que sobrevive no campo.
Por iso, dende o SLG iniciamos unha campaña na que
xa solicitamos formalmente a todos os partidos
políticos con representación no Parlamento de
Galicia que expresen o seu rexeitamento ao proxecto
de Noviercas; ademais da recollida de sinaturas,
tanto a través de Internet cunha iniciativa en
change.org, como granxa a granxa solicitando o
apoio dos gandeiros e das gandeiras da nosa terra.
Ademais, a través da secretaria xeral, Isabel
Vilalba Seivane, este problema foi introducido na
axenda da Coordinadora Europea da Vía Campesina
(ECVC), nos encontros de traballo que tiveron lugar
en Roma a pasada fin de semana; e foi tratado na
última xuntanza do Grupo de Diálogo Civil do Leite
(Civil Dialogue Group on Milk), organizado pola
Comisión Europea en Bruxelas. Tamén, esta mesma
semana, dende a COAG fíxoselle entrega ao comisario
europeo de Agricultura, Phil Hogan, un informe para
poñelo ao corrente dos riscos e ameazas que
representaría autorizar un modelo de explotación
como o de Noviercas na UE.
Sindicato Labrego Galego