NÚMERO 345 - 20/02/2017
CUTUDC / Novidades
Bermejo en lugar de Vermello, Corujo por Coruxo, Gestal por Xestal, Villarino por Vilariño ou Rajo por Raxó son só unha pequena mostra das formas deturpadas de apelidos galegos que xurdiron ao longo de cinco séculos.
Co propósito
de facilitar a restitución das formas correctas, a
Real Academia Galega acaba de editar
Os apelidos en galego. Orientacións para a súa
normalización, obra que recolle nunha
listaxe normalizada 1.500 apelidos que abranguen en
conxunto preto do 90 % da poboación galega. O libro
pretende ser unha ferramenta útil para toda a
cidadanía, mais de maneira especial para o persoal
dos rexistros civís, responsables dos trámites de
regularización lingüística dos apelidos. Con este
obxectivo, a edición impresa complétase coa dixital,
que xa está dispoñible en
http://academia.gal/publicacions-totais e na
intranet do persoal da administración de xustiza en
Galicia.
O presidente da Real
Academia Galega, Xesús Alonso Montero, presentou a
obra esta mañá en rolda de prensa na sede da propia
institución acompañado do secretario, Henrique
Monteagudo; o director xeral de Xustiza, Juan José
Martín Álvarez, e o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, cuxos departamentos
apoian a edición e distribución. A académica
correspondente Ana Isabel Boullón, coordinadora do
equipo que realizou o traballo, dentro do Seminario
de Onomástica da Real Academia Galega, tamén
interveu a través dun vídeo por se atopar de estadía
de investigación en Reino Unido.
O libro é un avance do dicionario de apelidos
galegos no que está a traballar o Seminario de
Onomástica, unha obra que, ademais de incrementar a
listaxe, conterá información de tipo etimolóxico ou
histórico. Cando estea rematado, "xa non haberá
razón ningunha para acometer máis
antroponimicidios", salientou Xesús Alonso Montero.
Un proceso de deformación ao longo de cinco
séculos
O galego como idioma instrumental foi desprazado na
escrita desde principios do século XVI. Unha das
consecuencias, recordou Ana Isabel Boullón, foi que
os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das
persoas, comezaron a ser modificados. No caso dos
apelidos, que xa eran hereditarios, sufriuse un
proceso de deturpación que lles afectou de xeito
desigual. Malia manterse esta presión cinco séculos,
calcúlase que o total de formas castelanizadas é de
apenas o 16 %. Aféctanlles, iso si, a algúns dos
apelidos máis frecuentes, de modo que o seu impacto
social é maior. Na inmensa maioría dos casos os
apelidos casteláns en Galicia son produto da
deformación case sempre involuntaria dun apelido
orixinariamente galego. Tamén se dá o paradoxo de
que moitas formas normalizadas na toponimia
permanecen castelanizadas cando funcionan como
apelidos, como sucede con Seijas en lugar de
Seixas ou Abeijón por Abeixón,
puxo como exemplos.
Ademais da forma correcta de 1.500 apelidos,
seleccionados maioritariamente cun criterio de
frecuencia, Os apelidos en galego. Orientacións
para a súa normalización inclúe un glosario de
formas e grafías anómalas coas súas correspondentes
formas estándares para facilitar a resolución de
dúbidas. "Preténdese, así, avanzar nun aspecto tan
importante da normalización lingüística como é o dos
apelidos, que nos identifican como persoas e como
pobo", resume a académica correspondente, que agarda
que o paso dado con esta publicación vaia tamén
"acompañado por medidas oficiais que fomenten a
recuperación dos nosos apelidos tradicionais".
Emisión de certificados
Tras a reforma de 1999, a Lei do rexistro civil,
permite mediante un sinxelo trámite, mudar a forma
dos apelidos para regularizalos ortograficamente
cando a forma inscrita non se adecúe á gramática e á
fonética da lingua correspondente. Con esta obra, a
institución responsable por lei dos aspectos
normativos da lingua galega achega aos rexistros
civís un elenco de formas estandarizadas que
permitan aos cidadáns e cidadás exercer o seu
dereito ao uso da forma correcta do seu apelido, un
dereito que non figura explicitamente nas leis, mais
que se infire da Lei de normalización lingüística
(1983). En diante, este trámite será máis fácil, xa
que non será preciso entregar no rexistro unha
certificación da Academia no caso dos apelidos
incluídos nesta listaxe. A RAG continuará, en
calquera caso, expedindo este tipo de documentación,
de xeito gratuíto, para aquelas persoas que así o
demanden.
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín
Álvarez, explicou que Os apelidos en galego.
Orientacións para a súa normalización xa está a
disposición dos traballadores da administración de
xustiza, a través da súa intranet, e agradeceu á RAG
o traballo realizado. En termos similares, o
secretario xeral de Política Lingüística valorou a
utilidade desta ferramenta e coincidiu con Xesús
Alonso Montero en que a preservación do "patrimonio
inmaterial" que conteñen os apelidos "é un dereito".
Imprimir Un libro cos 1.500 apelidos máis frecuentes
facilita a corrección de formas deturpadas
Real Academia Galega
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript