Marzo de 2017
 
 

NÚMERO 348 - 13/03/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Confésoo: eu paguei comisións ilegais

Confésoo: eu, Isaac Rosa, paguei comisións ilegais. En negro, ás veces en metálico, outras enmascaradas como doazóns ou con factura falsa. En sobres e en contas suízas. Contribuín xenerosamente ao financiamento ilegal dun importante partido. E podo sinalar a amigos cataláns que pagaron mordidas para financiar a outro partido. Digo máis, non só paguei comisións: tamén viaxes, vacacións, comidas, agasallos, festas. Ata "volquetes de putas". Confésoo, fun eu.

     

  • Noticias relacionadas

 

Ti tamén. Si, ti, non mires para outro lado. Veña, confesa: entre todos pagamos ata a última comisión, mordida, financiamento ilegal e esmorga que enchen periódicos e sumarios xudiciais. Di a prensa que foron as construtoras, os beneficiarios de concursos públicos, as grandes empresas, pero nada diso: fomos nós, todos, eu o primeiro.
 
Polo que xa sabemos, as comisións por conseguir grandes concursos foron unha rutina en certas administracións. Non é que unha empresa de presente a un concurso e logo por sorpresa teña que soltar un belisco extra baixo a mesa: é que ese belisco xa debía de estar contemplado no orzamento inicial. É o costume. Nas grandes obras hoxe baixo sospeita, as mordidas deben de ser un apuntamento contable máis: "15% para cemento, 30% de man de obra, 8% de gastos financeiros… e un 3% para mordidas, agasallos e putas". Como ademais o costume é incumprir o orzado pola vía do alegre sobrecusto, aquel 3% acábalo recuperando. Se firmas unha obra por 100 millóns, e ao final a entregas por 150 ou 200, a mordida dilúese ata desaparecer.
 
Aí está o caso de Converxencia: din que Ferrovial pagou comisións do 3% e ata o 4%, pero nada diso. Pagástelas os cataláns, todos. O diñeiro que ía e viña era sempre diñeiro público: concesións de obras que pagastes ata o último euro e máis aló, porque en todos os casos había sobrecustos. No xuízo do Palau saíron á luz dúas grandes obras, a Cidade da Xustiza e a liña 9 de metro, concedidas a Ferrovial. A primeira ía custar 266 millóns e acabou en 380. En canto á liña 9, mellor non falamos. Como para doerse dunha comisionciña inicial.
 
Se miramos ao PP, o mesmo. Xa o vimos no seu día coas construtoras dos papeis de Bárcenas: FCC, OHL e Sacyr. Entre as tres, 6.600 millóns de euros en concursos gañados mentres "doaban" ao PP. Obras públicas que pagamos nós (comisións incluídas), e que sen excepción acabaron en sobrecustos, porque en España a obra pública funciona así: preséntaste ao concurso cunha oferta temerariamente baixa, concédencha, empezas a mover terra e ao ano pásaslle á administración un "modificado" porque vaia por deus, o orzamento inicial queda curto, e non imos deixar a obra a medias. Ao final a mordida non é que che salga gratis: é que che sae a devolver.
 
Outra máis: os hospitais madrileños, o pelotazo da sanidade onde tamén se sospeita financiamento ilegal. Construías o hospital e quedábaste coa concesión. E despois de que Aguirre o inaugurase, aprobábache ás agachadas un extra por sobrecustos de obra e unha subida do canon.
 
De modo que non, nin Ferrovial nin as outras construtoras pagaron comisións a Converxencia ou ao PP. Ían incluídas no orzamento, eran un gasto máis, como os guindastres, as cotizacións sociais ou o material de papelería (sobres incluídos). Todo o pagamos nós. Confesámolo.
 
Zona Crítica
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript