Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 344 - 13/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Prepárate para odiar aos estibadores

Facía xa tempo que non tiñamos un colectivo de traballadores ao que odiar con todas as nosas forzas e poder gritarlles "privilexiados!". Odiamos a funcionarios (parasitos!), mineiros (subvencionados!), profesores (vagos, todo o día de vacacións!), e por suposto aos máis odiables de entre os odiosos: os controladores aéreos, que tan bos ratiños de odio nos deron un verán.

 

  • Noticias relacionadas

 

Pero estamos de parabéns, porque nos próximos días vannos botar un novo óso: os estibadores de porto. Non sabiamos nada deles ata agora, só que son os que cargan e descargan barcos; pero resulta que tamén son uns privilexiados. Agora o Goberno prepara un decreto para liberalizar a actividade, e os traballadores están dispostos a ir á folga para defender os seus dereitos. Perdón, quero dicir que "os privilexiados están dispostos a chantaxearnos para defender os seus privilexios".

A secuencia é a habitual, vímola moitas veces:
 
1.- Collemos un colectivo que aínda non sucumbise a reformas laborais e precarización.
2.- Anunciamos recortes de soldos e dereitos, porque "o manda Europa", e co argumentario habitual: liberalizar, gañar competitividade, modernizar, crear emprego…
3.- Sinalamos aos traballadores como "privilexiados", "restos dun modelo anacrónico" (se é posible do franquismo, para odialos máis), e por suposto "aristocracia sindical".
4.- Informamos á cidadanía dos privilexios (soldos altos, iso o primeiro).
5.- Rompemos a negociación, por moi avanzada que estea, e non lles deixamos máis saída que a folga.
6.- Acusamos aos folguistas de danar un "sector estratéxico".
7.- Lanzamos unha campaña de desprestixio por terra, mar e aire.
 
Ademais, hai que asegurarse de que os representantes sindicais non teñan voz, que xa sabemos o manipuladores que son: se lles deixamos, dirán que o seu non son privilexios senón dereitos gañados en décadas de loita, que a súa é unha profesión especialmente dura e con alta sinistralidade, que hai outras opcións para cumprir con Europa, que os portos son rendibles e o único que buscan goberno e patronal é abaratar custos laborais (rebaixa salarial ¡do 60%!, máis horas de traballo, flexibilidade laboral…).
 
Nada, nin caso. Non escoiten aos traballadores, que son capaces de convencernos. Eu onte fíxeno, atendín ás súas razóns, e entráronme dúbidas: a ver se van ter razón… A ver se en realidade non son uns privilexiados… A ver se é que o único "privilexio" que teñen (o mesmo "privilexio" que controladores, mineiros ou funcionarios; o mesmo "privilexio" que perdemos a maioría; o que lles queren quitar) é o "privilexio" de ser capaces de defender os seus dereitos, de ter conciencia de clase, organización e capacidade de loita.
 
Tantas dúbidas me entraron que mirei a ver que sindicato é ese dos estibadores e descubrín que ten uns principios que non parecen os propios dunha mafia nin dunha aristocracia insolidaria: unha coordinadora que se define de clase, democrática, asemblearia, internacionalista e que defende a solidariedade con toda a clase traballadora (como demostra a súa participación en sucesivas folgas xerais).
 
Uf, abrandeime, recoñézoo. Empecei a pensar que deberiamos apoiar a loita dos estibadores. Non por eles, senón por nós: porque cada vez que un colectivo "privilexiado" perde dereitos, o efecto bolboreta laboral acábanos golpeando a todos. Non gañamos nada e, a cambio, perdemos espazos de organización sindical que aínda resisten e que serven como exemplo.
 
Nada, un día parvo, deseguido se me pasa. En canto vexa dous telexornais lembrándome o soldazo dos estibadores sumareime outra vez ao pelotón de odiadores. Facédeme sitio, que vou.
 
Zona Crítica

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript