NÚMERO 348 - 13/03/2017
CUTUDC / Novidades
Saimos á rúa unha vez máis para conmemorar o día 8 de marzo día internacional das mulleres. Esta data é unha conquista colectiva do movemento feminismo ao longo dos anos, e como tal, un momento importante da axenda política pola defensa dos dereitos das mulleres. Para a Marcha Mundial das Mulleres é ademáis, unha data ligada á loita contra un sistema sociopolítico depredador no que resulta imposíbel construír vidas dignas de tal nome. Nós e as nosas irmás facemos deste día, unha xornada de reivindicación e loita contra a violencia e o machismo, máis tamén contra o capitalismo: alianza imprescindíbel do patriarcado contra a vida das mulleres.
A nosa sociedade está instalada na
conformidade e na idea de que ese ficticio Estado de
Benestar, que nunca contou coas mulleres, pode
regresar tras a crise do sistema para restaurar os
privilexios sociais e económicos que existían antes.
Un antes irreal, dun benestar descoñecido para miles
de mulleres que antes e agora somos explotadas,
discriminadas, precarizadas e recluídas no fogar
para o avance do modelo económico do capital,
dirixido á acumular riqueza a costa das nosas vidas.
A esta depredación material dos nosos recursos
eliminando a nosa base material de vida,
precarizando ata o extremo o emprego feminino,
destruíndo sectores primarios nomeadamente femeninos
ou deixando os coidados en mans das mulleres,
xerando riqueza que non revirte na mellora das nosas
vidas, súmanse tímidas lexislacións en materia de
igualdade de dereitos que carecen de recursos para a
súa aplicación, e que constrúen unha sociedade
ficticia en igualdade que se desmorona cando
coñecemos a realidade da violencia que a sustenta.
Ademáis, o fascismo medra aumentando as formas
autoritarias de xestionar esa acumulación de riqueza
e a violencia exercida contra os pobos. Na UE, en
Austria, Suíza, Hungría, Francia, Dinamarca, Reino
Unido…as porcentaxes de apoio a partidos de estrema
dereita son cada vez maiores. En EEUU o país polo
que se mide a política en occidente xa goberna. E
gobernan e pretenden gobernar contra @s que pensan
diferente, @ inmigrante, as mulleres e as minorías
de calquera tipo. Nos países chamados desenrolados,
nos países nos que o capitalismo vai a un ritmo máis
acelerado, os muros da indignidade cada vez son máis
numerosos e máis altos.
Nós como feministas non queremos a alternativa de
”liberdade” que vende o neoliberalismo e o
capitalismo depredador, que levou a bancos e
multinacionais a impoñer as regras do xogo en todo o
mundo, nen tampouco “pactos de estado” cos partidos
responsábeis dos recortes das nosas vidas: dos
tratamentos de saúde para as mulleres, das
actividades de prevención contra a violencia, dos
recursos para atención de mulleres agredidas, dos
recursos xudiciais, da educación en igualdade... Os
gobernos salvaron bancos e consenten o
empobrecemento de servizos e fondos públicos. Para
blindar os seus dereitos están a negociar en secreto
tratados de espolio das nosas vidas e do noso
entorno como son o TTIP ou o CETA. Dende o movemento
feminista combatemos este mundo que mercantiliza os
nosos dereitos e a nosa terra, e defendemos os
dereitos dos pobos a defender os seus territorios e
a reclamar a súa soberanía plena, fronte ao monstruo
da globalización capitalista.
As mulleres resistimos e respostamos masivamente en
todo o mundo contra estes sistemas opresores. En
EEUU, a Women’s March, xuntou a máis dun millón de
persoas en Washington, e moitas máis en 600
manifestacións en todo o país, berrando non a un
presidente que fixo bandeira do machismo e racismo
máis indignante. En Polonia, miles de mulleres
vestiron de negro e puxéronse en folga fronte a lei
de prohibición total do aborto que estaba a tramitar
o goberno ultracatólico. En Suecia, fíxose viral a
fotografía de Maria-Teresa Tess desafiando, ela soa,
a unha manifestación de 300 neonazis. En Arxentina,
baixo o lema “ni una menos”, as rúas de Buenos Aires
berraron que non tolerarían máis feminicidios, en
Turquía as mulleres paralizaron a legalización dos
abusos sexuais a menores con mobilizacións masivas
fronte aos seus parlamentos e institucións, en
Moçambique resisten fronte a leis que pretenden
uniformar a súa vestimenta a través dos estereotipos
de xénero, en Galiza as nosas labregas loitan pola
titularidade das súas explotacións, as nosas
mariscadoras polo dereito a un traballo e unha vida
digna, as educadoras e profesionais da saúde por uns
servizos públicos de calidade e todas polo dereito a
vivir do que producimos na noas terra.
Non esquecemos ás compañeiras kurdas, que loitan
contra a barbarie do estado islamista e contra o
Estado fascista turco gobernado por Erdogan. Turquía
sigue asasinando e torturando a opositor@s dunha
ditadura maquillada de democracia, mentres é
financiada pola UE para poñer freo a miles de
refuxiad@s que foxen do terror e da fame. Non
esquecemos tampouco ás compañeiras africanas, que
loitan en países coma o Congo, que se desangra en
conflitos alimentados pola cobiza do capital, no que
o corpo das mulleres segue a ser botín de guerra.
A pobreza, no noso mundo, segue a ter nome de
muller. Así, o 70% de persoas que viven na extrema
pobreza son mulleres. Con salarios menores, máis
paro e condicións laborais máis precarias, somos,
sen embargo, o sostén da economía real, xa que no
ámbito doméstico a maior parte do traballo segue a
ser noso. Un traballo invisibilizado e menosprezado
que posibilita que todo o demais poida seguir
funcionando. Somos o motor que emprega o sistema e
somos por tanto o motor do cambio e a
transformación.
Por todos os dereitos conseguidos coa loita e por
todos os que con loita temos que acadar, seguiremos
a facer nosa a rúa e a reivindicar xuntas que
queremos un mundo feminista, solidario, libre, xusto
e en paz.
SEGUIREMOS EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!
MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript