Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 344 - 13/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Servizo militar, xubilación e trienios

Nesta tempada varios compañeiros interesáronse polo cómputo do tempo de servizo militar tanto para o cálculo de trienios como para a xubilación. A raíz da publicación no DOG da Resolución da Secretaría Xeral de Emprego que reflicte o acordo entre centrais sindicais e a representación da Xunta de Galiza recoñecendo o tempo de servizo militar no cómputo dos trienios do persoal laboral, preguntámoslle ao xerente se ese acordo podería ser de aplicación ao persoal laboral e funcionario da universidade. Sinalou que o consultaría na Asesoría Xurídica pero aínda non recibimos resposta. Feita a pertinente pregunta na asesoría xurídica propia sinalóusenos o seguinte.

 

  • Noticias relacionadas

 

Segundo a lexislación estatal actual:
 
Na XUBILACIÓN ORDINARIA o tempo de servizo militar ou de prestación social que EXCEDA DO SERVIZO OBRIGATORIO computa como período cotizado para a pensión de xubilación. Durante uns anos, considerouse como base da duración obrigatoria nove meses, por iso quen fixo máis meses, tiñan un excedente. Pero en 2013 isto cambiou.
 
A finais do ano 2013 o Ministerio de Defensa remitiu a todas as súas delegacións e subdelegacións un novo modelo estándar de certificación e unha circular explicativa do mesmo e dos novos criterios. A partir de agora certifícase como servizo militar obrigatorio o período de servizo militar obrigatorio vixente en cada momento, polo que na maioría dos casos XA NON HAI PERÍODOS QUE EXCEDAN DA DURACIÓN LEGAL DO SERVIZO MILITAR OBRIGATORIO QUE CERTIFICAR. No modelo de certificado indícanse as 5 posibilidades de duración do servizo militar obrigatorio: 2 anos, 15 meses, 13 meses, 12 meses e 9 meses e concrétase a duración considerada en cada caso e a normativa que o regulaba.
 

ANO DE INCORPORACIÓN

PERIODO OBRIGATORIO PARA ESES ANOS

Desde 1/1/1970

Até 31/12/1984

15 MESES

Deste 1/1/1985

Até 31/12/1985

13 MESES

Desde 1/1/1986

Até 31/12/1991

12 MESES

Desde 1/1/1992

Até 31/12/2002

9 MESES

 
Por outra parte, a Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema de seguridade social na súa disposición adicional vixésimo oitava. Cómputo, para efectos de seguridade social, do período de servizo militar obrigatorio ou de prestación social substitutiva.
 
“O Goberno presentará, no prazo dun ano, un proxecto de lei que estableza un sistema de compensación á Seguridade Social para que esta poida recoñecer, a favor das persoas interesadas, un período de asimilación do tempo de servizo militar obrigatorio ou de prestación social substitutiva que compense a interrupción das carreiras de cotización ocasionada por tales circunstancias, acorde cos incrementos que, no ámbito da contributividade, se producen nesta lei, e coa sustentabilidade do sistema.”
 
Anualmente vén sendo aprazada a súa aplicación pola Lei de Orzamentos Xerais do Estado. Polo que de momento non se desenvolveu esta Lei para contar de forma xeral o tempo de mili como tempo cotizado.
 
XUBILACIÓN ANTICIPADA. No Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social.
Artigo 207. Xubilación anticipada por causa non imputable ao traballador.
1. O acceso á xubilación anticipada derivada do cesamento no traballo por causa non imputable á libre vontade do traballador exixirá os seguintes requisitos:
“c) Acreditar un período mínimo de cotización efectiva de 33 anos, sen que, para tales efectos, se teña en conta a parte proporcional por pagas extraordinarias. Para estes exclusivos efectos, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, co límite máximo dun ano.”
 
Artigo 208. Xubilación anticipada por vontade do interesado.
1. O acceso á xubilación anticipada por vontade do interesado exixirá os seguintes requisitos:
“b) Acreditar un período mínimo de cotización efectiva de trinta e cinco anos, sen que, para tales efectos, se teña en conta a parte proporcional por pagas extraordinarias. Para estes exclusivos efectos, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, co límite máximo dun ano.”
 
XUBILACIÓN PARCIAL. No Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social. No Artigo 215, punto 2, apartado d establécese:
“d) Acreditar un período de cotización de trinta e tres anos na data do feito causante da xubilación parcial, sen que para estes efectos se teña en conta a parte proporcional correspondente por pagas extraordinarias. Para estes exclusivos efectos, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, co límite máximo dun ano.
 
TRIENIOS:
Cos criterios establecidos no cadro sinalado ao comezo:
 

ANO DE INCORPORACIÓN

PERIODO OBRIGATORIO PARA ESES ANOS

Desde 1/1/1970

Até 31/12/1984

15 MESES

Deste 1/1/1985

Até 31/12/1985

13 MESES

Desde 1/1/1986

Até 31/12/1991

12 MESES

Desde 1/1/1992

Até 31/12/2002

9 MESES

 
Só é computable a efectos de trienios o período de tempo que excedeu ao de mili obrigatoria.
 
Quen realizaron as Milicias Universitarias, só se lles computará o período de prácticas
que se realizou no acuartelamento que se escollera.
 
PROCEDEMENTO A REALIZAR PARA A CERTIFICACIÓN:
 
En todos os casos dirixirse co DNI e cartilla militar á Delegación do Ministerio de Defensa da provincia onde se residía no momento de incorporarse ao servizo militar, solicitando un certificado para o cómputo recíproco de cotizacións. Na Coruña a Delegación esta na Praza Santo Domingo, 18 ·teléfono 981 21 76 23, moi preto da Reitoría da Universidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript