Marzo de 2017
 
 

NÚMERO 349 - 20/03/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Jesús Cintora
 

Retratados

A polémica sobre os 20.000 euros que nos custa o cadro de Wert ben dá para un retrato desta España nosa. É pintoresco como malgastamos nalgunhas partidas e noutras recortamos sen poñernos colorados. Adoita ser cuestión de quen ten a chave da caixa. Aquí, teñen dereito a que lles paguemos os seus retratos para a posteridade ata os altos cargos de máis infausto recordo, para satisfacción do seu ego e esquilme dos nosos petos.

     

  • Noticias relacionadas

 

Onde está o criterio? 82.600 euros para un cadro de José María Aznar, 69.600 euros para o de Felipe González, 81.200 euros para un expresidente da Deputación de Sevilla ou 59.400 euros para unha expresidenta do Tribunal Constitucional. Houbo un presidente do Congreso, Manuel Marín, que optou por unha fotografía e custounos 24.780 euros, pagados a unha Premio Nacional… Cada alto cargo elixe e queda retratado a dedo, sen concurso público.
 
Aquí pagamos retratos de presidentes, ministros, presidentes do Congreso, do Senado, presidentes autonómicos, de parlamentos rexionais, presidentes do Constitucional, do Supremo, do Poder Xudicial, do Consello de Estado, de Deputacións provinciais, reitores, decanos, alcaldes… A lista segue. Cada un ten o seu momento de gloria e algúns ata permanecen escondidos nalgún faiado, porque todos non caben e, a este paso, teremos que pagarlles tamén un museo.
 
Pode ocorrer que lle paguemos ao alto cargo máis patán un retrato máis caro que o dun presidente do goberno. Tamén sucede que hai políticos aos que lles pagamos o cadro en varios organismos. Un bo exemplo é Rajoy, cuxo cadro sufragamos en varios ministerios. O mesmo ocorre se o político en cuestión pasou por outras institucións autonómicas, provinciais… ¡Ah!, sumemos a isto os diversos retratos dos reis, que tamén colgan de distintos organismos públicos.
 
Non se trata de facer brocha gorda, pero si de analizar por que se nos vai a man con tanto retrato. Sen desmerecer o traballo dos pintores, que tamén deben gañarse a vida: a quen pintar?, por que?, con que orzamento?, como adxudicar a obra?, hai límites?, vale o mesmo para todos?, por que hai organismos públicos que mostran o que pagamos en retratos e outros o ocultan? E, en definitiva, é necesario? A gama de cores é tan ampla como que nun Ministerio, o de Educación, colga un autorretrato da exministra Pilar del Castillo, que nos saíu gratis e, á beira, xa está José Ignacio Wert, que volve sacudirnos o parné.
 
Wert pousaba co seu retrato como exministro. Foi o peor valorado, pero agora pagámoslle 10.000 euros ao mes como embaixador ante a OCDE. O mesmo día que Wert descubría o seu cadro, este organismo dicíanos que en España a taxa de pobreza infantil achégase ao 25%. O ministro "españolizador" fíxose a foto xunto ao retrato e volveu a París. Alí seguímoslle pagando a vida pai con outros 10.000 euros ao mes de palacete. Non me dirán que non é suficiente cadro. Algúns non necesitan lenzo, porque hai tempo que quedaron retratados.
 
Zona Crítica
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript