Xuño de 2010
 
 

21/06/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Quen goberna?

 

 

Dende o inicio da crise foron moitos os que insistían en que non se trataba só dunha crise de natureza financeira. Tiñamos que falar, máis en propiedade, dunha crise que o era tamén de natureza ecolóxica, cultural e política. E pouco a pouco estamos a ver como os feitos non fan senón confirmar aquelas suxestivas ideas que invitaban a saír do economicismo dominante nos últimos anos.

 


 

 

Dende o inicio da crise foron moitos os que insistían en que non se trataba só dunha crise de natureza financeira. Tiñamos que falar, máis en propiedade, dunha crise que o era tamén de natureza ecolóxica, cultural e política. E pouco a pouco estamos a ver como os feitos non fan senón confirmar aquelas suxestivas ideas que invitaban a saír do economicismo dominante nos últimos anos.

Efectivamente, unha das vítimas máis graves desta crise está a ser a democracia, en todas as súas formas, e poucos apostan xa pola súa posible recuperación a curto prazo. A democracia está a ser duramente golpeada e violada, unha e outra vez, ao mesmo paso que están a avanzar as ideas neoliberais en todas as partes do mundo occidental.

Non obstante, isto non é nada novo. Pola contra, a democracia sempre estivo subxugada pola economía. O que agora está a variar é a claridade coa que iso se percibe. Dicía José Saramago hai uns anos que viviamos nunha burbulla democrática, fóra da cal non había democracia. Teriamos estado a vivir nun mundo de democracia ficticia no que en realidade todas as decisións de importancia a tomaban organismos alleos ao control da cidadanía, como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial ou os Bancos Centrais. Todo podía funcionar mentres o ciclo económico a iso favorecese. Só algúns radicais criamos que esas palabras eran certas e reflectían o estado real das cousas. Hoxe, en cambio, esas son ideas que un pode ler todos os días nos principais periódicos de España.

Os instrumentos de política económica foron regalados, hai xa moito tempo, a instancias supranacionais que, como a Unión Europea, están configuradas dunha forma profundamente antidemocrática. Os bancos centrais independendizáronse das preferencias da cidadanía e convertéronse en bastións do poder financeiro. As preferencias dos bancos centrais e os organismos internacionais foron dende entón as preferencias das entidades financeiras e das multinacionais, non dos cidadáns que lles dan soporte. Algúns políticos, como o ex primeiro ministro alemán Oskar Lafontaine e fundador do partido Die Linke, negáronse a aceptar ese estado das cousas e cambiaron de trincheira. Algúns países enteiros, como Suecia, negáronse en bloque a vender a súa soberanía ao capital financeiro e mantivéronse á marxe do monstro que se desenvolvía coa Unión Europea. A maioría de gobernos, non obstante, continuou esa deriva antidemocrática xunto cunha cidadanía durmida e drogada polo consumismo e a falta de educación política e económica.

Os anos pasaron e este estado das cousas evolucionou. Albert Einstein sostiña que a crise agudiza o enxeño, e sen dúbida así é, pero as crises tamén teñen outra propiedade: a de revelar a natureza profunda dos actores que nela están involucrados. Saca á luz todo aquilo que non podía verse con facilidade antes. E iso é precisamente o que está a acontecer hoxe en día. Estamos a ver a verdadeira natureza antidemocrática dos organismos internacionais e do capital financeiro no seu conxunto e, non se nos esquezan, os economistas que bailan ao son daqueles.

As preferencias da xente impórtanlles un beldro, por ser claros, tanto ao capital financeiro coma aos seus representantes na terra. Eles saben que non importa que un partido político chegue ao poder, porque en realidade ese non é o poder. O poder téñeno eles e utilízano como queren. Os gobernos quedan, de facto, convertidos en vulgares símbolos de algo que non existe pero no que é necesario crer para que nada se desnai.

E neste estado das cousas a sociedade convértese nunha burla de gran simpleza. O capital financeiro (institucións financeiras, organismos internacionais e grandes fortunas) ordenan e poñen as mans para recibir as súas millonarias remuneracións. Os economistas liberais asesoran e séntense os verdadeiros amos do mundo, desideoloxizar e estritamente técnicos, ao servizo do que é mellor para o pobo pero sen o pobo. Os gobernos obedecen e tratan de disimular que esa subordinación nace das súas propias decisións pasadas, cando venderon a democracia a prezo de saldo. Os partidos políticos estafan os seus votantes e os militantes máis honrados abandonan as filas. Os medios de comunicación, ao servizo dos seus accionistas, controlan que a información sexa excesiva, nesgada e confusa para que, á fin e ao cabo, todo continue sen grandes sobresaltos. E a cidadanía percibe todo isto, sen necesidade de estudar Políticas ou Economía, e cunha mestura de resignación e rabia abandona a Política, con maiúsculas, para dar paso ao caos e ao "que vinga o que Deus queira".

O que eu creo, non obstante, é que non vai ser o que Deus queira senón o que queiran unhas persoas de carne e óso moi ben posicionadas, mentres que por outro lado dubido moito da capacidade desas persoas para construír unha sociedade estable.

 

 

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC. SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript