Marzo de 2017
 
 

NÚMERO 348 - 13/03/2017

   CUTUDC / Novidades

  FEMINISMO
 

5 de marzo manifestación unitaria do feminismo galego

O día 5 de marzo convocadas de xeito unitario baixo o lema “Feminismo para avanzar: xuntas nunha mesma loita” unha importante manifestación percorreu as rúas de Compostela. Perante o percorrido a policía, apoiada por persoas do servizo de orde, rodeou un grupo de mulleres que levaban caretas intentando separalas do resto das manifestantes, despois duns momentos de tensión no que un grupo amplo de participantes apoiaron ás mulleres rodeadas pola policía a manifestación continuou sen máis incidentes. Reproducimos un comunicado de varios colectivos sobre o sucedido na manifestación.

     

  • Noticias relacionadas

 

COMUNICADO CONXUNTO DE CONAS CEIVES, CÓNCLAVE DE FEMINISTAS ALEATORIAS E TAMBORILILÁS-BATUKADA FEMINISTA DE COMPOSTELA
 
“Feminismo para avanzar: xuntas nunha mesma loita” foi o lema da manifestación unitaria do feminismo galego celebrada o pasado domingo. En dita manifestación, Conas Ceives, o Cónclave de Feministas Aleatorias e Tamborililás - Batukada Feminista SCQ aparecemos como convocantes entre outros movementos feministas por crer firmemente en que o feminismo galego, diverso, complementario e interxeracional debe ir da man superando as nosas diferencias. Porque nos distinguimos nas formas, nas loitas, nas experiencias, nos saberes… facendo un abano enriquecedor de faceres e sentires. Somos múltiples e distintas, pero non nos cansaremos de dicir que nos une a esixencia de sermos respectadas como mulleres nun mundo onde esta posición política (aínda) afoga e nos aniquila.
 
Precisamente co obxectivo de facer do afogo resistencia, e sendo conscientes da diversidade política existente, decidimos implicarnos nas xuntanzas de preparación da mesma, respostando a un chamado aberto en réxime de autoconvocatoria e co único obxectivo de renovar tanto o propio acto como a súa forma de organización, deixando totalmente fóra as conductas e funcionamentos patriarcais propios da política organizada tradicional.
 
Por iso, durante as sucesivas xornadas de traballo, cada unha de nós fixo un esforzo centrado en pedir unha maior horizontalidade na toma de decisións, que houbera unha cesión dos espazos de poder, que o papel do servizo de orde fora loxístico e a eliminación total de comportamentos represores cara ás compañeiras durante a manifestación. En resumo: un posicionamento político de bo trato, forma de traballar que entendemos como única posible para calquera proxecto colectivo.
 
Mais unha vez transcorrida a manifestación do 5 de marzo, vivenciamos que non só non se cumpriron os termos pactados senón que tamén se violaron os acordos de maneira frontal e unilateral en diversas ocasións.
 
- Non se agardou a que todos os colectivos chegaran á praza para comezar o acto, incluíndo canto menos aos tres que asinamos isto, co agravante de sermos parte das convocantes.
 
- De xeito unilateral, unha persoa saltouse o acordado para o acto de peche, tomando o micrófono para emitir un discurso que non estaba contemplado no esquema do acto. Así, impúxose unha opinión persoal á diversidade que supostamente, e segundo os acordos acadados, tiña esta manifestación.
 
- O protocolo para a manifestación expúxose na última das xuntanzas preparatorias. Neste momento, insistimos na nosa liña vermella de eliminar calquera tipo de actitude represiva cara ás manifestantes, algo no que todas as presentes estivemos de acordo. Porén, este acordo non se respectou, amosando unha falla de compromiso e de respecto para con outras caras do feminismo. Isto é para nós unha fenda insalvable.
 
Todos estes feitos dóenos profundamente por vir precisamente de mulleres con traxectorias diversas na loita feminista e supostamente abertas á inclusión da diversidade na súa axenda. Pola nosa parte, mantemos o compromiso que acadamos de respostar solidariamente ante calquera tipo de represalia legal que poidan ter as persoas que deron seus datos persoais para o trámite de comunicación da manifestación (entre as que, loxicamente, estamos tamén varias das compañeiras de Conas Ceives, do Conclave e de Tamborililás).
 
Este comunicado conxunto é para nós un exercicio de honestidade e transparencia preciso e necesario para mudar dinámicas que nos danan. Os colectivos que escribimos este texto abriremos desde este mesmo momento un proceso de reflexión e análise para saber de que maneira imos posicionarnos no futuro con respecto ao traballo en rede do feminismo galego.
 
Aproveitamos para condenar de maneira contundente a forte presenza policial e as accións represivas efectuadas por parte dos antidisturbios durante a xornada do 5M e o intento de criminalización das diversas formas de expresar as loitas. A policía nunca será a aliada das feministas. Porén, a liberdade de expresión será necesaria para vivirmos en sororidade e (re)construíndonos entre todas.
 
O 8 de marzo son todos os días. Seguímonos querendo diversas, dignas e libres na loita feminista. Se as mulleres paramos, o mundo para.
 
8 de marzo de 2017
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript