Abril de 2017
 
 

NÚMERO 351 - 03/04/2017

   CUTUDC / Novidades

  ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO
 

Emprego público e incremento salarial

Nestes días anunciouse a bombo e prato o acordo entre as centrais sindicais maioritarias e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para, no período de tres anos (2017-2019), proceder á estabilización de 250.000 postos de traballo nas Administracións Públicas. Os sindicatos, máis optimistas que o propio goberno sinalan que poden chegar a ser 300.000.

 

  • Noticias relacionadas

 

Segundo transcendeu aos sectores prioritarios establecidos nos orzamentos de 2016 súmanse agora colectivos como os servizos de atención máis próximos á cidadanía, no caso da Administración Xeral do Estado, inclúe a colectivos como os de tramitación do DNI, Servizos Públicos de Emprego, Tráfico, Fogasa e Seguridade Social, prestación directa do servizo de transporte público e seguridade e emerxencias.
 
Como sinalamos trátase dun proceso de consolidación de emprego sen que signifique incremento orzamentario nas administracións afectadas que, segundo o acordo, seguirán coas taxas de reposición actuais que, lembramos, na xeneralidade das Administracións Públicas é do 50%. Polo tanto, seguirase a perder emprego público.
 
Neste capítulo o acordo parécenos inaceptable. Os políticos véndennos a moto da recuperación económica pero a realidade é que a cidadanía non a percibe. As Administracións Públicas, necesarias sempre pero máis que nunca en épocas de crise afundiranse, aínda máis na precariedade e os servizos á cidadanía seguirán diminuíndo tanto en cantidade como na calidade dos mesmos.
 
Para a recuperación e o mantemento dos servizos públicos é imprescindible unha inxección orzamentaria extraordinaria e a eliminación das taxas de reposición coa finalidade de incrementar os empregos públicos a niveis nos que se asegure tanto un desempeño do traballo digno como a eficacia que deles agarda a cidadanía. Isto non sucederá co exiguo acordo asinado.
 
Se o acordo a nivel de emprego é moi limitado, o incremento económico é insultante. Da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas realizada o pasado día 29 saíu un incremento salarial do 1% cando o IPC está agora, por riba do 3% e as expectativas máis optimistas dos gurús económicos sinalan que, a finais do ano, estará moi por riba do 2%. Mentres que o produto interior bruto en 2016 creceu un 3,2% respecto de 2015, as traballadoras e traballadores das Administracións Públicas seguiremos perdendo poder adquisitivo como se nos ven impoñendo desde o comezo desta crise estafa coa conivencia dos sindicatos maioritarios.

Sabemos, tamén, que o día 28 de marzo de 2017, tivo lugar unha reunión da Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza. Nesa reunión sinalouse que, unha vez determinadas nos Orzamentos Xerais do Estado tanto as taxas de reposición para o ano 2017, como se os procesos de regularización de emprego temporal quedaban fora de dita taxa, convocarían, nesta semana, ás organizacións sindicais para empezar a negociar os criterios da oferta de emprego público de Galiza.
 
A noticia en La Opinión Coruña
 
Orzamentos Xerais do Eestado segundo o Ministerio
 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript