NÚMERO 351 - 03/04/2017
CUTUDC / Novidades
En Ferrol, a 23 de marzo de 2017, esta Plataforma comparece publicamente para expoñer o seu posicionamento ante os acordos anunciados polo Alcalde, Jorge Suárez, tras a reunión cos portavoces dos grupos municipais, en relación á posta en marcha do sistema de depuración e o seu financiamento. Acordos tomados na xuntanza de portavoces, celebrada este xoves, 23 de marzo, no Concello de Ferrol.
Primeira cuestión.-
Nos acordos alcanzados, quedou ao descuberto a
MENTIRA coa que se pretendeu todos estes meses
enganar á cidadanía de Ferrol, moi especialmente ao
colectivo de mariscadores e mariscadoras, que
consistía en repetir unha e outra vez, que era
imprescindíbel aprobar primeiro unha Taxa para
poder poñer a funcionar a Depuradora e o resto do
Sistema de Saneamento. Agora, se nos dá a razón á
Plataforma cando afirmábamos que para que a
EDAR e resto do Sistema de Saneamento (Ebar,
emisarios terrestre e sumariño, regulador,
interceptores, tanques de tempestade...) comezara a
funcionar, non se necesitaba aprobar unha taxa de
urxencia, de xeito atropelado e baseándose só no
informe elaborado pola parte privada de Emafesa (Socamex).
Agora dáse un prazo de dous a tres meses para
aprobala.
A Plataforma seguimos exixindo un proceso
participado, transparente e rigoroso, que
cumpra como mínimo coa Lei de Procedemento
Administrativo Común, no seu artigo 133 que di “Con
carácter previo á elaboración do proxecto ou
anteproxecto de lei ou de regulamento, realizarase
unha consulta pública, a través do portal web da
Administración competente, na que se recabará a
opinión dos suxeitos e das organizacións máis
representativas potencialmente afectadas pola
futura norma”. Mais sería desexábel o
cumprimento da palabra do Alcalde e o programa
electoral co que se presentou, dando sentido á
tan publicitada Participación Cidadá, e
demandada por miles de sinaturas presentadas no
rexistro xeral do Concello, unha Audiencia
Pública, sobre todo o referente á auga e ao
saneamento, pois si se ten que establecer unha
Taxa, esta ten que ser explicada, participada e
xusta.
Segunda cuestión.-
A nosa alarma ante a idea de que lle sexa entregada
a
EMAFESA a xestión da depuradora. É coñecido
pola poboación deste Concello cal é o papel desta
empresa, totalmente controlada pola parte privada
SOCAMEX, que non só puxo en perigo a nosa saúde
coa crise dos trihalometanos, se non que, como ten
denunciado ante a fiscalía esta Plataforma, cobrou
unha taxa indebida, por un servizo que non se
prestaba. A maiores, participou nun engano
intencionado con publicidade, xunto ao goberno de
Jose Manuel Rey Varela, anunciando que a
depuradora estaba funcionando, cando a verdade era
que non se depuraba. A opacidade nas contas e na
xestión son unha das características desta empresa,
que agora acumula perdas millonarias. O intento de
aumentar o seu nivel de negocio, ou a utilización
da Taxa como aval bancario para obter novo crédito,
fai que o problema que supón para a poboación de
Ferrol a existencia de
EMAFESA, secuestrada pola parte privada
SOCAMEX-URBASER, se perpetúe no tempo e
signifique unha sangría continuada de recursos
familiares e recursos públicos en Ferrol.
A entrega a esta empresa non ofrece garantías e
está na dirección oposta ao que debera ser un
proceso de remunicipalización deste servizo. A
maiores,
Augas de Galicia, até o momento única
responsábel da
EDAR de Cabo Prioriño, ao entregar a unha
empresa mixta, polo tanto, empresa que se rexe polo
dereito mercantil, como calquera empresa privada, a
xestión dun servizo sen aplicar o principio de
libre concorrencia, suporía incorrer nunha causa de
nulidade de pleno dereito. Na mesma situación
podería encontrarse o Concello de Ferrol, asinando
a prorroga do Convenio de Colaboración con
Augas de Galicia, onde se formaliza a encomenda
de xestión .. e á súa vez o Protocolo de Execución
onde se lle outorga a
EMAFESA a xestión, explotación, mantemento e
conservación do sistema de saneamento e depuración.
Terceira cuestión.-
A Plataforma pon ao servizo da cidadanía de Ferrol,
un correo electrónico,
afectadasporemafesa@gmail.com, para facilitar a
denuncia de incumprimentos, cobros indebidos e
abusos que esta empresa leva cometendo ao longo
destes anos no noso Concello, de cara á formación
dunha asociación (que esta Plataforma
acordou promover) de persoas afectadas por
Emafesa, que poidan realizar accións
colectivas para defender os seus dereitos
vulnerados.
Cuarta e última Cuestión.-
Despois do calamitoso Pleno e dos acordos acadados
por catro grupos municipais que non compartimos no
referente a que
Emafesa se faga cargo da Depuradora como xa
argumentamos na segunda Cuestión, como Plataforma,
demandamos o que segue:
1) QUE A PLANTA EMPECE A TRABALLAR XA, nas
mans de
Augas de Galicia, ou mediante unha empresa
pública (Seaga,
Tragsa,
Emalcsa,...) na que delegue baixo a súa
responsabilidade, mentres se acondicione e se
emenden as deficiencias rexistradas nas
instalacións ou as relativas coa posta a punto
delas, subrogando ao persoal que traballa na
actualidade no sistema de saneamento e depuración.
2) ESIXIMOS A REALIZACIÓN DUN ESTUDO
TÉCNICO-ECONÓMICO DA FUTURA TAXA, realizado por
unha entidade independente do sector e coa
participación veciñal e social.
3) REXEITAMOS CALQUERA CUSTO DE TRABALLOS FEITOS
ATÉ HOXE POR EMAFESA NAS INSTALACIÓNS DA EDAR,
EBAR, EMISARIOS E INTERCEPTORES. Estes
traballos deberán ser soportados en custo e alcance
por Augas de Galicia xa que nada teñen que ver con
decisións ou responsabilidades da veciñanza.
4) ESIXIMOS DE FORMA URXENTE UNHA AUDITORÍA DAS
CONTAS DE EMAFESA. Non nos parece razoábel nin
suxeita a dereito que cos cartos da veciñanza se
cubran perdas imputábeis directamente a xestión da
parte privada de
Emafesa (Socamex-Urbaser).
5) ESIXIMOS A DEVOLUCIÓN OU NOTIFICACIÓN DE
FUTURA COMPENSACIÓN, POR PARTE DE EMAFESA, POLO
RECIBO DA TAXA COBRADO INDEBIDAMENTE Á VECIÑANZA
POR UNHA DEPURACIÓN QUE NON SE EFECTUOU.
Ferrol, 23 de marzo de 2017
Asinado en representación da Plataforma na Defensa
dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo
Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript