21/06/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
"É momento de que digamos aos españois que vai haber que facer sacrificios, que a festa se rematou, que non somos un país rico. " -Esperanza Aguirre, presidenta da Comunidade de Madrid-.
Por se ninguén llo dixo aínda, avísoos: a festa
rematou. Rematouse o que se daba. Non podemos
seguir vivindo por enriba das nosas
posibilidades. Hai que sacrificarse, axustarse,
apertarse o cinto. Nada volverá ser como antes.
Quedou claro? Interiorizada a mensaxe? Repitan
comigo: Non podo seguir vivindo por enriba das
miñas posibilidades, teño que facer
sacrificios. " Porque diso se trata: de que
poñamos en primeira persoa a mensaxe teimuda
que nos repiten a diario, e que soa a retrouso
de canción melancólica: a festa rematouse,
tradución do
The party's
over con que a revista
The Economist
sentenciou a España. Só falta que lancen
panfletos dende un helicóptero: "Rendios, a
festa rematouse. "
De tanto repetir a mesma canción conseguiron
que se nos pegue, e cantaruxámola como unha
desas baladas ñoñas que nos poñen blanditos
recordando vellas noivas. Así, todos
convencidos de que fomos uns gastadores e que
agora debemos pagar os nosos excesos,
aceptaremos o sacrificio sen moita resistencia.
Foi bonito mentres durou, verdade? Sobre todo
para os que de verdade gozaron a festa. Porque
aínda que nos queiran convencer de que todos
estivemos nela, non todos o pasaron tan ben. Na
festa había reservados, zona vip, barra con
primeiras marcas para algúns; mentres a maioría
se daba golpes para conseguir unha copa, e
outros quedaron na rúa, co consolo de facer
botellón á porta para facerche a ilusión de que
estabas dentro.
De súpeto apagouse a música, acenderon as
luces, chegou a autoridade e dixo que se
rematou, e que alguén tería que pagar o
consumido e os estragos no local. Á maioría
quedóusenos cara de parvo ao ver que os listos
se foran sen pagar, e que nos tocaba afrouxar o
peto aos demais, tanto se conseguiches pasar e
bailar un anaco, coma se non te deixaron entrar
por levar calcetíns brancos, ou te tocou
traballar de camareiro, ou pasabas de festas
pero non puideches pegar ollo en toda a noite
con esa música tan alta. Vaia resacón.
.
Isaac Rosa
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript