Xuño de 2010
 
 

21/06/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

O Parlamento galego aprobou onte a modificación da lei de orzamentos

 

 

O Parlamento aprobou onte a través do procedemento de lectura única, unha modificación orzamentaria para trasladar a Galiza as medidas para reducir o gasto público decididas polo Goberno estatal. A medida contou co voto en contra do BNG e o apoio do PPde G e PSdeG. A Xunta criticou o decreto estatal que suporá recortar o salario de funcionarios e altos cargos.

 


 

 

Autor:

EFE

O Parlamento galego aprobou onte a modificación da lei de orzamentos pola que se rebaixa o soldo a funcionarios e empregados públicos, cos votos a favor do PP e do PSdeG, a pesar das críticas, e o voto en contra do BNG.

Deste xeito se transpone o decreto-lei aprobado polo Goberno e que suporá a rebaixa dun 5% de media de modo progresivo para 93.000 empregados públicos dependentes da Xunta en Galicia.

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, mostrou o rexeitamento do Executivo galego ás medidas de recorte aprobadas polo Goberno xa que «non son para loitar contra a crise, senón para paliar os excesos, a falta de austeridade dos últimos anos e o déficit excesivo» do Goberno central.

Segundo a titular de Facenda, o recorte aos empregados públicos supón «algo próximo a un imposto ao salario», polo que considerou que se pon en perigo a medio prazo a capacidade intelectual da función pública».

A conselleira indicou, ademais, que o aforro producido por esta medida irá destinado a «reducir o déficit público», por un acordo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) aprobado en Consello de Ministros.

Fernández non ofreceu a cifra de aforro, aínda que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cifrou o aforro este ano en 60 millóns de euros, o día que o Consello da Xunta aprobou o recorte.

A portavoz do PSdeG no debate, María José Caride, criticou a «dobre moral» do PP, xa que mentres en Madrid opúxose a estas medidas, en Galicia aplícaas «e vai máis aló» e aplica medidas «máis inxustas e máis duras».

Caride defendeu unha emenda de devolución con texto alternativo, no que propuña ao Executivo galego que presentase no prazo de dous meses a cifra do aforro estimado nos próximos anos, que ela calculou en 700 millóns de euros, así como o destino.

Os socialistas defenderon a necesidade de destinar á sanidade e á educación o aforro producido coas medidas de recorte, xa que, en opinión de Caride, a Xunta ten unha «axenda oculta para reducir servizos públicos».

Alfredo Suárez Canal (BNG) defendeu o voto en contra do seu grupo á transposición do decreto-lei debido a que tanto o Goberno como a Xunta pretenden crear un «novo procreo», ao dicir que a causa da crise é o «déficit público».

O deputado do BNG criticou que esta medida sexa a «primeira», á marxe dos orzamentos, que toma a Xunta sobre temas económicos e lamentou que ata agora rexeite iniciativas da oposición para actuar sobre os ingresos, a fiscalidade ou o impacto nos sectores produtivos.

Suárez Canal sostivo que o Executivo galego ata agora fixo plans cuxos resultados son un «fracaso» e indicou que o seu grupo non é contrario á racionalización económica, pero defendeu que no soldo dos funcionarios e nas pensións non é onde hai que actuar.

O viceportavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, mostrouse convencido de que o PSdeG «descoñece a natureza da crise», mentres que o PSOE está a empezala a coñecer por «imposición» da Unión Europea.

Segundo Puy, as medidas do Goberno poden mellorar o déficit cíclico, o que afecta a todos os países, pero «non ao estrutural», o que é propio de España e que está no 6 por cento, o dobre do recomendado no pacto de estabilidade e que é o que seguiría tendo o país aínda que houbese pleno emprego.

En contra da opinión dos que cren que a crise representa o fracaso do modelo neoliberal, como argumentou Suárez Canal, o deputado do PPdeG sinalou que a crise en España representa o «fracaso socialista» por ser incapaz de facer un estado de benestar «viable».

O texto foi aprobado por lectura única, debido á urxencia argumentada pola conselleira de Facenda e por Pedro Puy (PP), para facer efectivo o recorte na nómina de xuño, mentres que os deputados do PSdeG e BNG no debate coincidiron en criticar que este procedemento priva aos grupos de facer emendas parciais e concretas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC. SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript