NÚMERO 350 - 27/03/2017
CUTUDC / Novidades
Entrevista a Ana Belén Vázquez Martínez operaria de produción no centro industrial de Pescanova España en Chapela. Leva 14 anos na empresa e é a única representante da CUT na negociación do Convenio Colectivo.
Pescanova vive un momento
histórico. É a primeira vez que paran as máquinas
dende a creación da empresa en 1960.
Case 11 meses de negociación do convenio, preto
de 100 xuntanzas e chega un punto no que vos
fartades e vos levantades da mesa. Cal foi o
detonante?
Fómonos mantendo na negociación porque a empresa foi
cedendo. Inicialmente quería modificar todo no
convenio pero foron cedendo. Pero chegado un
momento, a empresa marcou dúas liñas vermellas
referentes ás novas incorporacións e á distribución
da xornada. Como non se movía de aí, nós
levantámonos da mesa de negociación e decidimos
unhas medidas de presión porque non imos precarizar
o emprego para as novas contratacións nin ser
propiedade deles de luns a domingo, as horas que
queiran e como eles queiran.
En que consiste esa precarización do emprego?
Eles agora queren distribuír a xornada de luns a
domingo como eles queiran, segundo a produción. E
nós non podemos recoller iso no convenio cando agora
no convenio se recolle unha xornada de 40 horas
semanais de luns a venres.
Para as novas contratacións a empresa hai unha
rebaixa salarial considerable, arredor dun 40%. A
proposta inicial era de 12.200€ brutos anuais e
foron subindo ata preto de 13.000 € pero en 14
pagas. Actualmente o salario máis baixo está en
13.200 € en 16+1 pagas.
Falan de competitividade, de que temos baixar o
prezo da man de obra porque Pescanova está moi por
riba da competencia. Din que hai que baixar a man de
obra para ser competitivos. Para gañar máis,
realmente, porque todo o beneficio é da empresa.
A empresa ampárase en supostas perdas nos últimos
anos para defender ese convenio á baixa. As perdas
son reais ao voso entender?
O grupo pechou o ano pasado con beneficios altos.
Hai unha débeda anterior que está aí pero eles
seguen gañando cartos. Fixeron un plan chamado
“Todos a unha” para ampliar o beneficio daquí a 2020
de 1.000 a 1.500 millóns de euros, 500 millóns de
euros máis.
Os beneficios están aí, o grupo ten moita carga de
traballo. Cando falan de que pechan en negativo é
por esta débeda. Pero o da débeda é coma a de
calquera cidadán de a pé, que ten que pagar a súa
hipoteca. A empresa agora di que a débeda temos que
pagala os traballadores e traballadoras.
Unión traballadora e sindical
CUT, CIG, UXT e USO van por xunto á folga e CC.OO
por outro lado. Onde xorde a diverxencia?
CCOO dende o principio non quixo unirse. Nós
apostamos pola unión porque cremos que se o faciamos
en conxunto poderíamos ter máis beneficios. CCOO
sempre quixo marcar a diferenza e venderse coma o
sindicato máis representativo e queren levar a
negociación ao seu terreo. Nós en todo momento lle
abrimos esa porta para que se xuntasen connosco.
Outra diferenza é que nós as decisións as tomamos en
asemblea, contando coa opinión de todas as
traballadoras e traballadores; e CCOO non. Decidiron
facer paros parciais e non consultaron cos
traballadores e traballadoras. Nós queremos que a
xente decida. Iso é o que marca a diferenza entre
CC.OO. e nós.
A empresa enviou un comunicado ao cadro de
persoal explicando a súa proposta de convenio pero
parece que non conseguiu o efecto desexado. A
asistencia de traballadores e traballadoras á
asemblea foi moi numerosa e a decisión de folga case
unánime, cunha soa abstención.
Non lle resultou ben o do comunicado e só conseguiu
confundir á xente. Iso valeunos para que a xente
acudise á asemblea, para despexar esas dúbidas que a
empresa ocasionou con esa información.
A empresa tamén ameazou con aplicar o convenio
sectorial. Iso é factible?
A empresa ameaza con aplicar o convenio do sector
porque non pode ameazar con despedimentos.
Estannos dicindo que precisan un 30% máis de
contratación; entón non tería moito sentido ameazar
con despedimentos. A súa única ameaza é que
nos van mandar a elaborados. A xente non se asusta
con iso.
As xornadas de folga están convocadas en martes
pero comezastes cun piquete xa o sábado pasado…
Decidiuse o dos piquetes o sábado porque a planta de
Chapela ten unha produción que non pode asumir en 5
días, de luns a venres e estabamos facendo horas
extras. Entón unha medida de presión foi deixar de
facer horas extra pero, cando o persoal fixo se
negou, comezaron a cubrilas con persoal de ETT os
sábados. Entón cando decidimos ir á folga, decidimos
comezar xa con bloquear as xornadas dos sábados para
evitar esa produción. A xente está moi indignada.
A primeira xornada de folga en martes foi
exitosa, non?
Foi moi exitosa. Sorprendeunos bastante que a
empresa se atrevese a mandar 5 grilleras. O
problemático era o centro industrial de Chapela
porque alí están as oficinas e os nosos xefes
viñeron traballar. Meteron grilleras para abrir un
cordón e deixar que baixasen.
Para a xente igual foi un pouco frustrante porque
iamos con idea de bloquear o paso pero a ver quen se
atrevía alí a facer algo máis que berrar. Pero aínda
así foi exitosa, xente dos tres turnos apoiando,
xente dos sindicatos de fóra da empresa…. Na cadea
de produción e frigorífico houbo paro total, só
foron traballar os de oficina.
Que papel xogan as mulleres nesta loita?
A maior representación na empresa é de mulleres e
elas son as que máis loitan.
A por todas….
Cal será agora a folla de ruta?
O martes, se a empresa non nos convoca, folga outra
vez. Se a empresa non nos invita a sentarnos para
comezar de cero sobre o convenio, a partir do 3 de
abril folga indefinida.
Nós queremos negociar sobre o
noso convenio en vigor, que é pioneiro no sector. Se
Pescanova baixa, que vai pasar coas outras empresas?
Baixan tamén. Se por competitividade nós
baixamos, chegará un momento que baixen as outras
empresas da ría, das outras rías e, ao final neste
país imos ir para abaixo todas.
Como está o ambiente?
O ambiente está quente. A frustración de estar
agarradas ás pancartas e ver como pasaban porque non
podías facer outra cousa, quenta o ambiente porque
eles provócano con esa actitude. A xente está moi
enfadada e máis a xente veterana, que sabe o que se
loitou para ter o que hai.
Prevedes chegar ata a folga indefinida?
Creo que non imos chegar á folga indefinida pero a
actitude da empresa é bastante chulesca. A
actitude en Inspección de Traballo (cando fomos
resolver o dos servizos mínimos) foi bastante
chulesca.
Mandar ás grileiras para abrirlles paso, é bastante
chulería. Eles son conscientes de que iso encabrona
máis á xente.
A CUT: poucos pero activos e fortes
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript