Marzo de 2017
 
 

NÚMERO 348 - 13/03/2017

   CUTUDC / Novidades

  10M. DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA
 

Con Amador e Daniel, Sempre

“Erguéstevos cedo aquel día, o costume do traballo, mañá cediño pra facernos ca vosa morte“. Con esa dureza relatou Uxío Novoneyra a mañá na que a Amador Rey e a Daniel Niebla os apañou a morte na difícil cidade naval de Ferrol. En 1972, hai 45 anos, a clase obreira reorganizábase da masacre temperá dunha ditadura que non quixo perdoar. Liberábase unha batalla con contundencia nas rúas de Galiza pola democracia, pero non por unha democracia de palla.

     

  • Noticias relacionadas

 

Temos exercitar a memoria para avanzar, pero tamén temos que desmitificala. Entre o 7 e o 10 de maio dese ano os feitos foron tan pouco épicos que puideron pasar onte, ou mañá. En Madrid asínase un convenio inteprovincial que non colma as demandas dos traballadores e traballadoras de Ferrol. Celébranse as correspondentes asembleas, onde podemos imaxinar moita rabia. Poñédevos que calquera das compañeiras que estades aquí intervides nesa asemblea. Que volvedes a citarvos para continuar esa asemblea o día seguinte. Que seis das compañeiras que aquí estamos somos suspendidas de emprego e soldo. Que isto se nos anuncia á porta da empresa ao día seguinte. Que un dos compañeiros, o máis bravo, se nega a asinar a notificación. Ese papel que o coman, e que lles alimente. Non?. Que se arma un pequeno tumulto, e que os gardas cargan contra os traballadores e traballadoras que están ás portas da fábrica.
 
Que se organiza un paro total e que catro mil traballadores e traballadoras nos encontramos diante da fábrica para esixir a anulación das sancións de despido. Que máis cargas, e máis feridos, e máis policía. E que nos enfadamos, e nos manifestamos na cidade, que a patronal se enroca. Que máis feridos e máis cargas. E máis policía. Que nos retiramos ás nosas casas. Que a penas durmimos, preocupados e preocupadas. Enfadadas e enfadados. E erguémonos cansas pero hai que seguir. Que se vive con obvia preocupación todo isto nas nosas casas. Que no achegamos á empresa. Que a patronal declarou o peche patronal. Que onde había portais hai policías. Que cargan. Que abren fogo contra nós. Que cae morto Amador, tres metros máis adiante. Que cae ao noso lado Daniel. Que caen por moreas os feridos.
 
O único épico que ten todo isto é o que se constrúe. O que traballadoras e traballadores coma nós logran. A golpe de asemblea. De cabrearse. De frustrarse. De enfadarnos entre nós. De pensar que as cousas non avanzan. Incluso por veces, de ser tan impertinentemente miopes que non vemos que efectivamente si que avanzan. De deixar as pagas extras nas peaxes para percorrer os centros, para ir visitar a un só compañeiro que total, pensamos, nunca deixará de ser un pelotas. De pensar que é moito o tempo perdido. De ver como un día, sorprendentemente, aquela dalí deixa de ser un amarela de merda. De alegrarnos por iso. De convocar unha asemblea á que van catro. E logo dez. De xuntar un autobús que nunca se enche. De pensar que perdemos o tempo en xuntanzas coma esta.
 
Pero tamén, de saber que se algo nos move a estar aquí é porque cremos na xustiza. Que ás veces non coincidimos, e mesmo nos cabrean, ou nos parecen esaxeradas, as posicións do sindicato. Pero confiamos porque somos xentes honestas, sabémolo. Mirádevos. Mirade a quen camiña con vós. E porque sabemos que calquera das compañeiras que temos ao lado non soporta que se bote ás traballadoras das súas casas. Que a aquel compañeiro dalí lle ferve o sangue cando cargan contra unha mobilización de estudantes. Que o delegado daquela empresa está a axudarlle como pode á veciña que non pode chegar a fin de mes. Que nos local dunha comarca se fai o posible para que unha traballadora colombiana non sexa deportada. Que no outro se recibe cos brazos abertos ás pensionistas que non reciben as súas prestacións. Que aquela delegada ten unha historia ben fodida na súa casa que nos preocupa a todas, aínda que ás veces non nos atrevamos a preguntar.
 
Chegamos aquí porque nos negamos a estar soas. E porque o proxecto sindical que creamos, con todas as contradicións que poida ter, é a mellor das casas que puidemos construír pra que ningún compañeiro e compañeira se sinta só ou soa. Que nos dá igual o número, ser pequenas, pasar frío. Pero que sabemos que o valor de participar activamente é que para nós ser xustos, ser xustas, defender os nosos dereitos, é xa unha forma de vida. Aínda que ás veces somos tan extremadamente idiotas que nos negamos a ver cando nós mesmas somos inxustas, que nos custa ata o extremo dedicarlle cinco minutos a poñernos no lugar da compañeira ou no compañeiro do lado. Pero aprendemos. Carai se aprendemos.
 
Non construímos un sindicato dende a infancia para que medre mal, como medraron as corporacións. Non queremos que esta CUT que estamos facendo avanzar entre todas se convirta nun instrumento podre, burocrático e pasivo como todo o que xa coñecemos. Non queremos unha xestora, queremos unha central sindical que nos sirva de casa, dende a que poidamos pelexar contra o inxusto. Coa que poidamos contar cando máis o necesitamos.
 
Por iso aínda que non encontremos as fórmulas, temos que facer o esforzo de estar aquí. Darlle voltas á cabeza. Ir comprendendo pouco a pouco que temos que dar os pasos necesarios para que a CUT non sexan un eles (as executivas), e nós as delegadas e delegados. Por non dicir as afiliadas e afiliados. Que todas e todos temos un lugar na CUT e que temos que aprender a preguntar se hai algún lugar para nós. Que podemos aportar. Onde podemos contribuír. Porque todas sabemos facer algo e coa achega de todas é como este sindicato se vai facer grande.
 
Hai dúas formas de soster o facho daquelas obreiras e obreiros que en 1972 inauguraron un novo ciclo histórico para a clase traballadora galega. Por unha parte está o que a esta mesma hora está a pasar en Ferrol, cos secretarios xerais de CCOO e UGT deitando flores na estatua dos pistoleados. Un puro ritual. Unha pura patraña. Mitificando a memoria dos asasinados para xustificarse a si mesmos, como loitadores por unha democracia de cartón.
 
A outra é esta. Recoñecernos como simples traballadores e traballadoras. Intentar organizar a rabia, loitar o mellor que sabemos e deixarlle o mellor mundo posible ás nosas fillas e fillas. Non se trata de percorrer as tumbas dos mortos deixando flores. Trátase de encontrarse aquí, irreductibles. Sentíndonos orgullosas e orgullosos do que compañeiras e compañeiros como Amador e Daniel nos deixaron. E conseguindo que as obreiras e obreiros que virán sintan ese mesmo orgullo de nós. Aínda que non aprendan os nosos nomes.
 
Compañeiros: Viva a CUT!
 
Compañeiras: Viva o día da clase obreira galega!
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript