NÚMERO 351 - 03/04/2017
CUTUDC / Novidades
A Mesa convocou o, día 27 de marzo na cafetería Airas Nunes, aos medios para presentar a nova campaña que se está a desenvolver para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.
A ILP naceu con motivo
das múltiples queixas que chegan á aplicación A
Liña do Galego, queixas que poñen de manifesto
a vulnerabilidade dos dereitos lingüísticos e a
nula garantía lexislativa de que se poda exercer
ese dereito a vivir no noso idioma. Desde A Mesa
destácase que a inexistencia da máis mínima opción
no noso idioma por parte de empresas e servizo nega
a liberdade para o emprego do galego e evidencia a
situación de desigualdade.
Para pór fin a esta cuestión lánzase esta ILP, que
conta con catro artigos: o primeiro fala do dereito
das persoas consumidoras e usuarias a recibiren en
galego toda a información, documentación e
contratos sobre produtos e servizos, así como a
seren entendidas e atendidas no idioma de Galiza
polas empresas que lles prestan servizos ou
subministran bens no nos país; o segundo artigo,
dirixido as empresas que prestan servizos ás
administracións públicas e ás entidades do sector
público autónomo e local de Galiza, para que
inclúan o galego na atención ao público; o terceiro
artigo refírese á opción de facer unha valoración
adicional de todas aquelas entidades que promovan a
normalización da lingua e que preguen a
contratación de servizos da administracións pública
galega; por último, o cuarto artigo diríxese ao
Goberno galego, para que desenvolva unha campaña de
concienciación cidadá nos medios de comunicación,
con especial atención nos de titularidade pública.
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira,
“estas cuestións son básicas, de sentido común,
mais actualmente non están garantidas e o que se
pretende é que o galego sexa unha lingua normal”.
Por iso a ILP pretende facer efectivo o dereito
básico a empregarmos o galego sempre”
Son 10.000 sinaturas as que hai que reunir para que
esta ILP se leve a debate ao Parlamento galego, por
iso, A Mesa organizará actos por toda Galiza e
estará presente en acontecementos de todo tipo para
recoller sinaturas. Ademais continuarán os
contactos con entidades sociais, empresariais,
sindicais, culturais para que se sumen aos 125
apoios de persoas relevantes destes ámbitos que
mostraron a súa adhesión inicial.
A Mesa pola Normalización Lingüística
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript