NÚMERO 344 - 13/02/2017
CUTUDC / Novidades
Hai tres anos que dende o Movemento Galego da Saúde Mental, na nosa primeira declaración, chamamos a atención sobre o deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia.
Sinalamos como
causas máis destacadas dese deterioro os recortes
sanitarios e as formas de xestión sen planificación
e obstaculizadoras da participación dos profesionais
da Sanidade Pública no facer cotián dos servizos e
unidades asistenciais.
Tamén salientamos que como consecuencia diso se
estaba a comprometer a calidade asistencial e a
seguridade dos pacientes.
Recentes acontecementos na Unidade de
Hospitalización Psiquiátrica do Hospital
Médico-Cirúrxico de Conxo materializaron
desgraciadamente estes pronósticos. O falecemento
dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días
antes, dunha agresión sexual por parte doutra
paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) son
cuestións de indubidable gravidade que han de
entenderse no marco do deterioro antes salientado.
Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando
publicamente dende diferentes instancias a escasa
dotación desa Unidade, a frecuente retirada do
persoal de Enfermería da mesma para cubrir
necesidades doutros servizos do mesmo hospital
(tamén debilitados polos recortes de persoal), a
escasa actividade dos pacientes ingresados, a
carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta
de medios para a coordinación e elaboración de plans
terapéuticos nos que participen e se coordinen todos
os profesionais, e a repetición de agresións ó
persoal. Sen embargo, por quen ten a obriga de
dirección e xestión, nada se fixo ante estas
carencias e advertencias para corrixir o arriscado
rumbo que se estaba a seguir.
Os acontecementos que hoxe motivan este
comunicado público teñen unha dolorosa dimensión
humana. Se se poden previr, non poden aceptarse
silenciándoos ou permanecendo pasivos ante os
mesmos, e menos aínda por profesionais da saúde
mental. A sociedade ten dereito a saber o que
ocorre nos servizos públicos que sustenta co seu
esforzo. Feitos así deben ser coñecidos
publicamente, e tamén han de ser tratados polos
responsables do SERGAS como graves indicadores de
que algo vai moi mal na atención á saúde mental.
A súa prevención futura esixe a adopción de
inmediato das medidas oportunas, recollendo as
aportacións dos profesionais, en particular de
Enfermería, para a mellora da calidade da
hospitalización psiquiátrica. E iso non se logrará
con meras medidas de reforzamento do control dos
pacientes ou de aumento da coerción sobre os mesmos.
Polo contrario, esa prevención debe realizarse
reforzando a finalidade terapéutica da
hospitalización e o respecto aos dereitos
fundamentais das persoas, dotando de profesionais
suficientes e coa cualificación adecuada a esas
Unidades (con especial urxencia debe dotarse a
terapia ocupacional e profesionais de enfermería),
implantando nelas formas de traballo participativas
e coordinadas entre tódolos profesionais, definindo
protocolos e instrucións de traballo claras ante os
potenciais riscos, e rexistrando documentalmente de
xeito sistemático a actividade desenvolvida por
tódolos profesionais que prestan asistencia.
Diversos compoñentes da calidade asistencial na
sanidade se viron afectados pola xestión que se fixo
da crise económica. En concreto, nos casos que aquí
denunciamos destacan as intolerables carencias na
garantía de seguridade das persoas cando reciben
atención sanitaria, a vulneración do seu dereito a
tratamentos e coidados sanitarios acordes cos
coñecementos actuais e en igualdade cos demais
pacientes e usuarios, e o escaso respecto aos seus
dereitos fundamentais e sanitarios.
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript