NÚMERO 350 - 27/03/2017
CUTUDC / Novidades
O Informe sobre o Estado Social da Nación 2017, elaborado pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais (asociación encargada de propoñer ideas e solucións á administración e ás empresas do sector en materia de servizos sociais) advirte dunha “extensión e persistencia” da pobreza, precariedade, exclusión e incremento de desigualdades na sociedade española; e propón aos políticos: derrogar a Reforma Laboral para acabar coa precariedade; unha renda mínima; atender ás 340.000 persoas dependentes que non reciben atención, e o rescate dos parados de máis de dous anos.
En canto á pobreza, o estudo constata que se
“instalou na sociedade española, afectando a persoas
e familias que cada vez ven máis difícil saír da súa
situación” e alerta da dificultade das novas
xeracións que nacen nun ámbito empobrecido de saír
desta situación ao longo da súa vida.
En concreto, achega datos como que case 700.000
fogares (1,3 millóns de persoas) non teñen ningún
ingreso. Por iso, os autores do informe consideran
imprescindible unha regulación estatal que garanta
unha renda básica non vinculada a procesos de
inclusión.
O paro de longa duración que afecta a case dous
millóns de españois é a expresión máis evidente
desta “cronificación” da pobreza. Ante esta
situación, propoñen aos políticos deseñar un plan
que ofreza a toda persoa desempregada por un tempo
superior a dous anos, un emprego de polo menos seis
meses de duración.
Así mesmo, consideran necesaria a derrogación da
Reforma Laboral. O coordinador e redactor do
informe, Gustavo García Herrero, explicou que o
prezo da recuperación é que deixou “ sen futuro á
inmesa maioría da poboación española” que ten que
conformarse con sobrevivir “” e non pode facer
proxectos vitais.
“Agora que o Goberno está tan preocupado pola
natalidade, non hai medida máis importante que
derrogar a Reforma Laboral, sería a mellor medida
para fomentar a natalidade”, precisou García
Herrero, que explicou como a precariedade, causada
pola inestabilidade no emprego e os baixos salarios,
provocan que 6 millóns de persoas estean en
permanente risco de caer na pobreza ante calquera
posible “vaivén”.
Así mesmo, o informe suxire como medida para a
xeración de emprego así como para a protección
social a firma dun Pacto de Estado para atender ás
case 350.000 persoas recoñecidas como dependentes
que non reciben atención. Con esta medida, segundo
sinalan, xeraríanse 90.000 empregos directos, cun
incremento do gasto público de 1,5 millóns de euros
ao ano.
En canto á exclusión social, os autores do estudo
precisaron que hai que distinguila da pobreza pois
nestes momentos hai máis de 8 millóns de
traballadores que viven baixo o limiar da pobreza
pero que non están excluídos. Ademais, alertaron da
soidade como a nova forma de exclusión social, que
leva a moitas persoas maiores a vivir en situacións
“dramáticas”.
Segundo advertiu o redactor do capítulo ‘Pobreza e
Exclusión Social’, Luís Barriga, existe o risco de
caer nun proceso de espiral “acelerada” cara á
exclusión nos próximos anos se non se toman medidas
para evitalo; e alertou da “bomba de reloxería” que
pode ser a exclusión e a situación dos mozos sen
futuro.
Sobre as desigualdades, o informe precisa que estas
non só se están mantendo tras a crise senón que se
están incrementando e recolle datos como que o 1% da
poboación española con maior patrimonio acaparaba en
2016 máis dunha cuarta parte da riqueza do país,
mentres que o 20% máis pobre quedaba cun 0,1%.
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos
Sociais entregou o informe aos partidos políticos
fronte ao debate que terá lugar este mércores 22 de
marzo no Ateneo de Madrid e no que participarán
todos os Grupos Parlamentarios.
Tamén asistirán diversas organizacións sindicais,
sociais e profesionais. Trátase da cuarta ocasión na
que se celebra este debate, que ten como obxectivo
dar a réplica ao tradicional Debate sobre o Estado
da Nación.
Ler informe
EP
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript