Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 345 - 20/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

En tempos difíciles a unidade de acción faise imprescindible

APA iniciou a súa andaina como unha alternativa unitaria que aglutinou a traballadoras e traballadores que, partindo do recoñecemento da diversidade de criterios existente no seu seo, entendeu que, tendo como base articuladora o asemblearismo, podíamos conseguir mellorar as condicións laborais, económicas e sociais das traballadoras e traballadores da UDC, defendéndoa como unha universidade pública, galega ao servizo da sociedade que sostén a súa actividade facendo posible a consecución dos seus obxectivos. Móvenos, tamén a defensa dos servizos públicos e a loita por unha sociedade na que prevaleza a xustiza social por riba dos intereses económicos.

 

  • Noticias relacionadas

 

 Con esa bagaxe participamos, coas nosas humildes achegas, nas sucesivas Xuntas de Persoal desde o ano 2011. As vicisitudes propias dun órgano de representación levan a que en períodos determinados avancen as conquistas, noutros períodos se estanquen e que, como neste preciso momento, os interlocutores institucionais incumpran normativas (comisións de servizo), practiquen a mala fe negociadora (ocultación á Xunta de Persoal e Consello de Goberno das amortizacións que se comunicaron á Consellería de Facenda), intenten que o concurso de méritos non contemple todas as vacantes...
 
Diante da situación descrita caben, esencialmente, dúas alternativas, a saber, desistir das responsabilidades, meterse debaixo da mesa, desaparecer do mapa ocultándose, ou plantarlle cara respondendo unitaria e colectivamente utilizando todos os mecanismos ao noso alcance, esencialmente, a mobilización d@s traballador@s, a denuncia pública e a denuncia xudicial de todo o que transgreda a legalidade.
 
APA manifestamos en reiteradas ocasións na Xunta de Persoal que non podiamos permitir que todas as circunstancias sinaladas quedasen sen resposta. Unhas veces contamos coa unidade da práctica totalidade do órgano de representación (mobilización contra as amortizacións), outras veces tivemos que actuar en solitario (denuncia da prórroga das comisións de servizo do persoal funcionarizado). Agora mesmo requirimos, xa está fóra de prazo, a convocatoria do concurso de méritos para, no caso de que non se cumpran os acordos e o que establece a lexislación aplicable, responder axeitadamente.
 
Queda moito por facer, precisamos que a Xunta de Persoal sexa o órgano de debate e toma de decisións que non só os grandes e importantes temas que temos enriba da mesa requiren, tamén temos que dar alternativas e buscar solucións para os problemas que día a día aparecen e que afectan ás compañeiras e compañeiros. Na Xunta de Persoal non sobra ninguén. Non entendemos as desercións.

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript