Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 345 - 20/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  LIBERDADES
 

Lei mordaza: multas de 600 euros por darlle ao "gústame" en redes sociais a un vídeo viral

AO vídeo viral dun policía correndo detrás dun suposto delincuente xera multas de 600 euros aos responsables de comentarios xocosos e tamén de "likes". Segundo os medios locais, o axente "está a actuar pola súa conta e dun modo un tanto obcecado". Desde que se aprobou a Lei Mordaza, a policía multa a unha media de 30 persoas ao día só por "faltas de respecto" aos axentes

 

  • Noticias relacionadas

 

"A medida que transcorra o tempo, moitas das dúbidas ou críticas verase que non teñen fundamento", dicía entón Jorge Fernández Díaz, Ministro do Interior, cando entrou en vigor a Lei Morzada. Tiña rota a bóla de cristal porque hoxe é máis polémica que nunca. Non só xera divisións dentro do congreso, que votou a favor da súa derrogación. Tamén xera divisións naquelas institucións ás que máis empodera, como a comisaría de Santiago de Compostela onde traballa o policía que  denunciou aos internautas que presuntamente viralizaron o seu vídeo cun simple "like".
 
A historia é exemplar por varios motivos pero sobre todo porque, a diferenza doutras similares, é difícil non estar de parte do policía. Empeza así: un veciño que esperaba co coche diante da estación de tren de Santiago ve a un policía nacional correr detrás doutro home. O perseguido vai sen camisa, o perseguidor non o dá pillado. Ao veciño parécelle gracioso, grava a persecución errada e o vídeo acaba na internet. A Internet parécelle hilarante.
 
Uns deixan comentarios, outros pican en "gústame" e compárteno no seu muro. A maioría mófanse da incapacidade do policía para arrestar ao delincuente. Só que, segundo informa a comisaría, o perseguido non era un delincuente senón un paciente mental, e o policía non trataba de alcanzalo senón de sacalo da estrada para que non o atropelasen.
 
"Pola súa conta e dun modo un tanto obcecado"
A policía tenta recontextualizar o vídeo pero xa é demasiado tarde: a persecución foi reproducida 17.000 veces e compartida máis de 300. En novembro de 2016, o policía presenta unha denuncia contra o condutor que realizou o vídeo e, tamén, os autores dos "gústame" e algúns dos comentarios máis feos. Esta semana empezaron a chegar as notificacións dunha sanción administrativa por parte da Brigada Local de Seguridade Cidadá, cunha multa de 600 euros por infracción do artigo 37.4 da Lei. Ao realizador da obra poderíanlle pedir ata 30.000 euros, se soubesen quen é.
 
A denuncia establece que o vídeo mostra a un policía no exercicio das súas funcións e que a súa difusión constitúe un risco para a súa seguridade persoal e familiar. Pero, en lugar do artífice da imaxe, neste caso perséguese a aqueles que, cos seus "Gústame", actuaron como promotores do contido, contribuíndo á súa difusión. Tamén aos autores de comentarios que poñen "en dúbida a capacidade como funcionario policial e ridiculizando a actuación xeral da Policía Nacional e desprestixiando á institución".
 
Pero, segundo La Voz de Galicia, o policía actuou sen "o respaldo nin co coñecemento do comisario, que onte soubo da existencia da denuncia pola prensa". O xornal asegura que a maioría dos policías composteláns consideran que o axente "está a actuar pola súa conta e dun modo un tanto obcecado".
 
En principio, a Lei de Seguridade Cidadá permite aos axentes das Forzas de Seguridade do Estado elevar propostas de sanción á Delegación do Goberno por infraccións administrativas recollidas no texto. A Delegación do Goberno tramítaas e comunica ao afectado. O artigo 52 establece "o valor probatorio das declaracións dos axentes da autoridade". Non necesitan comunicarllo aos seus superiores.
 
Unha lei caracterizada polo conflito de intereses
A lei mordaza nunca foi moi popular. Sobreviviu ao congreso en marzo de 2015 grazas ao respaldo único do PP e pese ao rexeitamento do resto dos grupos políticos. O que fai é dar ao goberno poderes que antes só podía exercer un xuíz. E aos policías un poder que rompe o principio de igualdade procesual.
 
Desde que se aprobou en xullo de 2015, houbo exemplos dabondo. Un dos máis sanguentos foi o da veciña de Petrer, Alacante, que tivo que pagar unha multa de 800 euros por subir ao seu muro do Facebook a foto dun coche da Policía Local aparcado nunha zona reservada para minusválidos. O mesmo policía que cometía a infracción xerou a sanción administrativa, sen que o evidente conflito de intereses obstaculizase o proceso.
 
Peor aínda: os denunciados pasan a ter antecedentes policiais sen pasar por un xuíz. Outorga o dereito para ter un "Rexistro Central de Infraccións contra a Seguridade Cidadá", unha especie de rexistro de antecedentes onde o Ministerio do Interior ten fichados a aqueles que considera infractores "a efectos exclusivamente de apreciar a reincidencia". Nese rexistro están, por exemplo, todos aqueles que foron detidos por "a perturbación da seguridade cidadá". Por exemplo: parar un desafiuzamento ("Impedir a calquera autoridade o exercicio lexítimo das súas funcións no cumprimento de resolucións administrativas ou xudiciais"), manifestarse pacificamente ante as portas do Congreso ("Manifestacións non comunicadas ou prohibidas ante infraestruturas críticas"), protestar durante un espectáculo de tortura animal ("Perturbar a seguridade cidadá en actos públicos, espectáculos deportivos ou culturais, solemnidades e oficios relixiosos ou outras reunións ás que asistan numerosas persoas").  
 
O ano pasado, unha petición de información de eldiario.es permitiu coñecer os detalles das 40.000 sancións desde a súa posta de longo; unha media de 30 persoas ao día só por "faltas de respecto" aos axentes da lei, sempre segundo os axentes da lei. Esta mañá, o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda declarou que a Policía Nacional só denunciou aos que difundiron o vídeo despois de que se fixese público que o perseguido era un enfermo mental e que "o que se está facendo é aplicar unha lei que está en vigor e, por tanto, hai pouco que discutir". Nada máis lonxe da realidade.
 
El Diario.es

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript