NÚMERO 348 - 13/03/2017
CUTUDC / Novidades
Logo da morte de Franco, cando se instaurou o réxime autonómico, o feito de que a Galiza tivese ¨língua propria¨ foi fundamental para que conseguise o estatus de autonomía. Daquela eran Cataluña, o País Basco e Galiza os que podían afirmar que tiñan outra língua viva amais do castelán, aínda que a forza desa vida fose distinta nos tres países. Só na Cataluña o catalán era máis forte que o castelán.
Os galeguistas daqueles tempos, e
mesmo algunha xente que viaxaba a Cataluña e vía o
que aló sucedía, perguntábanse por qué os cataláns
falaban catalán sen reparo e os galegos ou non
falaban galego ou facíano con medo. O que se deu
como resposta durante moito tempo foi que na
Cataluña houbera unha clase meia que defendera o
catalán, e na Galiza non. Elaborouse un relato no
que Galiza aparecía como a vítima de elementos
externos, e principalmente do réxime de Franco, sen
recoñecer que ese réxime non tivera que facer nada
para que non se falase galego porque os galegos
deixaran de querer facelo moitos anos e séculos
atrás.
Houbo unha negativa total a aceitar a verdade: que
na Galiza deixara de falarse o galego porque os
galegos, axiña que tiñan a opción de falar castelán,
preferíano. O castelán parecíalles unha língua feita
e importante, a que facía falta para todo. Os que
falaban ainda galego nas aldeas non sabían ben o que
era aquilo que nen lles parecía unha língua, senón
algo que eles usaban porque non sabían outra cousa.
Nas cidades galegas era habitual que ás criadas que
servían nas casas e procedían das aldeas se lles
proibise que falasen galego, e as criadas non
protestaban porque para elas aprender castelán era
subir de categoría e deixar atrás o que as
inferiorizaba sen remedio.
Durante moitos séculos houbo unha perda da lingua
galega que ao primeiro foi aos poucos e depois se
acelerou a partir da segunda metade do século
pasado. O galego foi ficando cada vez mais agochado
e esquecido até que rematou sendo a língua dos que
vivían isolados nas aldeas e virou sinónimo de
ignorancia e incultura, de ser pailaroco. Era lóxico
que non se quixera falar unha língua que decontado
calificaba a quen a falase de rústico e atrasado.
Por que sucedeu iso na Galiza con moita mais forza
que en outros lugares de España nos que a xente do
campo tamén era desprezada? Porque os habitantes do
campo castelán ou andaluz, malia que parecesen
rústicos, falaban castelán, e os habitantes da
Cataluña rural falaban a língua normal de todo o
país, a que tamén se falaba nas cidades.
Na Galiza os habitantes do campo falaban outra
língua que non era a ¨normal¨, e iso funcionou como
un círculo vicioso: os da aldea foron desprezados
por falar galego, e o galego foi desprezado porque o
falaban os da aldea.
Aló polo comezo dos anos oitenta do século pasado,
en plena politización da língua galega e co galego
convertido en símbolo de identidade, sentín comentar
que polas aldeas e vilas andaban rapaces novos
rallando có de que había que falar galego e
censurando á xente por non falalo abondo. A xente
sentíase ofendida e protestaba de que os da cidade
lles fosen predicar e ditar o que tiñan que facer.
Nos ámbitos do galeguismo e do nacionalismo galego
chegárase á conclusión de que o galego se estaba
perdendo porque os pais das aldeas non lles falaban
galego aos fillos. Mas os pais das aldeas falaran
galego aos fillos durante moitos séculos e iso non
fora abondo para frear a perda da língua galega. Non
se quixo ver que en toda aquela historia houbera
unha grande inxusticia, unha ferida de moitos
séculos que non viñera de fóra, senón de dentro. O
lóxico tería sido recoñecer o sofrimento que por
falar galego padeceran os das aldeas, que se viran
nunha situación de inferioridade continua, de apartheid,
como emigrantes ou refuxiados recén chegados a un
país extranxeiro no que se fala unha língua que eles
non saben e onde hai uns modos de vida que eles non
coñecen e os fan sentirse inferiores e
inseguros. Como non se recoñeceron esa inxusticia e
ese sofrimento, non se fixo nada para curalos e,
disfarzadas de defensa do galego, as pautas de
sempre seguiron mandando.
O de que os cataláns preferisen o catalán ao
castelán non fora porque na Cataluña houbera unha
clase meia que defendera a língua con heroicidade.
Fora porque, por circunstancias históricas, Cataluña
seguira sendo un país independente moito máis tempo
que Galiza, que ficara moi cedo metida dentro do
reino de Castela e tamén afastada de Portugal,
aborrecido na España centralizada, aínda máis que
Cataluña, por se ter independizado.
Se Cataluña non perdeu o catalán e Portugal non
perdeu a lingua que antes compartillara coa Galiza
non foi porque as defenderan contra o castelán,
senón porque o castelán nunca chegou a ser a língua
deles. Galiza quedou afastada do país que falaba a
mesma língua e que, por ter ousado liberarse da
España déspota e amazocada que criaran os Reis
Católicos, foi desvalorizado, detestado e
escarnecido. Iso tivo que influir moito na imaxe que
se tiña da língua galega, que virou o que falaban os
paifocos da aldea, e tamén o que falaban os infieis
habitantes do traidor Portugal.
Na Cataluña falábase unha língua que non estaba
desprestixiada. No País Basco había unha língua que
non se asemellaba a nengunha outra coñecida e non
acordaba desprezo. Galiza tiña unha língua que se
asemellaba á que falaban no veciño Portugal. Se ese
país, para os galegos, tivese prestixio político e
económico, a língua que nel se falaba talvez tería
parecido desexável, mas a Portugal non se lle daba
importancia, era desprezado. Aos galegos, o galego
soáballes pailán e portugués, e por iso non o
querían. Esa verdade, que estaba no fondo da perda
da língua galega, foi tapada con inventos e
argalladas, e por iso o rexeitamento desa língua non
se curou e seguiu vivo no inconsciente. A forza dese
inconsciente, sen curar nen corrixir, levou a que se
fabricase un galego afastado da língua dos pailáns
da aldea e da dos menosprezados portugueses, e a que
esa língua fose castelán vestido de galego.
Este artigo está tirado do
blogue da autora.
Recollido de Sermos Galiza
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript