NÚMERO 348 - 13/03/2017
CUTUDC / Novidades
O Goberno de Feijóo leva programados case 13 millóns de euros no que vai de 2017 destinados, principalmente, aos medios de comunicación tradicionais do país. Turismo de Galicia distribuirá case a metade deses cartos. A Xunta de Galicia segue aumentando os orzamentos destinados á propaganda e xa suma máis de 12,8 millóns de euros en campañas publicitarias que realizará nos vindeiros meses. Un diñeiro que servirá para aumentar as contas dos grandes grupos mediáticos de Galicia.
Desta volta, as campañas previstas
son das consellerías de Medio Rural e de
Infraestruturas e Vivenda, e da Rede Dixital de
Emerxencias e Seguridade de Galicia ( RESGAL). En
total, 1.465.000 euros (con IVE) en tres
campañas para “concienciar” aos galegos das
distintas políticas e iniciativas postas en marcha
por estos departamentos.
Así, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda
destinará máis de 886.000 euros para a elaboración,
produción e plan de medios das campañas de promoción
dos ámbitos competenciais atribuídos a este
departamento e as súas entidades adscritas durante
2017. A campaña está relacionada coa sensibilidade
cidadá sobre a seguridade viaria, a mobilidade e o
transporte público e a rehabilitación de vivendas en
Galicia.
Por outra banda, a Consellería do Medio Rural
adicará case 450.000 euros no desenvolvemento dunha
campaña publicitaria de prevención, concienciación e
sensibilización social contra os incendios
forestais. Esta consellería xustifica esta
iniciativa alegando que a Lei 3/2007, de 9 de abril,
de prevención e defensa contra os incendios
forestais de Galicia, xa recolle que lle corresponde
á Xunta desenvolver campañas e actividades de
educación e información para a sensibilización da
cidadanía no relativo ao combate dos lumes forestais
e a persecución das actividades delitivas que causan
incendios e coordinar a execución destas campañas.
Tamén a Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade
de Galicia (RESGAL) destinará 127.000 euros para
a "Contratación do servizo sucesivo para o
desenvolvemento dunha campaña publicitaria sobre,
xestionada por Redes de Telecomunicación Galegas
Retegal, S.A.". Esta entidade xustifica a
convocatoria deste concurso publicitario apuntando
que a súa función é dar difusión a este servizo “coa
finalidade de que os seus beneficiarios estean ao
alcance de todas as entidades prestadoras de
servizos de emerxencia”. “Por conseguinte, resulta
necesaria a contratación dunha campaña de difusión,
coa finalidade de conseguir que os beneficiarios da
RESGAL estean ao alcance de todas as entidades
interesadas”, suliña.
Unha das campañas de publicidade que a Xunta inserta
nos medios de comunicación
Máis acordos publicitarios
Estes concursos súmanse a outros que foron saíndo
nas últimas semanas, entre eles, das consellerías
de Economía e de Política Social por un valor
de máis de 2,3 millóns con IVE. Tamén
hai uns días, o GC xa daba conta de outros dous
contratos da Axencia Turismo de Galicia. Así, un
deles busca axencias de comunicación para a
elaboración, produción e plan de medios da campaña
de promoción dos recursos naturais, culturais e
gastronómicos de Galicia durante 2017 por valor de
máis de 6,2 millóns de euros con IVE. Por outra
banda, destina 400.000 euros con IVE á contratación
do servizo “accións de comunicación dixital” da
campaña de promoción dos recursos naturais,
culturais e gastronómicos de Galicia, así como do
Camiño de Santiago en particular.
Previamente, era outro concurso de
2,2 millóns de euros que a Secretaría Xeral de
Medios destinará aos grandes medios a través
de dous acordos marcos para realizar distintas
campañas publicitarias no 2017 e 2018.
Control mediatico da Xunta
O proxecto de I+D+i ‘Accountability y Culturas
Periodísticas en España. Impacto y propuesta de
buenas prácticas en los medios de comunicación
españoles’, xa alertou de que a Xunta utiliza os
cartos públicos para “controlar” aos medios de
comunicación privados.
"Desde a longa etapa na que Galicia foi gobernada
por Manuel Fraga (1990-2005), a práctica de
subvencionar aos medios de comunicación foi
constante por parte dos distintos executivos
autonómicos" e este "modelo de subvencións, axudas
ou convenios" funcionou dende entón como "unha forma
de garantir o control informativo", recolle o
documento. Tanto, que "a gran dependencia económica
dos medios galegos dos poderes públicos impide falar
de independencia política, aínda que sexa un dos
lemas más repetidos nos seus idearios".
Galicia Confidencial
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript