NÚMERO 345 - 20/02/2017
CUTUDC / Novidades
A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C e a Agrupación Avogados Novos de Vigo volveron a denunciar que os reclusos de centros penais de Galicia sofren a "privación dun dereito básico, como é o dereito da saúde", ao ter "impedimentos" para poder acceder aos novos fármacos para a hepatite C.
Tal e como
comunicaron estes colectivos, tras manter unha
reunión sobre este tema, dos 654 reclusos de Galicia
afectados pola hepatite C, o número de pacientes
tratados "apenas excede a decena en máis dun ano".
En relación a iso, criticaron que o convenio entre a
Consellería de Sanidade e o Ministerio do Interior
para o tratamento destes pacientes "só deixa en mans
dos facultativos do Sergas a prescrición, reservando
a dispensación dos tratamentos a Instituciones
Penintenciarias". "Isto dificulta o control e
seguimento desas prescricións facultativas",
censuraron.
As dúas organizacións cualificaron esta situación de
"inaceptable" por supor "unha vulneración dos
dereitos fundamentais" dos presos, e apuntaron que
"detrás deste sistema de acceso escóndese unha
vontade deliberada de reducir o número de
medicacións efectivamente dispensadas ao mínimo
posible, con fins exclusivamente orzamentarios".
Ante todo iso, comprometéronse a elaborar unha
estratexia conxunta para solucionar este problema,
que consideran "moi grave e perentorio", e esixir
que se execute "con urxencia" a transferencia das
competencias en materia de saúde penal á Xunta para
que os reclusos accedan aos servizos sanitarios nas
mesmas condicións que o resto de cidadáns.
Finalmente, tamén deseñarán accións de información e
presión neste sentido e reclamarán que se dispoña
unha dotación orzamentaria e de medios "suficiente"
para afrontar esta situación "en tanto esa
transferencia non se efectúe".
Galicia Confidencial
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript