NÚMERO 349 - 20/03/2017
CUTUDC / Novidades
Co anteproxecto de lei do Patrimonio Natural de Galiza a Xunta pretende adulterar e rebaixar as obrigas de conservación. Consolida unha protección discrecional submetida ao urbanismo e co pouco disimulado obxectivo de privatizar o ambiente.
A norma coa que a Xunta
quere substituír e “actualizar” a lei de
conservación de 2001, supón a plasmación do
descoñecemento e o desleixo que a Xunta ten pola
nosa natureza. Facendo un remexido entre a lei do
Patrimonio estatal e a norma de Castela e León, cun
chisco da lei de Parques Nacionais, e unha redución
da Directiva de Hábitats, a Xunta cociña unha norma
“Frankenstein” para deconstruir a protección da
natureza galega.
´Numerus clausus´para os parques naturais
O anteproxecto de lei fixa para a declaración de
novos parques unha estensión mínima de 10.000 ha
para os terrestres e 2.500 para os insulares. Na
norma equivalente estatal (lei 42/2007 do Patrimonio
Natural) así como no corpus legal autonómico (País
Basco, Asturias, Castela e León, esta última
referenza para a Xunta) non se establecen criterios
métricos, isto é, superficie mínima algunha.
Cal é o motivo para que a Xunta estableza un umbral
mínimo de superficie de xeito arbitrario? Con tais
requisitos, arestora na Galiza teriamos un só
parque, o da Baixa Limia-Serra do Xurés. Nin
Corrubedo, nin Fragas do Eume, nin Enciña da
Lastra...
Mans amarradas na loita contra as invasoras e o
eucalipto
No que atinxe á xestión das especies exóticas
invasoras, a norma non contempla o establecemento
dun Catálogo Galego de Especies Exóticas Invasoras,
quedando a xestión destas especies e a gravísima
problemática que están a provocar na Galiza (as
últimas, a couza da pataca, vespa velutina...) ao
abeiro da que determine o Estado e a UE.
Deste xeito, pérdese a perspectiva galega e
atráncanse as necesarias actuacións temperás con
obxectivos de prevención, tan necesarios para a
eficacia na loita contra as EEI. Agardando ao
recoñecemento como tal dunha especie exótica
invasora no respectivo catálogo español, no que
mesmo a especie pode non acadar a categoría de
invasora malia a selo na Galiza, estase coartando
non só a capacidade normativa propia do noso país
senón tamén reducindo as posibilidades de éxito e
mitigación das consecuencias dunha invasión
biolóxica.
Curiosamente, o mesmo texto que non aborda a xestión
das invasoras dende a perspectiva galega, nen
establece medida algunha para evitar a
eucaliptización do país, si recolle a posiblilidade
de xestionar como “pragas” algunhas especies
nativas!!
Os intereses urbanisticos por riba do patrimonio
natural
O anteproxecto consolida un demoucado legal sen
precedentes dos instrumentos de xestión dos espazos
naturais protexidos, incorporando condicionantes e
determinacións alleas aos obxectivos de
conservación. Os instrumentos de planificación e
xestión dun espazo protexido prevalecen sempre sobre
calquera outra planificación sectorial e
urbanística, como recolle a lei aínda vixente
(9/2001) e tamén a norma estatal.
Mais a Xunta insire no anteproxecto dúas excepcións
a esta prelación: cando concorran “razóns
imperiosas de interese público de primeira orde”
acordadas polo Consello da Xunta; e cando os
concellos propoñan “excepcións para garantir a
prestación dos servizos mínimos previstos na lei de
bases do réxime local”, excepcións que tamén
deberán ser aprobadas pola Xunta.
Deste xeito, as ferramentas que garanten a
conservación do patrimonio natural (planos de
ordenación dos recursos, planos reitores de uso e
xestión, planos de conservación, etc.) poderán ser
chapodados a discreción pola Xunta e concellos
atendendo a intereses alleos á conservación do
patrimonio natural.
A Xunta pretende tamén que os PORN (planos de
ordeamento dos recursos naturais) non poidan
establecer determinacións sobre os solos urbanos, de
xeito que un espazo declarado como urbano nun PXOM
por un concello, non poderá ter protección ambiental
a nível galego.
Este artigo non ten paralelo na normativa
autonómica, estatal ou mesmo da UE. A Xunta xa non
se corta: subordina claramente os criterios
ambientais aos urbanísticos, e consolida a anarquía
e a insubmisión urbanística de moitos concellos que,
como por exemplo Barreiros, fixeron do cemento o seu
único credo.
Descargas
Alegacións ADEGA LEI PATRIMONIO NATURAL
ADEGA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript